Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SALETA GOY, VIÚVA DO POETA

“Á Xunta só lle pido responsabilidade, que estea á altura de Manuel María”

A Casa-Museo do poeta da Terra Cha é un proxecto xa en marcha. Porén, a Consellaría de Cultura aínda non se sumou á iniciativa.

Redacción - 09:15 18/06/2010
Actualmente, na vivenda viven un irmán de Manuel María, a súa muller e o fillo de ambos

Actualmente, na vivenda viven un irmán de Manuel María, a súa muller e o fillo de ambos

A Casa-Museo de Manuel María está máis próxima xa a converterse nunha realidade. A Fundación Manuel María de Estudos Galegos, que promove o proxecto, chegou a un acordo cos familiares que residen na vivenda para a súa adquisición: mercarán a Casa das Hortas, onde naceu o poeta de Outeiro de Rei, e construirá unha nova para os seus actuais inquilinos, o irmán de Manuel María, Xosé, e maila súa dona, Xosefa, e o fillo de ambos, Xosé Antón.

O proxecto de rehabilitación da casa e a súa conversión en museo non lle queda máis que levalo á práctica. Foi presentado esta semana en Lugo, xa que a Área de Cultura da Deputación está a liderar o proxecto. Así nolo explica Saleta Goy, viúva do poeta: “o que primeiro recibimos foi o apoio da vicepresidencia da Deputación de Lugo, e non só o económico, senón outro máis gratificante aínda, o convencemento de que é un proxecto necesario”.

A Xunta opta polo silencio
A partir deste momento, sumáronse outras institucións como a Deputación da Coruña, o Concello de Monforte (“alí fixemos vida corenta e tantos anos, que non son poucos”, di Saleta) ou a Deputación de Ourense. Mentres, a Deputación de Pontevedra optou polo “silencio administrativo”, case a mesma resposta que a Fundación recibiu da Xunta de Galiza. A Consellaría de Galiza segue, a día de hoxe, sen apoiar nin económica nin verbalmente a iniciativa.

Saleta Goy avalía: “non me parece correcto, porque todo o que teña que ver co engrandecemento do país, co seu desenvolvemento cultural, debería ser apoiado polo Goberno, entendo eu”. Ademais, subliña a importancia que a Casa-Museo terá tamén para a comarca, un lugar onde hai moitos creadores, converténdose nun centro cultural que recibirá visitas de colexios, mais tamén nun foco turístico a tan só 10 quilómetros de Lugo. “A min non me gusta pedir esmola”, di Goy, “o único que lle pido á Xunta é responsabilidade, a mesma que demostrou Manuel María co país”.

Fondos que acollerá a Casa-Museo
Co apoio da Xunta de Galiza ou sen el, o proxecto da Casa-Museo de Manuel María continúa o seu camiño. A previsión é que poida abrir en ano e medio, se ben unha posíbel achega económica da Xunta na que Saleta Goy aínda confía podería acelerar o proceso. Nela preténdese dar acollida ao legado literario de Manuel María, mais tamén ás súas coleccións particulares.

Así, na casa chairega rehabilitada, segundo o proxecto de Xan Casabella e Xosé Díaz Viéites, darase acollida a unha biblioteca, que contén a mellor colección particular do libro galego ou sobre Galiza dende a posguerra até a actualidade e que constitúe unha fonte de consulta indispensábel para calquera investigador da época. Tamén un fondo artístico moi importante, sobre todo o no que se refire á colección de pintura, aínda que tamén existen importantes exemplos de escultura e cerámica. En concreto o Museo debera acoller cadros de figuras tan representativas como Castelao, Urbano Lugrís, Carlos Maside, Laxeiro, Luís Seoane, Sucasas, Alfonso Abelenda, Manuel Torres, Blas Lourés, Raimundo Patiño, Xavier Pousa, Argüelles, Balboa, Díaz Pardo ou Castro Gil.

Asemade, tamén permitirá a consulta de numerosos documentos manuscritos de persoas relevantes da cultura galega coas que Manuel María mantivo estreita relación (Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego) e diferentes coleccións de obxectos particulares de Manuel maría que servirán para ambientar a propia casa. A maiores, o proxecto prevé dotar á vivenda dos elementos convencionais das Casas Museo que achegan á obra e á figura que se referencia.


3,67/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A Casa das Hortas foi construída no ano 1891 polos avós de Manuel María e é unha típica casa de labregos acomodados
A Casa das Hortas foi construída no ano 1891 polos avós de Manuel María e é unha típica casa de labregos acomodados
O proxecto foi deseñado polos arquitectos Xan Casabella e Xosé Díaz Vieites (clica para ampliar)
O proxecto foi deseñado polos arquitectos Xan Casabella e Xosé Díaz Vieites (clica para ampliar)