Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
REÁBRESE O DEBATE

E se desaparecesen as deputacións...despois que?

Nun tempo de fonda crise económica o BNG recupera unha vella idea: a necesidade de suprimir estes organismos. Que outro modelo de organización administrativa pode ter Galiza?

Redacción - 09:30 20/06/2010

Esta mesma semana o BNG volveu á carga contra as deputacións provinciais. Dende a fronte nacionalista sosteñen que é a hora de abrir un debate amplo que remate cunhas institucións provinciais que ademais de dividiren artificialmente o país non acaban de ter unha función clara.

En 2010 as catro deputacións gastarán algo máis de 560 millóns de euros. Dende o Bloque subliñan que, de desapareceren, unha boa parte deste orzamento podería ir directamente para os concellos, as administracións que máis afogos están a notar coa crise e co parón da actividade económica.

Pola súa parte, os defensores destes entes decimonónicos escúdanse no papel que teñen as deputacións á hora de apoiar a aqueles consistorios con máis carencias.

Dentro do propio Partido Socialista, o ministro de Fomento, Xosé Blanco, chegou a dicir que debater a supresión das deputacións non debería ser un tema tabú. Porén, poucos días despois, outros dirixentes do seu partido non tardaron en dicir que unha supresión dos organismos provinciais non se lle pasaba a ninguén pola cabeza.

É tempo de novos entes máis reais?


Hai anos o alcalde de Lalín, Xosé Crespo (PPdeG), foi un dos abandeirados da necesidade de reducir o número de concellos. A discusión tivo certo calado social: É lóxico manter concellos de menos de 2.000 habitantes, cando non poden ofrecer nin os servizos máis básicos debido aos precarios orzamentos?

Pode ser a comarcalización unha solución máis racional?

As provincias son un “invento” relativamente próximo no tempo. En 1836 o Estado Español decidiu crear esta nova figura. A Constitución española de 1978 recolle e estipula a súa función. Por iso, a supresión das mesmas levaría consigo unha reforma constitucional no Congreso.

Mais, se os concellos máis pequenos non son viábeis, a solución podería pasar por entes comarcais que funcionen coordinadamente para dar servizos? En Cataluña, aínda que tamén en certas comarcas de Aragón ou mesmo no Bierzo, existe a figura do Consello Comarcal, que é un órgano administrativo que dirixe algunhas competencias concretas. En Galiza os pasos dados na comarcalización seguen a ser moito máis pequenos.


4,11/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: