Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Conversa entre Castrillón e Nabia sobre censura (I)

09:45 16/07/2009

Castrillón ten sesenta e sete anos, naceu na montaña oriental e participou desde moi novo en movementos asociativos vinculados á esquerda deste país. Nabia é bergantiñá, acaba de superar o segundo curso de Xornalismo con boa nota. Aínda que non posúe demasiada experiencia organizativa, presume de ideas claras e resúltalle próximo, grazas á rede, o debate sobre liberdade e información. Prendemos a gravadora para deixar constancia da súa interesante conversa. Interesante, polo menos, para quen escribimos no Outro Lado. Desde el abrimos fogo.

Castrillón: Xornalista, eh? Boa elección, pero xa has ver, para gañar a vida acabarás aborrecendo algúns dos motivos que te levaron a ela.

Nabia: Estou preparada, amigo Castrillón. Con censura tamén ti te criaches e a cousa non saíu tan mal…

Castrillón: Supoño que falas do franquismo e que coñeces a diferenza entre a censura, daquela e hoxe. 

Nabia
: Espero que si. As diferenzas son que no franquismo todo o mundo sabía que existía censura. E que agora temos a rede. Os blogs... non van solucionar nada un por un, pero a súa extensión mundial está mudando a información e a opinión. 

Castrillón: Que sexades a xente mellor formada da nosa historia, Nabia (eu non teño dúbida) non me leva a percibir en vós estratexias sólidas para este panorama asfixiante. No tardofranquismo un tal Antonio Álvarez-Solís lanzaba publicamente, cando podía, os seus criterios democráticos e progresistas. Na segunda Restauración... 

Nabia
: Na Transición, non? Digo por unificar criterios. A xente ten precisa lugares comúns, aínda que teñamos que renunciar aos contidos de... de máximos. 

Castrillón: Ah, como queiras. Despois falamos dos lugares comúns. Pois na Transición esa, Álvarez-Solís editorializaba no Interviú, chegaba a millóns de persoas dispostas a lelo, abertas ao debate.  

Nabia: Deixamos o das rapazas espidas no asunto do debate. 

Castrillón
: Deixámolo agora, si. Álvarez-Solís escribe hoxe na prensa vasca, onte polo menos en Deia e ultimamente en Gara. Non hai moito estaba na tertulia de María Teresa Campos, que ao mellor ti non lembras pero... 

Nabia
: Home, non vou lembrar. Na época do Instituto era o que vía pola mañá, cando quedaba enferma na cama. Tampouco che vou dicir que o entendese, pero neste momento parece impensable alguén que traballe en Gara e nun magazine de gran audiencia simultaneamente. 

Castrillón
: E ti que sabes máis ca min disto, por que non hai medios onde Álvarez-Solís, ou ponlle equivalente galego, poidan contarnos o que pensan? 

Nabia
: Equivalente galego... da súa xeración, dis? Mmmespera... 

Castrillón
: [ri] Hai cousas que non se aprenden na Universidade, eh?  

Nabia
: Que si, que si. Pois non sei, en Galicia, xornalista crítico, da xeración da guerra, clásico nos xornais… só se me ocorre Ferrín.

Castrillón: Vale. Diferenzas ideolóxicas á parte, nomes coma Montalbán ou Ferrín son illas. Teñen o seu público e forman parte do patrimonio dos respectivos xornais. E que pasa cando o pai de Pepe Carvalho ficou para sempre en Bangkok?  

Nabia
: Home, uf, ao mellor é unha pregunta de quinto [ri]. Que non houbo recambio? 

Castrillón
: E logo non o había? Non hai persoas cun punto de vista, abrindo o abano, de esquerda non socialdemócrata, ou republicana a penas, e brillantez argumentativa no xornalismo español? 

Nabia: Claro que as hai! Se Álvarez Solís está vivo, ha ha...! E Santiago Alba Rico, que caral... ui, perdón, que nos están a gravar. 

Castrillón: Ben. Vimos para Galicia. Falabamos de medios, máis ca de persoas. 

Nabia: Pero terá que ser noutra entrega, fan sinais de que o primeiro espazo rematou. 

Castrillón
: Tu vai pensando, Nabia. 

Nabia
: Pensarei, si.

4,04/5 (27 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións