Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Jorquera no Debate do Estado no Congreso

"A crise non só é económica: tamén é crise democrática"

O voceiro do Bloque repróchalle ao goberno español o "xiro antisocial e recentralizador" e a deficitaria atención ás necesidades de Galiza.

Redacción - 10:45 15/07/2010

"Galiza padeceu esquecemento e incumprimentos en materia de infraestruturas en tempos de bonanza, agora volverá sufrilos coa crise como coartada", expuxo Francisco Jorquera, portavoz do BNG no Congreso, durante a súa intervención a primeira hora desta quinta feira no Debate do Estado.

Na súa interpelación ao presidente do goberno español, Francisco Jorquera reprochoulle que dilapidase "a confianza e credibilidade coa que iniciaba a lexislatura". No actual contexto de crise entende o Bloque que José Luís Rodríguez Zapatero "abdicou do seu discurso" e acúsao de ser "un instrumento ao servizo de políticas que se ditan noutras instancias". "Non só estamos inmersos nunha crise económica, estamos inmersos tamén nunha crise da democracia", laiouse Jorquera. Na súa opinión, isto acontece por facilitar o executivo estatal que "os mercados se gobernen sós" e á vez que "acaben gobernando tamén as políticas públicas".

Segundo a avaliación do BNG, o goberno español está a facilitar "un novo nicho de negocio cos seus plans de pensións ás quenllas financeiras que provocaron a crise". É así que rexeitan os nacionalistas galegos a idea de alongar a idade de xubilación recordando que o propio Zapatero admitira que "non hai razóns de urxencia" que xustifiquen a reforma que propón. "No canto de mudar a estrutura produtiva optan por abaratar e degradar aínda máis a forza de traballo", denunciou Jorquera. Para o Bloque resulta significativo que o presidente do goberno español se cingue a "aplicar só as reformas que defenden os ultraliberais" e pola contra evita tratar a reforma do sistema fiscal.

Advertencia de que non contará co apoio do BNG
"O BNG sempre tivo nesta Cámara unha actitude construtiva, proclive ao diálogo e á posibilidade de acordo, pero se o que busca son acompañantes nun xiro antisocial e recentralizador non nos terá ao seu lado", subliñou o voceiro do BNG.

Foi nesa liña que Jorquera realizou un repaso da actitude do goberno español cara a Galiza, queixándose do freo aos avances no autogoberno galego como ferramenta para saír da crise. "Moitos problemas económicos de Galiza teñen orixe política e tratalos require de máis capacidade para decidir", valorou. De xeito concreto referiuse a diversos sectores estratéxicos, citando por exemplo os recortes á flota pesqueira e vetos a caladoiros ou o "inxusto reparto de cotas" no eido leiteiro que determina o peche continuo de explotacións leiteiras. "O noso desenvolvemento industrial non pode prescindir dun vector estratéxico como é a construción naval limitada por vetos políticos", salientou, en referencia ao que ten sido un importante cabalo de batalla do BNG nos últimos tempos, ao tempo que lamentaba a inoperancia en Bruxelas do goberno español respecto deste tema.

A lei de caixas foi outro aspecto do que se ocupou o portavoz do Bloque no seu discurso, censurando a actitude do executivo estatal neste ámbito. "A reforma financeira debe pasar por unha maior regulación, por crear unha banca pública, por reforzar a natureza social e o vínculo teritorial das caixas de aforro". Unha necesidade fronte á que, paradoxalmente, reprochou Jorquera, a actitude de Zapatero foi pilotar a estratexia contraria: "Bancarización e privatización das caixas".


5/5 (17 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: