Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

Son os gobernos de coalición unha excepción?

10:00 21/03/2009

A grande maioría dos países europeos estiveron dirixidos nalgún período da súa historia por gobernos de coalición. Algúns deles como Bélxica e Holanda, con sistemas de partidos moi fragmentados, estiveron dende 1945 rexidos por coalicións gobernamentais baseadas non en regras formais senón en prácticas que se foron asentando ao longo do tempo.

Alemaña, Italia, Finlandia, Austria, Suíza, Noruega, Suecia, etc, - con sistemas claramente multipartidistas moitos deles- tiveron gobernos formados por máis dun partido. A experiencia de gobernos de coalición nos últimos cincuenta anos en Europa foi máis frecuente que a de gobernos dun solo partido (en minoría ou con maioría absoluta).

O caso de España, con gobernos, nos últimos vinte e cinco anos, dun único partido é menos común no contexto europeo. Con todo, as experiencias de gobernos de coalición foron máis correntes no ámbito autonómico e tamén no local (PSOE Y PP gobernaron en moitos municipios en coalición con outros partidos).

Nas Comunidades Autónomas houbo gobernos de coalición, ademais de en Galicia, en Asturias, Cantabria, País Vasco, Aragón, Cataluña, Navarra, Valencia, e Canarias. Nalgúns casos como Navarra, Valencia, Canarias, así como Ceuta e Melilla, en coalición co PP.

No contexto de Europa non se trata pois dunha experiencia atípica senón todo o contrario. Que os resultados electorais do 1-M leven a pensar que a fórmula de goberno de coalición foi castigada polos electores debe levar a unha análise máis precisa pois descartar esa fórmula para o futuro inmediato, dado o noso actual sistema político, significa condenar a oposición por moito tempo ao PSOE e ao BNG. É máis, dende o meu punto de vista,o sistema de partidos sería máis representativo con máis opcións, en cuxo caso, a fórmula de goberno dun só partido sería máis improbable.

¿Invalidáronse os gobernos de coalición?
O que se pode poñer en entredito é unha aplicación de coalición baseada na bicefalia con dous gobernos paralelos estancos cada un tratando de implementar o seu "programa", anulando así as virtudes que se lle atribúen ás coalicións que son as de promover e enriquecer o debate político dando importancia central ao dialogo e ampliando a partir diso a súa base social.

Esa bicefalia estaba sustentada no temor - real- de que o partido maior fagocitase ao menor, como deduciron algúns que aconteceu durante o tripartito cando Coalición Galega, e PNG perden todos os deputados e o PSOE sobe ata os 28, e dalgunhas experiencias municipais. Ou outras experiencias foráneas como a do PP e UV que produce o derrubamento de UV (Jordí Calvet)

O partido maioritario, á súa vez, non debe impoñer o seu criterio. Gobernar en coalición esixe maior capacidade política que gobernar en solitario con maioría absoluta, e obriga a establecer pautas de comportamento interno así como crear protocolos para a comunicación política, tal como se puxo de manifesto nalgunhas ocasións na literatura ao efecto.

Para que os gobernos de coalición poidan seguir sendo unha alternativa de futuro, alí onde agora están presentes, deberían adoptar medidas que conduzan a un mellor funcionamento capaz de transmitir á cidadanía unha imaxe moito máis positiva, aumentando ou restablecendo a confianza nestas como unha forma de goberno máis representativa e enriquecedora.

4,53/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións