Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Polarizados

11:26 04/09/2007

Disque dende os anos da Guerra Fría non andaba a cousa tan polarizada. Daquela chamábanse bloques. Hoxe non se chaman de ningunha maneira. O caso é que na Galiza, na España e no mundo (Europa aínda se anda buscando) a partida divídese en dous bandos. Ou dous polos. E calquera episodio fai emerxer ambos os dous polos, xa sexa a invasión de Irak ou o tratamento do Himno Galego.

Seica non é tempo de posturas mornas nin de zonas intermedias. Disque os matices e os grises se esvaeceron coma o fume dun cigarro puro. Se cadra o Centro non estea xa de moda, a conciliación non se estile e a concordia vista de fraude. Os temperados nada teñen que facer. Hai que postularse. Frío ou quente. Ou comigo ou contra min. Dentro ou fóra. Branco ou negro. Norte ou Sur.
Paradoxalmente, na época onde máis se inviste en ensino e formación, menos sabemos os uns dos outros. Unha dose extra de educación podería abondar para achegar os polos opostos e atopar un punto de encontro nalgún lugar da zona intermedia. Porén, un ás veces tende a pensar que o Copérnico equivocouse, que a Terra é un disco de dúas caras ningunha das cales sabe, nin quere saber, nada verbo da outra.

E así pois, se estás no bando A, es pro-ianqui; se estás no B, probablemente sexas anti-ianqui.

Se estás no bando A, comprendes que o mundo precisa un titor, un vixía, unha nación poderosa que fixe as regras e controle os inadaptados. Se estás no bando B, defendes a soberanía dos pobos, a ecuanimidade das relacións internacionais e o respecto entre as civilizacións.

Se estás no bando A, consideras o terrorismo o problema principal das sociedades contemporáneas e comprendes a recuperación do “ollo x ollo e dente x dente” como forza motriz da política actual. Se estás no bando B, entendes que a enfermidade, a fame, as guerras reais, as discriminacións humanas e o deterioro dos recursos naturais representan as ameazas planetarias de atención prioritaria.

Se estás no bando A, sentes preocupación polas vitorias electorais de Chávez en Venezuela ou Ahmadineyad en Irán, por exemplo. Se estás no bando B, prefires preguntar polas razóns profundas que propiciaron o ascenso (lexítimo) ao poder dos devanditos presidentes.
Se estás no bando A, pides a Rajoy e ao Partido Popular que continúe e persevere na súa pertinaz oposición contra calquera medida do goberno socialista ao obxecto de recuperar o poder usurpado por unha conspiración multifactor de orixe anubrada. Se estás no bando B, levas meses abraiado ante o que xulgas unha posición de irracional intransixencia e irresponsable necidade nos herdeiros de Aznar.

Metástase e extirpación

Se estás no bando A, cres que España se rompe e que os nacionalismos periféricos supoñen un cancro con risco de metástase que require un inmediato tratamento cirúrxico de extirpación. Se estás no bando B, pensas que o virus se atopa nas forzas involucionistas atrincheiradas en Madrid e arredores e na falta de definición dun Estado español que non dá rematado a súa interminable transición.
Se estás no bando A, escrutas cada día os xornais “nacionales” para arrepiarte cando os galegos reclaman o carácter nacional do país, cando sospeitas dalgún movemento que poida favorecer as economías rexionais o cando albiscas unha medida en menoscabo da lingua e cultura comúns de todos os españois. Se estás no bando B, sabes positivamente que Galicia é unha nación, que a súa economía leva padecendo cando menos dous séculos o centralismo exacerbado das políticas económicas e máis estruturais dos gobernos españois e que unha das obrigas esenciais do goberno galego é a defensa e promoción da cultura, idioma e identidade como mellor (e único) xeito de conservar os nosos riscos diferenciais dentro da tendencia homoxeneizadora xeral.

E, por poñer punto final a esta secuencia con vontade de infinito, se estás no bando A, probablemente afirmes que o Himno Galego non lle interesa a ningún galego. Pero se estás no bando B, darás a ese Himno a condición sublimante dos grandes fitos, a ese Himno que terás cantado co ton entrecortado sabendo que simboliza a emotiva solidaridade que une os pasos neste mundo de cada galego, os cales van dando forma, ano tras ano, século tras século, a esa cadea irrompible da galeguidade.

Porque se estás no bando A, defines a Galicia coma unha rexión sucursal da nación española. E aínda que naceras en Galicia, coma teus pais, coma os teus avós, ti, de maior, queres ser madrileño. Pero se estás no bando B, sentes Galicia coma un país cunha feitura e unha idiosincrasia tan propias e exclusivas que non darás atopado terra igual aínda que percorras o mundo dez veces. E porque naciches en Galicia, como teus pais, como os teus avós, ti queres que os teus fillos nazan e medren en Galicia, educados en galego.
Se estás no bando B, disponte a celebrar o centenario do noso Himno. Ese que se cantou en La Habana no 1907. Ese que cantabamos na casa cada Fin de Ano cando, fóra de calquera posible polarización, nos xuntabamos os veciños do barrio para celebrar a irrupción dun tempo novo. Meu pai facía os graves, eu, que era un neno, os agudos. Non o cantemos nas garderías: nin é o sitio nin os cantores saberán o que tal entoan. Cantémolo nas casas, nas tabernas, nas datas sobranceiras, na rúa nas celebracións, no Parlamento, nas Universidades, nos partidos da Selección.

Cantemos o Himno como punto de encontro. Cantémolo fóra de calquera polarización.

4/5 (29 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións