Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONFERENCIA POLÍTICA DO PSdeG

Os socialistas poñen ao día o seu ideario político

O documento marco de debate recolle temas como a resposta galega á crise, mais tamén cuestións indetitarias e lingüísticas.

Redacción - 10:30 12/06/2010

Un PSdeG asentado en teses galeguistas, lonxe de converterse nunha franquía do estatal, ou un PSdeG que pecha filas en torno a Madrid nun momento de especial debilidade. Entre estes dous eixos pivotará un dos debates máis agardados da Conferencia Política que os socialistas galegos celebran esta fin de semana. A anunciada viraxe en clave galeguista estaría liderada polo Ministro de Xustiza e presidente dos socialistas coruñeses, Francisco Caamaño, encargado de coordinar este encontro na procura dun estábel ideario político. Porén, outras voces xa adiantan que o propio secretario xeral, Manuel Vázquez, advertiu nos pasados dias que máis do 90% das agrupacións socialistas non se identifican cunha definición de Galiza en termos nacionais.

Á espera das conclusións da conferencia, que non se farán públicas até o domingo, prevese un serio debate ao respecto, que deseñará a nova folla de ruta ideolóxica do partido, culminando o proceso de “rearme e reestruturación máis importante dos últimos anos”, despois do fracaso electoral que devolveu ao PPdeG a Xunta o pasado 1 de marzo de 2009. Sexa como for, os documentos sobre os que se debaterá a partir deste sábado vaticinan un discurso que fala de “compromiso co país”, de “progresismo” e de “galeguismo”.

A crise económica e a resposta política que debe recibir por parte do socialismo será outro dos temas que previsibelmente centrarán a conferencia do PSdeG. Despois das últimas medidas adoptadas polo executivo estatal e coa reforma laboral aínda sobre a mesa, os socialistas galegos incluíron a última hora un anexo titulado “a nova fase da crise”, que analiza as causas que levaron a economía á actual situación e que non exclúe críticas ao presidente do goberno español.

Dous días de debate
Son preto de dúas mil persoas as que participarán durante este sábado e domingo nesta Conferencia Política, entre os máis de 1.700 acreditados e os convidados. Celébrase no Pazo de Congresos de Santiago e contou na inauguración coas intervencións do ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, o secretario de Cidades e Política Municipal do PSOE, Antonio hernando, e o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez. A clausura, que terá lugar o domingo, correrá a cargo do vicesecretario do PSOE, José Blanco.

Durante estes dous días prevese o debate de máis de 700 emendas presentadas polas agrupacións locais ao texto marco e outras 700 achegadas por colectivos e entidades representativas ás que se lle presentou o documento. O traballo repártese en oito comisións, das que sairá o documento definitivo, un texto que o secretario de organización do PSdeG, Pablo García, definiu como “unha reflexión de consenso do ideario dos socialistas galegos e da Galiza que queremos”.


2,5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Francisco Caamaño e Pachi Vázquez serán dúas figuras claves na definición da nova folla de ruta ideolóxica socialista
Francisco Caamaño e Pachi Vázquez serán dúas figuras claves na definición da nova folla de ruta ideolóxica socialista
Blanco será o encargado de clausurar a Conferencia o domingo
Blanco será o encargado de clausurar a Conferencia o domingo