Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

A lingua segundo Feijoo

10:30 23/03/2009

Consultaría vostede, Sr. Feijóo,quero supoñer eu, os resultados do informe da RAG sobre o estado da lingua galega que se acaban de coñecer (como os tomou, por certo?). Escoitaría ou lería, outrosí, as esixencias desa plataforma en contra da fala galega que tanto axudaron no PP a crear e medrar. En fin, xa saberá vostede aquilo de "quen sementa ventos..."

Pois si, Sr. Feijóo, vostedes sementaron o vento da división do País en torno á lingua. Vostedes, ou sexa, o PP galego seguindo as instrucións dos seus xefes en Madrid, e mailo seu socio mediático seguindo as súas propias teimas antropolóxicas. Durante o último goberno Fraga do que vostede formaba parte (ó abeiro dun Audi estupendo, por certo), ese mesmo executivo propuxo o chamado Plan de Normalización Lingüística, o cal, entre outras 400 medidas, incorporaba os postulados sobre o ensino que despois tomaron forma do Decreto 124/2007. Lembrará vostede que aquel Plan, aínda vixente, non tivo a máis mínima resistencia por parte de ningunha asociación ou ente vivo coñecido. E recordará tamén que o seu partido asumiu con acordo e normalidade o contido de decreto sobre o ensino en galego ata uns días antes da súa presentación e tralas ordes emanadas dende a sede central do seu partido. A partir dese día, vostede e o seu partido transforman brutalmente o seu discurso e pasan á ofensiva contra a fala galega da man do seu socio mediático e desa plataforma de nome arteiro (persegue xustamente o contrario do que suxire o seu nome) que tanto axudaron a medrar.

Vostede haberá ser nuns días, aínda non sei a través de qué milagreiro conxuro cósmico, o presidente do meu País. Para a preocupación de moitos, está a demostrar vostede unha soberbia empanada mental na maioría dos asuntos que vai tocando. Entre eles,  resulta se-la lingua onde a súa natureza de viraventos se amosa en maior plenitude. Estou tentando compoñe-lo seu ideario respecto do tratamento ó idioma e créame que atopo atrancos salientables. Repasemos as claves que, eito a eito, vai vostede verquendo ó respecto:

Primeira clave: o seu partido defendeu antes da campaña o “bilingüismo harmónico”. Hai un problema gordo sobre isto, Sr. Feijóo. Como vostede sabe, Galicia non é bilingüe (xa nos gustaría) senón diglósica (velaquí máis detalles sobre esta afirmación). A única maneira de írmonos achegando ó bilingüismo é aplicando o Plan de Normalización Lingüística aprobado en 2004 polo goberno Fraga. Vaino aplicar vostede?

Segunda clave: durante a campaña, botou vostede sapos e cóbregas contra a “imposición lingüística”. E ten vostede razón, Sr. Feijóo, Galicia leva séculos sufrindo a absoluta imposición… do castelán. Curiosamente, vostede, o seu partido e o seu socio mediático, transmitiron á sociedade a infamia de que o galego se estaba a impoñer. Unha infamia, Sr. Feijóo, sábeo vostede perfectamente. E senón, déame unha soa persoa en Galicia obrigada a falar galego en contra da súa vontade (nin sequera se impuxo para atende-lo cidadán en galego!). Eu e calquera podemos facerlle unha interminable listaxe de galego-falantes obrigados a emprega-lo castelán en centos de eidos e contornas diferentes.
Terceira clave: trala vitoria electoral, declarou a súa decisión de promove-lo galego “respectando a sagrada liberdade lingüística”. Sr. Feijóo, a única maneira de garanti-la liberdade lingüística é asegurando un trato equitativo ó galego, é dicir, favorecendo o emprego do galego en tódolos ámbitos onde o castelán ten unha situación de superioridade. Nesas condicións, un cidadán de Galicia poderá decidir libremente o idioma a utilizar. Pero mentres o castelán domine a práctica totalidade das relacións cotiás dos galegos, xa me dirá vostede que liberdade lingüística se pode acadar.

Cuarta clave: vostede afirmou “se me falan en castelán, contestarei en castelán; se me falan en galego, fareino en galego.” Si, claro, pero ¿e cando inicie vostede, Sr. Feijóo? Porque vostede vai principiar na maioría das ocasións. Por exemplo, cando conceda unha entrevista nun medio escrito, ¿qué idioma pensa utilizar?

Quinta clave: manifestou vostede que outra das súas “ideas” era a de levar ás aulas a “cordialidade que impera na rúa”. Pero Sr. Feijóo, ¿de que cordialidade fala vostede? O castelán está a esmaga-lo galego. A lingua forte está a esnaquiza-la lingua feble. E agora por riba, vostede pretende quitarlle a tirafonda a David e entregarlla a Goliat. Déixese de frases e confronte a realidade. E esa realidade obrígao a garanti-lo galego como lingua vehicular do ensino. Nesta ligazón atopará boas razóns. A razón principal queda resumida nestoutra frase que pode, se quere, engadir á súa antoloxía de frases presidenciais: “o goberno galego ten a obriga de garanti-la plena competencia dos nenos e mozos galegos nas dúas linguas oficiais do País.” A competencia en castelán está garantida. É a súa obriga que tamén o estea en galego.

Sexta e última clave: tamén afirmou que será vostede “o primeiro defensor do galego”. Pois se quere se-lo primeiro defensor do galego, empece por mellora-lo seu uso. Leva oito anos de vida política en Galicia e nin sequera se molestou en aprender a colocar ben os pronomes. E se quere se-lo primeiro defensor do galego, fáleo fóra dos micrófonos, fáleo cos seus amigos, cos seus compañeiros de partido, coa súa familia, cos empresarios, cos xornalistas (tamén co seu socio mediático e con esa plataforma que tanto axudaron a medrar)…

Sr. Feijóo, o que me parece é que a vostede fáltanlle lecturas. Nunha entrevista de hai pouco, preguntáronlle por escritores galegos. Mencionou vostede a Valle-Inclán e Torrente. Xa, home, e de literatura galega? Citou vostede a Rosalía. Seguramente, se lle preguntasen por un escritor de literatura castelá non citaría a Cervantes. Voulle propoñer, se vostede ten intención de ler algo en galego, Cunqueiro, Méndez Ferrín, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Xohana Torres, Carlos Casares, María Xosé Queizán, Darío Xoán Cabana, Marina Mayoral… Pódolle dar cen nomes dunha sentada de enormes escritores en galego. Porque o galego, Sr. Feijóo, é unha lingua rica e culta, malia o cal nunca se separou do pobo.

Vostedes, falemos claro, queren acabar con ela. Van vostedes de exterminadores da cultura e da lingua galegas como medio máis directo para asegurarse o dominio eterno do País. Non se pode dicir que o estean a facer mal. Nas súas distintas formas e versións –Partido Popular, Alianza Popular ou ditadura franquista– conseguiron extermina-los ríos, os bosques, a arquitectura popular, moitas das tradición (agás as gastronómicas), o litoral, a agricultura… Así é, non o están a facer vostedes nada mal.

4,65/5 (99 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións