Vieiros

Vieiros de meu Perfil


O BNG celebra os seus 10 anos no goberno de Santiago coa produción dun documental

No ano 1999 o nacionalismo galego retorna por vez primeira ao goberno de Santiago desde os tempos da IIª República. Para celebrar esta década o BNG produciu un documental no que foron entrevistadas máis de 60 persoas para preguntarlles pola súa percepción destes 10 anos. "Unha mostra representativa e plural da sociedade compostelán que dá a súa opinión sobre unha experiencia de goberno que ten transformado Santiago nos últimos anos" así o transmitiu a portavoz municipal do Bloque, Soco García Conde, na presentación da campaña 10 anos do BNG creando realidades en Compostela, na que estivo acompañada de Rubén Cela, responsábel local do BNG de Santiago.

Enviada por bngcompostela bngcompostela o 14/05/2010 11:49

O filme será estreado no Teatro Principal de Santiago o próximo día 2 de Xuño ás 20:45 h, con entrada libre e, en palabras de Rubén Cela, "a cidadanía e a súa opinión son as protagonistas, algunhas veces concordando máis e outras menos, resaltando os prós e tamén os contras, os veciños e veciñas entrevistados constrúen un relato que nos axuda a comprobar como a Compostela de hoxe non se podería entender sen a acción de goberno do BNG".

O responsábel local do BNG quixo incidir no feito de que "nestes 10 anos temos demostrado a capacidade do nacionalismo para gobernar, para mudar as cousas, e de aí ven o nome da nosa campaña 10 anos creando realidades en Compostela" engadindo que "unha das características principais do BNG no goberno do Concello foi impulsar a participación veciñal e o contacto mais estreito e fluído coa cidadanía e co movemento asociativo de Santiago, en xeral", é por isto que "á hora de valorar estes 10 anos quixemos facelo dun xeito no que puidésemos contar, máis unha vez, coa veciñanza de Compostela. Un xeito no que puidésemos escoitar as súas opinións e as súas voces".

Unha política transformadora


Na súa intervención Soco García Conde indicou que "o resultado do vídeo non nos desagrada, en absoluto, con máis luces que sombras pensamos que o BNG é considerado hoxe, pola veciñanza da cidade, como unha forza política fortemente comprometida con Santiago" ao que acrecentou que "o feito de cumprir 10 anos no goberno pareceunos unha boa escusa, para facer un pequeno alto e preguntar, coñecer e saber o que opinan de nós".

"Así foi como entre Decembro do 2009 e Febreiro do 2010, fomos falando e conversando con cada unha das persoas que aparecen no documental, e a min particularmente gustaríame destacar que para nós é unha satisfacción poder comprobar como unha das características que máis se repiten para caracterizar ao BNG é que este é unha organización que cumpre cos seus compromisos, que é de palabra" continuou a tenenta de alcalde de Santiago.Soco García Conde manifestou así que "o feito de que a xente nos transmita esta consideración do Bloque, como o dunha forza política que se compromete coa cidadanía e que tenta levar sempre eses compromisos adiante, alégranos moito e a verdade é que tamén nos enche de confianza para o futuro".

"Porque, desde o BNG, sabemos que a nosa acción política no día a día vai ser sempre o noso mellor aval diante da cidadanía de Compostela. Penso que neste vídeo poderemos percibir isto nitidamente, como os nacionalistas tentamos sempre gobernar en contacto coa xente, escoitando e procurando sempre que exista esa interacción, tan necesaria, entre a sociedade e o goberno da cidade" concluíu a concelleira de Cultura de Santiago.

10 anos creando realidades en Compostela

No documental faise un pequeno repaso polos fitos principais destes 10 anos, así convérsase sobre a participación veciñal na vida pública, sobre a cultura, os centros socioculturais, a cidade histórica, os parques e o medio ambiente, a economía e o emprego, a educación... sobre o benestar, a igualdade, o equilibrio territorial e social da nosa cidade, de Santiago, unha urbe que para o BNG non é unha cidade máis senón a capital da nosa nación.

Na conversa participan membros de asociacións veciñais, traballadores, empresarios, comerciantes, ecoloxistas, sindicalistas, profesores, hostaleiros, construtores, músicos, artistas, xente moza, xente máis maior,... veciños da cidade histórica, dos barrios, do rural, do ensanche,.... en definitiva unha mostra ampla e significativa da cidade.

O día 2 poderemos ver a versión final e definitiva do vídeo no Teatro, aínda que posteriormente tamén o distribuiremos a través da rede, da nosa web local bng-compostela.org, e das diferentes redes sociais como o youtube, facebook ou tuenti.

Trailer no Youtube


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O BNG celebra os seus 10 anos no goberno de Santiago coa produción dun documental