Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

O nacionalismo imprescindible

09:37 30/03/2009

Nacionalismos hainos de moitas clases, igual que temos partidos políticos de diferente ideoloxía ou réximes de distinta natureza e condición. A clasificación do nacionalismo dependerá do propio significado que se lle queira dar ó termo. Moitos cidadáns, por exemplo, tenden a identificalo con sectarismo e entón, claro, xa non quedaría moito espazo para clasificacións.  

En Galicia e en España sufrimos o nacionalismo máis sectario que un poida imaxinar: o franquismo. Aquel concepto da “una, grande y libre”, aliñado co nacionalismo imperialista que implicaba o nazismo, erradicaba a máis mínima posibilidade de suxerir sequera a idea doutras nacións dentro dese Estado totalitario e nacionalcatólico. Moitos cidadáns rexeitarán este concepto entendendo que un Estado é unha Nación e, así pois, non cabe falar de nacionalismo de Estado. Entenden que os nacionalismos son movementos ou filosofías minoritarias e insistirán na súa teima de que os nacionalismos son sectarios e de que o seu único obxectivo vén sendo a confrontación cos respectivos Estados.

Hai nacionalismos sectarios igual que os hai integradores (cidadáns dunha nación esparexidos por distintos Estados); hai nacionalismos económicos, étnicos, culturais e relixiosos; hai nacionalismos violentos e pacíficos, de masas ou de elites, tolerados e perseguidos. Hainos de tódalas clases e desenvolvidos en múltiples circunstancias. E despois está o nacionalismo imprescindible.

O nacionalismo resulta imprescindible cando unha comunidade de cidadáns, normalmente localizada nun territorio específico (nun País), comparte unha historia de seu, desenvolveu unha cultura propia, distínguese por trazos identitarios inequívocos e conta con referentes ideolóxicos que avalan a súa vontade de autogoberno, todo o cal se enfronta á ameaza de erosión e ó risco de banalización.
Cando un País se ve obrigado a admitir unha historiografía que nega os seus fitos históricos, observa como a súa cultura é sistematicamente desleixada, cando, se ten unha lingua propia, esta é perseguida ata provoca-lo seu devalo continuo, cando os seus riscos identitarios se poñen en dúbida de xeito intencionado e o legado dos seus referentes ideolóxicos se deturpa a cotío, daquela é cando un nacionalismo faise imprescindible.

Por pura coherencia, este conxunto de factores lévanos a celebra-la existencia dunha organización coma o BNG capaz de acadar unha presenza relevante no País e a asistir con preocupación á evolución dos seus resultados electorais e ó momento actual de transición. Se atendemos ás declaracións e movementos dos líderes da organización, a preocupación tórnase desacougo ó sospeitar que a devandita transición pode supoñer outro paso na perda de apoios na sociedade. A anterior lexislatura puxo de manifesto o desequilibrio entre a capacidade de bo goberno do BNG, mesmo recoñecida pola maioría dos cidadáns, e a falta de afinidade entre a organización e o votante.

O BNG ten que decidir e explicitar claramente cal é a súa vocación de hoxe e para o futuro: a de converterse nunha organización maioritaria con opcións de goberno ou a de manterse na ambigua utopía do que “puido ter sido pero nunca vai ser”. E para facelo debe liberarse das ataduras internas e dos xugos de supostos dereitos non escritos pero decote feitos valer. Debe, creo eu,  esquecer estrañas paranoias que obrigan a chama-lo País como ninguén máis chama alegando argumentos de dubidosa raíz. Debe desbotar para sempre procedementos que confunden burocracia con democracia. Debe abandona-la dependencia das correntes, alternativas, opcións, plataformas, movementos e demais aparellos minifundistas que unicamente socavan unha estrutura que debe ser robusta e unitaria. E debe, principalmente, relativizar e ampliar iso ó que se alega con tanta frecuencia, de maneira moitas veces  reverencial, para xustificaren unha decisión ou, ás máis das veces, unha indecisión: a base. A base do BNG debe ser, sempre segundo a miña opinión humilde, a dos 500.000 galegos dispostos a votar nacionalismo, a do medio millón de galegos, cando menos, que prefiren unha organización política non sometida ós intereses de Madrid malia o cal terminan por votar PP ou PSOE. E para iso o BNG debe artellar unha organización capaz, como obxectivo inmediato, de conseguir 50.000 afiliados porque unha base de 9.000 non é abonda, claramente.

Pensen nunha organización, xusta, solidaria, honesta, ecolóxica, comprometida, como xa é en boa medida, e aberta, como necesita ser. E pensen, entón, no líder que precisa o BNG. Un líder capaz de xerar esa afinidade perdida entre organización e sociedade.
Porque o BNG é imprescindible para Galicia. Porque Galicia necesita o BNG.

4,16/5 (49 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións