Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

Unha de traspaso de poderes

11:11 01/04/2009

Entramos na semana na que se constitúe o Parlamento de Galicia, e xa temos enriba da mesa as primeiras polémicas dunha lexislatura que se anuncia moi dura en canto ao enfrontamento político, como reflexo directo dunha campaña electoral do mesmo corte.

A polémica sobre o traspaso de poderes, mellor dito, sobre o non comenzo do traspaso de poderes, ten unha importancia maior da que algúns semellan quererlle dar. Levo varios artigos comentando que neste, momento de brutal crise, o país non está para moitos experimentos, e moito menos para que os egos dos nosos políticos se antepoñan aos de Galicia. Comentaban dirixentes socialistas estes días sobre a ansiedade e desasosego que mostraba o Partido Popular por tomar as rendas do poder, sen cinguirse á legalidade, pois o parlamento aínda non está constituido. Asístelles a razón dende un punto de vista legal, mais non dende un punto de vista moral, xa que o lóxico e responsable sería a designación dunha comisión mixta entre o goberno sainte e os representantes do partido que ten tódalas papeletas para formar o novo goberno, co fin de axilizar dito traspaso e facilitar ao novo executivo, independentemente da rivalidade política, no tocante á información sobre as contas do “reino”, proxectos en marcha e dispoñibilidade en caixa para acometer as reformas que teñan previstas e que veñen avaladas polo voto cidadán nas urnas. Por riba do ego da nosa clase  política, da frustración na derrota, e da cabezonería dalgúns, está o interese de Galicia.

Sen dúbida, o traspaso de poderes hai catro anos non foi precisamente “modélico” e as declaracións de dirixentes socialistas ao respecto así o poñen de testemuña, mais como cidadán sí podo pedir ao goberno sainte un exercicio de xenerosidade e responsabilidade que facilite a nova situación como demostración de compromiso con esta terra. Coñezo moitos empresarios realmente preocupados por esta vacío de poder ao ter moitos proxectos, subvencións e avais pendentes ante a falta de liquidez que sofren as empresas en Galicia neste momento de crise. Esos mesmos empresarios do sur de Pontevedra sí comentan o impecable comportamento do IGAPE neste período transitorio entre gobernos, ante o que tanto temor tiñan, e que demostra a grandeza de miras de xente como o conselleiro de Economía en funcións Fernández Antonio, antepoñendo o interese xeral ao da súa formación política.

Traspaso de poderes témolo tamén nalgunhas formacións políticas que resultaron perdedoras no pasado 1-M. Non concordo coa idea de Pachi Vázquez de non dar os cen días de rigor ao novo goberno galego como é tradición. Non é xusto nin funcional, pois independentemente do rexeite que algunhas ideas poidan ocasionar, oportunidades terán de criticalas, seguindo uns códigos de respecto ás decisións soberanas do pobo que esta decisión semella non facer, e tomar ese tempo en recompoñer a sua formación, a pesares dunhas primeiras decisións moi acertadas como a de nombrar a unha persoa do perfil de Xaquín Fernández Leiceaga como portavoz parlamentario socialista. O intelixente son actitudes como a de Carlos Aymerich ao suxerir “aprender de erros” e “ofrecer alternativas”.

Tampouco son valedor de actitudes políticas reprobables como as de opinar e criticar as crises internas e tomas de decisións doutros partidos. Non é nin elegante nin apropiado, senón todo o contrario. O acontecido nas filas do PSdeG en Vigo é un asunto interno no que algúns dirixentes populares puntuais deberían ter a cabaleirosidade de non entrar, por ser cuestións internas que atinxen a outra formación. O día 1 M despois de coñecerse a victoria do PPdeG vía con estupefacción a un dirixente popular enriba dunha mesa declarando “non me gustaría estar no pelexo de Quintana e Touriño”. A grandeza dun político mídese tamén polo respecto á casa de enfronte, e a contemplación dende a distancia das “travesías do deserto” que outros emprenden, basicamente porque calquera día pode volverche a tocar a ti.

Ou non…?

4,17/5 (54 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións