Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

O mellor regalo

10:55 28/12/2007

Se os miles de millóns de teimudos dólares que se destinaron a conspirar contra a independencia dunha pequena illa ou a financiar falsidades na prensa servisen para construír hospitais, a mortalidade infantil dos EE.UU quizais conseguise ser menor ca a cubana.

Todas as amigas de Cuba sufrimos o bloqueo económico e estamos presos no Imperio, cos Cinco Heroes. Son as boquexadas últimas, o atropelo exemplarizante de quen sabe que o novo século ha ditar sentenza. Mentres outra orde posible se configura, mal tememos que -como acontecera con Haití- os poderes planetarios que prefiren o beneficio económico á saúde, a acumulación de diñeiro á xustiza, a ditadura do mercado á liberdade cultural, non afrouxen xamais o programa de exterminio contra a revolución cubana.

Por iso, porque ao circo do capital lle escaparon os tigres das xaulas e se ve obrigado á consigna de guerra permanente para satisfacer tanta voracidade, faremos ben en consumir información libre de toxinas. Foi un gran acerto de Edicións Xerais achegarnos o volume Fidel Castro. A miña vida, que leva por subtítulo Conversas con Ignacio Ramonet. A tradución de Xosé M. García Crego (que traballou sobre varias edicións, a cubana tamén) permítenos coñecer con palabras e anotacións galegas esta biografía en forma de escrupuloso diálogo.

Longo, mais nunca carente de tensión. Cruzan por el o relato dunha personalidade fóra do común, varias aulas de teoría política e valiosos retallos de avaliación da Historia contemporánea. A Cuba de Fidel Castro, a pesar dos desafíos, é unha prodixiosa instalación de racionalidade destacando no caos do centro e do sur de América.

Ignacio Ramonet, intelectual non revolucionario pero si comprometido con ideas progresistas e iniciativas de reforma social, resultaba pouco sospeitoso de preparar un leito de flores aromáticas para que o líder cubano se confortase co eco da propia voz. A entrevista discute, cuestiona, mesmo ataca os máis polémicos aspectos do socialismo na illa caribeña. E a Fidel préstalle que sexa así, e a quen lemos tamén, admirados pola capacidade do fillo daquel señor de Láncara para conciliar teoría, argumentación e experiencia a pé de obra. É lectura inexcusable para calquera persoa que estea convencida, con todos os matices que poidan existir, da inviabilidade do capitalismo. E é moi merecente de reflexión que alguén coma Fidel Castro deixe claro que, dadas as actuais coordenadas, o movemento antiglobalización ha de ser pacífico e combater, ademais, polo benestar ecolóxico da Terra.

O compa e amigo Iván Prado (desas intelixencias que un país coma o noso se permite o luxo de deixar marchar) trouxo certo día un traxe verde das comunidades máis comprometidas de América. Os pequenos da famillia súa non o saben, pero cada un de xaneiro o vulto que viste traxe verde, barba e viseira de camuflaxe, na realidade, é de Lugo. Trae un saco grande, coma el, con regalos ao lombo. Chámase Fidel, este bondadoso home do saco, e ten moitas vantaxes a respecto dos Reis Magos e de Santa Claus. A primeira, que está vivo. A segunda, que cando os cativos medren non acusarán a ninguén de empezar a sobornalos mediante fantasías.

Utopía teima por existir. É unha nación invisible, pero os pobres do mundo sentíronlle fender algunhas costuras cando A Habana volveu pertencer á xente o 1 de xaneiro de 1959. O fulgor de José Martí tomaba relevo.
O saco de Iván, este ano, levará moitos exemplares de Fidel Castro. A miña vida. Unha aperta, camarada, no lugar de Chiapas onde te encontres.

4,17/5 (29 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións