Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Artigo de opinión de Ana Lois Navaza, afiliada á CIG

Ana Lois Navaza envía este texto onde realiza unha reflexión sobre o que considera "perigo de cainismo e de acomodación" dentro da organización sindical.

Enviada por redaccion redaccion o 16/04/2010 11:09

Hai uns meses, atopábame no Cabo Ortegal, desexando que chegara o dia para deixar as miñas responsabilidades na Federación de Administración Pública. Mirando a beleza e a forza da natureza cando a auga do mar batía contra a Punta do Limo e dos Aguillóns fixen unha analoxía, pero no senso contrario, da miña experiencia como militante nacionalista, xa que a forza do apoio e solidariedade de quen deciden (que non dirixen), volveuse de xeito antinatural contra quen era vítima dun acoso laboral e pouco a pouco deixoume sen posto de traballo, cun salario menor froito dun grao de minusvalía e unhas cantas enfermidades. Pero non todo foron perdas, o cainismo practicado na CIG, foi quen de garantirme unha novelación gratis do que me pasou, que para si quixera Blanco Amor.

Se achantei o Alcalde de Dozón foi porque acredito nunha Galiza Ceibe e da clase traballadora, se son nacionalista non vou «comungar con rodas de muiño» cos oportunismos de toda caste, non quero ser «xente ao lonxe», a historia do que está pasando na familia nacionalista, obreira e de esquerdas haina que contar coa liberdade dos ollos dun neno, cun espírito crítico e autocrítico e non autoxutificativa do achegamento ao sistema dominante; non se trata agora de recuperar a xente que se afastou do nacionalismo como algún decididor, di agora, trátase de voltar ao rego os que abandonaron a praxe nacionalista (acomodaticia).

Na CIG e xa que logo na praxe que está a levar, ademais do perigo do cainismo, hai o da acomodación; coidado! temos unha xeración de liberados-as que só pensan chegar á xubilación nas mellores condicións posíbeis, iso si, animan ou esixen que na fábrica, no centro de traballo, a militancia verifique o discurso e as nosas plataformas ou reivindicacións, mesmo coa posibilidade da perda do posto de traballo, namentres eles, van conformando un clan familiar ou de relación perverso que fai do persoal, profesión, namentres o colectivo o reservan para o discurso. No xornal de «La Voz de Galicia» do xoves, 15 de abril deste ano condenan a CIG por despedir a un empregado por motivos ideolóxicos, por asinar como avalista no último congreso confederal na candidatura encabezada por Francisco Javier Cartelle Pérez, do Movemento pola Base, pois ben, o Xulgado do Social nº 1 de Santiago vén dicindo que a relación laboral entre o empregado e a organización sindical veu sucedida dunha serie de contratos, algún deles en fraude de lei. Proba deste cainismo, que se está a dar na fase de probas testificais do xuízo aberto, representantes do sindicato declararon que actualmente hai conflitividade interna na CIG e o despido do traballador é unha mostra diso. O que mais doe cando sucede isto, é a falla de ética e de humanidade e saber que quen fai estas prácticas invoca a figura do CHE moi a miúdo, actuando de xeito despótico, pechado en estruturas defendidas como infalíbeis e onde exixen dos demais que vaiamos tras eles, dende o peor dos seguidismos, tratando de facer unha nova versión do verticalismo sindical doutras épocas.

Eu nin son, nin nunca fun maoísta, pero quixera apoiarme en Mao Tsè Tung (en homenaxe ao ex do que estou falando), xa que no seu libro «Sobre a contradición», 5 Teses Filosóficas, chegan á conclusión que a contradición nunha primeira análise, pode deixar de selo diante da dinámica do proceso social, é dicir, o que hoxe, é unha contradición principal pode pasar a ser secundaria cando a dinámica social ten transformación e o contradí.

A CIG non precisa de salvadores, precisamos, primeiro dos bos e xenerosos, de acción sindical comprometida coa nosa clase e o noso País, tamén de representación, pero temos que fuxir da construción verticalista, de secta, de seguir ás cegas as decisións e modelos deformados polo oportunismo da conveniencia de parte. Hai perigo real de voltar ás andadas de tempos pasados.

Temos un sistema político centrado nas institucións estatais e cada dia que pasa algún xa remata de comprender que o de mais autogoberno non rebaixa esta afirmación. Hai mais separación entre política e povo, a mediación partidaria mesmo, con alternancia segue sen transformar nada. Hai un dispositivo cada dia máis forte de desmobilización e de normalización sistémica. Os movementos sociais non poden ser subalternos de ninguén; formamos parte do movemento nacionalista, pero ten que ser coa nosa voz, co noso quefacer, coa nosa praxe e dende aí debemos e podemos converxer; así debe entenderse un proceso transformador, así hai que contribuír no proceso dialéctico da liberación nacional e social da Galiza dende a nosa alternativa sindical.


4,28/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: