Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Malia que o ministerio nega que vaia pechar liñas

As advertencias de Blanco indican máis obstáculos ao tren de proximidade

A plataforma Salva o Tren censura as palabras do ministro sobre liñas "deficitarias" e define de "elitista" e "faraónica" a aposta do TAV mentres se suprimen vías.

Redacción - 09:15 18/06/2010
Membros da plataforma Salvar o Tren a pé da estación de Catoira

Membros da plataforma Salvar o Tren a pé da estación de Catoira

"Debería estar castigado fomentar unha infraestrutura elitista que custa sumas exorbitantes, en substitución doutra que, soamente con 100 millóns de euros pode iniciar un período de desenvolvemento e modernización, e que serviría para vertebrar internamente Galiza, dándolle servizo aos máis débiles, intercomunicando as áreas metropolitanas e sendo o complemento perfecto para a alta velocidade". Con esa contundencia se pronuncian desde a plataforma cidadá Salva o Tren, reprochándolle ao ministro de Fomento, Xosé Blanco, as súas opinións ao respecto da rendabilidade económica das liñas ferroviarias.

A alerta da rede cidadá sae ao paso das recentes declaracións do ministro coas que agoiraba a supresión de liñas presuntamente "deficitarias". Das palabras de Blanco entendeuse que o ministerio renunciará ao mantemento das liñas con menor número de viaxeiros, metendo a tesoira no orzamento destinado a tal fin, gasto cualificado de "insostíbel" polo ministro. Esta quinta feira, Fomento aseguraba ao respecto dese plan de peche de vías que "non se estuda nin propón" prescindir de liñas ferroviarias en Galiza.

A aclaración non é abondo para Salva o Tren xa que, recordan, o ministro anunciou o que, na práctica, xa se leva facendo desde hai oito anos en Galiza: "Todos os servizos das liñas convencionais do eixo atlántico fóronse eliminando desde ese ano pola introdución do que el chama a modernización da liña (é dicir, o TAV)". Para o colectivo, é censurábel que Fomento pretenda "manipular" a sociedade dicindo que o servizo TAV Vigo – A Coruña é a substitución dun servizo que unía as grandes cidades coas poboacións intermedias. Lembran que o TAV deixa na beira atlántica apenas 10 das 32 estacións que había até hai pouco co obxectivo final de simplemente unir as catro urbes principais: Vigo-Pontevedra-Santiago-A Coruña. A plataforma tamén denuncia que se reducirán á menos da metade as frecuencias actuais nese traxecto e que, por riba, o prezo do billete triplicará o que como media teñen os servizos de proximidade no resto do Estado.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: