Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
O Trasno

Prisciliano en xacobelandia

A actualidade do “Asunto Prisciliano” maniféstase na boa acollida que está tendo o libro de Victorino Pérez Prieto sobre a súa presenza na cultura galega. Un libro que se le ben. Xa antes o noso irimego maior, Pepe Chao, fixera un libro-proposta: “Prisciliano, profeta contra o poder”. O Prisci, como Tori ou Pepe, xa semella desta casa. 

Daniel López Muñoz - 17:25 04/06/2010

No século IV a Gallaecia Romana –máis extensa que Galicia- estaba no centro do mapa mundial, dun mundo que se escribía en latín. Non só exportamos emperadores e papas, senón poetas, peregrinas escritoras e, ademais, ao gran líder espiritual do momento: Prisciliano.  

Tori di que en cousas como Irimia e as Romaxes sobrevive o priscilianismo. Hai demasiados elementos simpáticos en Prisciliano como para non apreciar o eloxio.  Era un líder asceta, de talla intelectual, molesto pola perda de virxindade da Igrexa en mans do Imperio, creador de comunidades –metodicamente, traballosamente, “en rede” que diriamos agora-, que daba protagonismo á muller, vexetariano e moi libre. Foi acusado en falso das cousas máis noxentas. Deu proba da súa boa fe dando a cara e acudindo ás autoridades a peito descuberto. Un emperador golpista –Máximo-, para agradar as xerarquías católicas, decapitouno en Tréveris.

É probable que no priscilianismo haxa moitas cousas, máis ou menos gnósticas, con formatos filosóficos que nos resulten agora arredados e alleos, seguramente moi dualistas, con iso de carne perversa e a alma divina. Son épocas. 

Pero hai conexións. A primeira é a procura da enxebreza e a rebeldía contra unha forma de Igrexa imperial, corrupta. Por iso que, paradoxalmente, estou certo que Prisciliano subscribiría un manifesto pola liberación de Xacobe o apóstolo máis manipulado da Historia, e pola definitiva retirada de calquera símbolo do Santiago matamoros, como ese que está no curuto do pazo de Raxoi.  

Santiagos houbo tres. O Zebedeo é imposible que estea en Santiago. Pero era mariñeiro, gustáballe o peixe asado, e iso é moi galego. Despois está Alfeo, do que só sabemos era bo rapaz. E despois está o “irmán do Señor”, que, na carta de Santiago, di cousas tan pouco “dualistas” como estas:  “A relixión limpa e sen lixo aos ollos de Deus é esta: mirar polos orfos e polas viúvas nas súas coitas e gardarse da contaminación deste sistema”. Esa é pura teoloxía da liberación, auguiña fresca da que seguro que si bebe Irimia. 


4,71/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: