Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Contra a "pregunta trampeada"

Chamamento á "rebelión cívica" fronte ás cancelas ao galego en Infantil

Queremos Galego censura o "malgasto" de 5 millóns de euros "en atacar o galego" e achega un manifesto de nais e pais en prol do idioma.

Redacción - 18:15 14/06/2010

No nome da plataforma Queremos Galego, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, propuxo este luns unha "rebelión cívica de toda a sociedade", e especialmente das familias con cativos que "van ver afectados os seus dereitos lingüísticos polo decretazo".

Callón tamén reprochou o "dispendio económico que están a supor todos os ataques de Alberto Núñez Feijoo contra a lingua propia de Galiza". "É inmoral e indecente que, nun contexto de crise económica como o que estamos a vivir, Feijoo ordene gastar elevadas sumas de diñeiro público en atacar a lingua galega", afirmou. Sumando gastos "oficialmente coñecidos" como é o caso da campaña de publicidade sobre o decreto, a reforma das Galescolas "en Galiñas Azuis", a consulta ás familias e os milleiros de libros de texto a desbotar por estaren en galego, sáelle á plataforma que se trata dun "desbalde" que se sitúa arredor dos cinco millóns de euros.

Nunha iniciativa especificamente dirixida a nais, pais e titores de cativas e cativos en educación infantil, Queremos Galego anima a marcar a opción “galego” na cuestión sobre a lingua incluída no sobre de matrícula "con independencia de cal sexa ou cales sexan a lingua ou linguas de uso habitual no ámbito familiar dos pequenos", ao entenderen que será esta a única resposta que vai garantir "que poidan ter contacto co galego antes dos seis anos". Durante a comparecencia diante dos medios esta segunda feira, Callón estivo acompañado por un grupo de nais e pais cuxos cativos comezan precisamente en infantil para este vindeiro curso e que deron lectura ao seguinte manifesto:


Manifesto de nais, pais e familias en defensa do dereito ao ensino en galego en infantil

A Xunta aprobou, a pesar do rexeitamento da comunidade educativa, un novo decreto que, entre outros problemas, non garante que un neno ou unha nena poida recibir ningún ensino en galego na etapa de infantil.

Esta norma foi promulgada de forma unilateral, sen ter en conta a opinión de sindicatos, organizacións estudantís, asociacións de nais e pais, institucións culturais como a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, ou un informe de altísimo nivel xurídico do Consello Consultivo. Este último organismo advertiu á Xunta de que este decreto conculca dereitos na educación infantil.

Que un neno ou unha nena poida recibir ningún ensino na lingua propia até que faga os seis anos de idade é unha situación que non se produce en ningunha outra comunidade do Estado español e que leva o galego a unha situación preautonómica, alén de conculcar o dereito a un ensino igualitario e de calidade.

Por iso, nais, pais, titoras e titores de nenas e nenos na etapa de educación infantil que participamos na plataforma Queremos Galego, chamamos a:

En primeiro lugar, que, na consulta trampeada sobre “lingua materna”, se responda “Galego”. As familias falantes de castelán deben ser conscientes de que só respondendo así poderán apostar porque as súas fillas e os seus fillos aprendan tamén na lingua de Galiza.

En segundo lugar, animamos a todas as familias a que cubran o formulario promovido pola plataforma Queremos Galego para dirixirnos ao Conselleiro de Educación reclamándolle garantías para a educación en galego dos nosos fillos e das nosas fillas. Temos que subliñar que este documento está pensado para todas as familias que, falen galego ou castelán, desexen que o seu fillo ou a súa filla teña as garantías para unha educación en galego. Subliñamos isto porque o actual decreto non só dificulta que unha familia falante de galego poida ter ensino neste idioma para o seu fillo/a, senón que imposibilita que un neno dunha familia falante de castelán poida adquirir competencias comunicativas en galego.

Temos en consideración que a lingua galega é patrimonio de todas e todos e, por tanto, non só nosa e dos nosos fillos e das nosas fillas, senón tamén dos seus compañeiros e do profesorado. O esforzo especial que se faga desde a escola en favor da nosa lingua propia perseguirá un beneficio colectivo e non individual.


5/5 (35 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: