Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Unha Fundación da Xunta despide a traballadores/as que ían participar na candidatura da CIG nas eleccións sindicais

Semella que voltamos ás vellas costumes do PP de listas negras e persecución a todo aquelo que teña que ver co nacionalismo e coa acción sindical. A CIG vén de denunciar ante a Inspección de Traballo o despedimento de sete traballadores/as da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galiza (dependente da Consellaría de Economía e Industria) que ían formar parte da candidatura da central nas vindeiras eleccións sindicais na empresa.

Enviada por trasgo trasgo o 23/10/2009 15:46

Representantes da CIG-Autonómica e traballadores/as de organismos da Xunta dedicados ao desenvolvemento e á innovación fixeron entrega este venres no rexistro da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galiza da candidatura da CIG para as eleccións sindicais que se van celebrar o vindeiro 4 de novembro. A entrega realizouse un día despois de que a central presentara unha demanda na Inspección de Traballo para denunciar a persecución sindical que a empresa está a levar a cabo en contra dos traballadores/as afiliados/as e simpatizantes da CIG, nun intento por impedir a súa participación no proceso electoral. Logo de que a central nacionalista dese o preaviso o pasado 7 de setembro, a  dirección da Fundación  iniciou unha persecución contra a CIG, que se traduciu no despedimento de sete persoas que ían formar parte da lista. “Tan pronto como algún traballador ou traballadora manifestaba a súa intención de participar na candidatura da CIG era despedido”, explica o responsábel da CIG-Autonómica, Manuel Gallardo Canitrot.

Os primeiros despedimentos comunicáronse unha semana despois a tres empregados/as, dous de proxectos de I+D e un terceiro de Mancomún. O día 24 de setembro produciuse outro despedimento e o 20 de outubro houbo dúas comunicacións máis. Nas cartas de despedimento entregadas pola empresa recoñécese a improcedencia dos mesmos e chégase a casos tan absurdos como que unha Fundación pública escolla pagar indemnizacións de 45 días por ano traballado antes de agardar ao remate do contrato de varios dos afectados/as o próximo 31 de decembro. “Os argumentos aducidos pola dirección son que non hai carga de traballo, pero paradoxalmente acaban de ampliar o contrato a dez bolseiros. Aínda quedan encomendas en vigor e existe unha importante carga de traballo”, afirma Canitrot, quen engade que dende que o PP chegou ao goberno da Xunta tense iniciado un proceso de persecución sindical a todo o que teña a ver co nacionalismo.
A respecto das medidas que se van tomar por parte da central, o responsábel da CIG-Autonómica sinalou que o xoves 22 se presentou unha denuncia ante Inspección do Traballo pondo en coñecemento estes feitos “para que abra unha investigación e estamos agardando a que os servizos xurídicos da CIG nos indiquen se se poden iniciar outras accións por vulneración dos dereitos fundamentais”. Así mesmo, tampouco se descarta comezar un calendario de mobilizacións.


3/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: