Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Vietnam... Máis que unha guerra

Hai 25 anos, logo de un cuarto de século de consecutivas contendas e 55 días da definitiva operación Ho Chi Ming, a antiga Saigón rendeuse na mañá do 30 de abril de 1975. Os sinistros vestixios do conflicto son abraiantes: 3.000.000 de mortos dos que os dous tercios eran poboación civil; 58.000 norteamericanos deixaron a vida na primeira guerra perdida polos EUA. Napalm, gas laranxa...foron vertidos xenerosamente. Quedarán para sempre na retina da humanidade estampas visuais como o frío tiro na sen a un detido inmobilizado, meniños espidos fuxindo de costas as gadoupas das lapas indiscriminadas que os devoran...

Sen embargo Vietnam foi máis que o conflicto por excelencia da “guerra fría”. EUA endexamais volvería a participar nunha guerra tradicional. O novo concepto de operacións militares estaría definido pola selectividade, a rapidez, os grupos reducidos superespecializados, o control mediático e, sobre todo, pola ausencia de víctimas nacionais.

- 06:42 02/05/2000
Tags:

A 14.300 quilómetros de Vietnam e preto da presidencial Casa Branca érguese un pétreo monumento, nunha absurda forma de V da victoria, no que están labrados no granito os 58.202 nomes dos soldados norteamericanos mortos ou desaparecidos durante o combate.

Os veteranos da guerra, descendidos da condición de heroes á de asasinos, por mor da difusión televisiva dos magnos horrores nos que participaron, continúan avanzando no calvario da incomprensión nun país onde só cotizan os trunfos dos vencedores. Os case tres millóns de mozos que a penas superaban os vinte anos cando partiron hai 30 anos e que lograron sobrevivir aínda senten a ameaza vital do Vietnam, cando xa traspasan a cincuentena. Entre 1962 e 1971 o exército norteamericano fumigou, no marco da operación “Ranch Hand”, a selva con 70 millóns de litros do “axente laranxa” para defoliar as arbores nas que se agachaban os “Vietcongs”. A dioxina que contiña o composto químico tarda de 25 a 30 anos en amosar os seus efectos canceríxenos. “Os tempos son chegados” e o axente laranxa porta novas pragas como a diabetes, enfermidades coronarias etc.

No bando dos vietnamitas son compartidas as calamidades de saúde cos contrincantes. Sobrepasada a efémera euforia da victoria sobre o imperio, afrontan o futuro na precariedade. Os soldados de quinta non teñen dereito a pensión, os profesionais que serviron menos de 25 anos tampouco poden acceder ao retiro de 54.000 pesetas cos que malviven os afortunados. O Vietnam do 2000, no que habitan, sitúase entre os países máis pobres do mundo e atopase golpeado pola corrupción, o droga, a prostitución, o paro e a ausencia de ideais cos que combater o brillante soño americano, que penetra por internet, as películas pirateadas e os turistas.

No plano humano, as fondas pegadas dun dos maiores desastres de guerra do século XX, non impiden ollar as transformacións na xeoestratexia dos conflictos que a caída de Saigón ocasión na, ata entón, potencia invencible. Dende 1959 a 1973, data dos acordos de París que remataron coa presencia do exército norteamericano dous anos antes da rendición de Saigón, o exército dos EUA mantivo o equilibrio no campo de batalla, mais a guerra comezou a facer augas no interior do país, cando a opinión pública deu as costas ao exército cansa de pagar en vidas o numantino anticomunismo e avergonzada pola crueldade televisada dos seus compatriotas.

Dende entón, xa podemos aventurar cal vai ser a primeira víctima de calquera guerra: “a información”. Mais a revisionista reflexión sobre as doutrinas clásicas atinxiu tamén a metodoloxía da estratexia das intervencións exteriores. Abriuse paso a doutrina “Colin Powel”, aplicada na guerra do Golfo” pola que, logo de definir claramente o obxectivo político, compre bater no inimigo de xeito tan forte coma rápido, para que non podreza no tempo o conflicto. Empregar grupos reducidos de tropas altamente especializadas para limitar ao máximo as víctimas e implicar ás potencias aliadas na xustificación internacional. Baixo o guión das novas doutrinas desenvolveuse a tecnoloxía das armas a distancia coma os mísiles cruceiro golpear a distancia, minguando os riscos.

Nas guerras de Kosovo ou na do Golfo mantívose o deseño con pretendida precisión cirúrxica. Non se puxo pé a terra, ata amolecer o terreo a golpe de interminables mísiles que obrigaron a retirada dos contrincantes, antes de seren atrapados pola masiva destrucción arbitraria, precursora da nada. No 1993, en Somalia, a doutrina funcionou. aínda que se optase por retirar de súpeto ao exército e abandonar os obxectivos políticos antes ver incrementado o número dos soldados mortos, cando chegaron a 20.

Os manuais mudan, mais as guerras perduran. Coa perspectiva dos 25 anos transcorrido,s e outeando cara ao novo milenio, quizais cumpriría unha nova viraxe na xeoestratexia dos conflictos na que se apostase máis pola arma do dólar e menos pola diplomacia do mísil.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: