Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Orzamentos en clave galega

10:42 04/10/2007

Din os ingleses, e perdón polo anglicismo, “liers like figures and figures like liers”. Non sei se todos os mentireiros gostan das cifras pero si creo que moitas cifras se utilizan para desvirtuar a realidade. Cos presupostos do Estado español ocorre cada ano.

Un problema das cifras é que normalmente, a partir delas, se poden tirar conclusións acaídas a calquera punto de vista. Outro problema, se cadra complementario do anterior, é que en función do numeriño que utilices, mesmo podes chegar a conclusións contraditorias. O terceiro problema é que cando un debe opinar bulindo (sempre pasa ante os medios de comunicación), termina por renderse á tentación de buscar unha cifra que avale a súa posición no canto de achegar una análise con certa base teórica.

Os números de 2008
Os presupostos do Estado adóitanse discutir a partir de dous números: o crecemento sobre o ano anterior e a proporción comparada respecto a variables como a poboación ou o PIB. Aplicando o primeiro dos criterios aos orzamentos deste ano, poderíase dicir que Valencia, Cataluña, Baleares e Andalucía foron as Comunidades Autónomas máis favorecidas pois as súas cifras son as que máis medran (en porcentaxe, naturalmente). Porén, empregando a comparación relativa sobre o peso da poboación, as favorecidas serían Castela-León, Aragón, Asturias e Galicia.

Fagamos, por seguir xogando, o exercicio inverso. Sobre a base do crecemento, as CC.AA. perxudicadas son Madrid, La Rioja e Euzkadi (aínda que o País Vasco, polo tratamento do cupo, raramente pode saír perxudicada). Tomando o criterio do peso poboacional, as desfavorecidas serían Canarias, Baleares, Madrid, Cataluña e Valencia.

Pois iso mesmo, un xogo. Porque tendo en conta os factores que inflúen no numeriño final, tirarmos conclusións del sen máis análises resulta un exercicio baldío. Así, por exemplo, o método do crecemento anual queda invalidado se non se matiza coa cifra dos anos anteriores. Unha dotación pode medrar porque se fai un esforzo adicional ou porque as asignacións dos anos anteriores foron insuficientes. Ao revés, poden ser reducidas porque a situación de partida for especialmente favorable.

Madrid láiase dos seus 2.616 millóns de euros, que supoñen un crecemento do 0,1% respecto a 2007. A cifra quedaría facilmente matizada lembrando os anos nos que Madrid concentrou o 25% do investimento total, recordando as colosais obras viarias naquela comunidade uniprovincial, a estrutura radial das infraestruturas (tamén do AVE) e, sobre todo, os 6.185 millóns gastados na inabarcable Terminal 4 de Barajas. Só faltaría que Madrid seguise medrando ao nivel da media!

Aragón é un caso que pasou desapercibido e que considero digno de subliñar. Presenta un 4,9% sobre o total dos investimentos territorializables malia que a súa poboación é só dun 2,9%. O seu ratio de crecemento é dun 13,9%, arredor da media, é dicir, mantén niveis de compromiso do Estado similares ao ano pasado no que recibiu fortes sumas por mor do AVE. Quere isto dicir que Aragón consolida un importante nivel de investimento tamén no 2008. Pregunta importante: ¿por qué?

Para respondela, retomemos as CC.AA. con maior crecemento relativo: Comunidade Valenciana, Baleares, Cataluña e Andalucía. Tiremos da lista Valencia onde a desproporción respecto ao ano pasado xustifícase polas obras do AVE, unha das circunstancias que obriga a matizar calquera comparación. Aplicando esa corrección obvia, quedarían Baleares, Cataluña, Andalucía e Aragón como os territorios onde se confirma o especial esforzo orzamentario.

Precisamente esas son as catro CC.AA. que promulgaron un novo Estatuto. O Goberno español respectou as cláusulas recollidas nas Leis Autonómicas recoñecendo, como non podía ser doutra maneira, o seu valor lexítimo. Así pois, enténdese que os compromisos adquiridos nos Estatutos son contratos entre o Estado e as Comunidades Autónomas onde se cifran as melloras estruturais que precisa cada territorio para acadar o nivel económico e social que lle corresponde no marco do Estado español e a Unión Europea. 

En clave galega
Segundo as previsións, Galicia obterá arredor de 2.000 millóns de euros, cun crecemento do 14% respecto de 2007. O relevante é que se consolida a asignación en torno ao 8% do total estatal, por riba do 6% aproximado do noso peso en poboación e PIB. Eis a análise evidente: os orzamentos 2008 son razoables para Galicia. Afondemos algo máis.

O noso país presenta unhas notables carencias comparativas que condicionan a súa posición competitiva e, xa que logo, a súa capacidade para o crecemento económico e a creación de emprego. Isto é así polo desleixo palpable e contrastado que demostraron anteriores gobernos, antes e despois da democracia, cara a Galicia. As cifras dos orzamentos de Aznar foron, simplemente, ofensivas para Galicia. Nos planos de infraestruturas, nunca ocupou o noso país un papel relevante. O chamado Plan Galicia... mellor non falarmos do mediático plan-galicia. O Estado debe compensar o noso país desa situación e deseñar unha actuación a medio prazo que garanta a superación do déficit estrutural. E para iso, é preciso ter claras as prioridades, falando de conceptos e estratexias antes ca de tramos e adxudicacións. Velaquí o que deberían ser, segundo este modesto opinante, o obxectivos de investimento claves en Galicia.

1.Artellamento interior. Resulta fundamental estruturar o país por medio de vías eficientes de comunicación entre as principais áreas metropolitanas e dende o litoral cara ao interior. É inadmisible que leve dúas horas percorrer por estrada a distancia entre Lugo e Santiago ou que ir en tren da Coruña a Vigo ocupe dúas e media. Completar as autovías interiores e construír rápidas conexións ferroviarias dentro de Galicia é a nosa prioridade número 1.

2.O transporte de mercadorías. A nosa posición supón unha vantaxe xeográfica para a captación de grandes volumes de mercadorías. Os portos de Vigo, os exteriores de Ferrol e Coruña, e outros menores como Burela ou Ribeira, presentan unha excepcional capacidade de captación de tráfico que é necesario poder recepcionar, almacenar e distribuir axeitadamente. O mellor medio para o transporte de grandes cargas é o ferrocarril. Por iso é tan imprescindible artellar un deseño definitivo do que debe ser a rede combinada de estrada e vías férreas con capacidade suficiente para o tratamento das mercadorías que van recibir os nosos grandes portos.

3.Infraestruturas industriais e tecnolóxicas. Aínda que é un apartado que se presenta fóra dos presupostos anuais, considero que é un asunto clave na negociación xeral co Estado. A contribución á creación de solo industrial, a apertura de centros tecnolóxicos, a integración en proxectos de innovación e desenvolvemento, a formación de equipos especializados nas grandes liñas de investigación, etc., son aspectos tan fundamentais como as infraestruturas viarias.

4.Consolidación territorial. Nun país tan esparexado, a ordenación do territorio mediante a constitución de grandes áreas metropolitanas e a organización de macroconcellos ou agrupacións comarcais efectivas revélase unha cuestión crítica para facilitar tanto o artellamento interior citado no punto 1 como para a xestión eficiente dos recursos e servizos ou a atracción de proxectos de investimento con capacidade motriz, ou sexa, de dinamización das correspondentes bisbarras.

Nalgún lugar habería de engadir o AVE, xaora. O AVE, co seu mareante ir e vir, sendo unha solución de viaxeiros alternativa ao avión e vendo as necesidades reais do país, sacralizouse por riba dos beneficios xenuínos que vai achegar á nosa economía. Na miña opinión, máis semella unha cuestión de agravio comparativo ca dunha prioridade incuestionable.

Ben, concordemos ou non nos obxectivos, en calquera caso resulta fundamental para Galicia chegar a un acordo plurianual co Estado que garanta o esforzo orzamentario necesario para equipararnos en infraestruturas á situación media española. E iso só se pode conseguir por dúas vías: ou ben redactamos un Estatuto (de Nación) que recolla a cobertura das necesidades críticas da nosa economía ou ben votamos en Marzo para que o voto en clave galega acade grupo parlamentario no Congreso. Un BNG con grupo parlamentario estaría en condicións de asinar un acordo para a lexislatura de grandes e moi favorables beneficios para o noso país.
Só a través dun Estatuto ambicioso ou dun grupo parlamentario do BNG no Congreso poderíanse asegurar uns vindeiros orzamentos en clave galega. Uns vindeiros orzamentos nos que as necesidades de Galicia sexan unha prioridade do Estado.

4,24/5 (21 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións