Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

Grazas polo paraíso

09:30 12/07/2009

Canda as primeiras chuvieiras do outono pasado, as beiras das estradas que cruzan e arrodean as parroquias de Tremoedo e O Sixto –Vilanova da Arousa— apareceron da noite para a mañá inzadas de pasquíns contra un polígono industrial que a Xunta proxectaba na aba sur do monte Lobeira.

De materiais repartidos entre latón e formica,  tipografía maiúscula e artesanal e tamaños varios, a meirande parte dos cartaces abrazaba os postes da luz e os sinais de tráfico, aínda que tamén os había sobre estacas espetadas no chan das cunetas.

As mensaxes que podiamos ler ían dende avisos ás autoridades –“¡XUNTA! NON É O LUGAR AXEITADO”, “XESTUR, NON MAIS MENTIRAS!”, “NUNCA MAIS, BNG”—, chamamentos as forzas ecoloxistas —“ECOLOXISTAS, ¿ONDE TEDES OS OLLOS?”, “BLOQUE, ¿ONDE ESTÁ O ECOLOXISMO?”—, achegas á RAG —“POLÍGONO=ZONA BASURA”, “POLÍGONO=MORTE”—, ansias de saber — “¿QUEN SE BENEFICIA?”, “¿QUE EMPRESAS VAN VIR?”—, ata cousas xa sabidas —“NEGOCIO PARA OS POLÍTICOS”, “POLÍTICOS EN AUDI”—. Habíaos que cheiraban a albariño de autor — “AS CHEMINEAS NON BOTAN FLORES”, “HORTA SI, CEMENTO NON”, “NON QUEREMOS O POLÍGONO NAS COCIÑAS”— e varios que só poñían “EU TAMÉN”, non sei se pretendendo resumir ou ben por pura nugalla de escribidor.

O punto de traxedia aparecía nuns que rezaban cousas coma “AUGAS CONTAMINADAS”, “ALDEAS AFOGADAS”, “PULMÓN DO SALNÉS RIP”, “MATAMOS A TERRA”, e xa che se encollía o corazón ó ler noutros “MORRE TREMOEDO E O SIXTO”, “¡¡¡QUEREMOS VIVIR!!!”, “SOS, AXUDA” .

Un dos pasquíns, a medio camiño entre a rotonda de Ponte Arnelas e a carnicería Merchi, dicía “DANKEN SIE IHNEN FÜR DAS PARADIES”. Como non hai unha tribo teutona por aquelas herdanzas, é de supoñer que o seu autor fose un emigrante retornado con afán de aparentar ou un aborixe que toleou ante a desfeita que se lle viña enriba. Home, por poder tamén puido ser un alemán namorado que pasou por alí camiño do Parque Natural do Carreirón, na veciña Illa da Arousa.

4,04/5 (28 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións