Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Nova Escola Galega chama á participación na manifestación pola lingua

Nova Escola Galega comunícalle á opinión pública a decisión de apoiar a manifestación do vindeiro día 18 a favor da lingua galega, convocada por Queremos Galego e fai un chamamento á sociedade para que participe activamente.

Enviada por redaccion redaccion o 14/10/2009 11:37

ogo dos ataques sistemáticos contra a nosa lingua que se veñen producindo nos últimos tempos por parte de sectores minoritarios amparados na nova administración autonómica, e das medidas adoptadas pola Xunta de Galicia en relación co idioma, unha asociación pedagóxica que ten como un dos seus eixos básicos estatutarios a galeguización do ensino non pode deixar de estar presente naquelas iniciativas que se leven a cabo na defensa da lingua galega.

Cando diciamos, co gallo da publicación do agora deostado decreto 124/  e ameazado de derrogación polo actual goberno, que era un instrumento insuficiente á vista dos datos sociolingüísticos publicados nos últimos anos, non podiamos nin imaxinar que se puidese chegar a unha situación coma actual, na que se nega sequera a posibilidade de que a nosa lingua sexa coñecida e usada con normalidade por todos e todas.

Tampouco poderían nin sequera pensar en tal cousa os homes e mulleres de todas as forzas políticas que por unanimidade aprobaron a Lei de Normalización Lingüística no ano 1983 ou o Plan Xeral de Normalización no 2004. Non poderían pensar que persoas cheas de inxustificable odio polo propio, pero con resortes de poder nas actuais institucións de goberno, puidesen condicionar de tal xeito o futuro do idioma.

Por iso, toca manifestar publicamente o dereito do país a conservar e normalizar o idioma propio, e dicirlles alto e claro ás actuais autoridades políticas que neste asunto non daremos nin un paso atrás.

Apoiamos e participaremos activamente na manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego para o día 18 en Compostela e en todas aqueloutras iniciativas que teñan como obxectivo o parar esta agresión.


4,33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: