Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Decisión do Consello da Xunta

Lamazares, Luz Casal e César Antonio Molina recibirán a Medalla Castelao

A distinción vai ademais a dúas personalidades menos coñecidas: Rosalina Celada, fundadora da Asociación de Matronas, e Prudencia Santasmarinas, polo seu traballo a prol das mariscadoras.

Redacción - 18:25 03/06/2010

"A perfección, o simbolismo ou a transcendencia das obras e do labor dos premiados con este recoñecemento debe ser o froito da entrega dunha vida, e o reflexo dun traballo conscientemente realizado con entrega e con fe na cultura, na historia e no ser dun pobo". Así o recolle o decreto co que en 1984 se crearon as Medallas Castelao.

Segundo decidiu na súa xuntanza desta quinta feira o Consello da Xunta, os persoeiros recoñecidos neste 2010 para servir de exemplo e "guía para futuras xeracións que queiran seguir engrandecendo a realidade de Galiza" son Antón Lamazares, Luz Casal, César Antonio Molina, Rosalina Celada e Prudencia Santasmarinas.


Biografía dos homenaxeados

Prudencia Santasmarinas traballou desde 1966 e durante 25 anos no servizo de Extensión Agraria do Ministerio de Agricultura. En 1993 trasladouse ao Servizo de Extensión Pesqueira da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, onde comeza a traballar coas mariscadoras a pé. O Goberno considera que o seu labor foi clave para conseguir facer do marisqueo unha profesión, deixando de ser unha actividade complementaria, ou que participasen nos órganos de goberno das confrarías.

Rosalina Celada traballou como matrona durante toda a súa vida laboral, até o ano 1990, no Hospital Militar da Coruña, e desde 1990 deica a súa xubilación en abril de 2010, no Servizo Galego de Saúde. A Xunta destaca o seu labor formativo como docente e titora para o alumnado de Enfermaría e na especialidade de matrona. Foi a presidenta fundadora da Asociación de Matronas de Galicia.

Luz Casal é unha ben coñecida cantante de pop-rock nacida no concello coruñés de Boimorto. Foi tamén recoñecida coa Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes, a Medalla das Artes e as Letras de Francia, a Medalla de Ouro da Cidade de París, a Medalla de Ouro de Madrid e nomeada Filla Predilecta de Boimorto.

Antón Lamazares é un recoñecido pintor e escultor galego nado en Lalín, cunha ampla proxección internacional. Viviu e traballou en cidades como Nova York, París, Berlín, ou Santiago de Compostela. Desde o ano 1982 ata 2010 leva realizadas máis de 25 exposicións individuais e as súas obras constan nos fondos de grandes centros de arte contemporánea en todo o mundo.

César Antonio Molina, escritor, investigador e político naceu na Coruña e é licenciado en Dereito e en Ciencias da Información. Foi profesor na Universidade Complutense e na Universidade Carlos III. Entre 2004 e 2007, foi director do Instituto Cervantes. En 2007 foi nomeado ministro de Cultura cargo que exerceu até o seu cesamento en abril de 2009.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: