Vieiros

Vieiros de meu (ou rexistrate)
 

Países Cataláns

Países Cataláns
    A Guerra de Sucesión española e a chegada da dinastía dos Borbóns supuxeron a fin da autonomía en Cataluña e no resto de Países Cataláns.

A lingua catalá é o principal sinal de identidade e nexo de unión entre todos os Países Cataláns. Os primeiros textos coñecidos escritos plenamente en catalán datan do século XII. Coa conquista no XIII das Illas Baleares e do futuro País Valenciano, a lingua estabeleceu (con pequenas modificacións no tempo) as súas fronteiras actuais.

Na Baixa Idade Media era o idioma oficial e cultural de todos os Países Cataláns, que constituían xunto co pobo aragonés, a Coroa de Aragón (os termos "catalán" e "Cataluña" eran recoñecidos para se referir a todo o reino). Xa no S.XVI, o castelán comezou a penetrar na sociedade .

En 1659, a Cataluña do Norte foi incorporada a Francia en virtude do Tratado dos Pirineos, e as novas autoridades puxeron en marcha de seguida un forte proceso de francesización. Durante a Guerra de Sucesión española, nos albores do novo século, Cataluña toma partido polo Arquiduque Carlos en contra do novo monarca e da nova dinastía francesa: Felipe V, dos Borbóns.

Malia a forte oposición, o 11 de setembro de 1714 -poucos anos antes fixérano Valencia e Baleares-, Barcelona sucumbiu ante o exército franco-castelán. Felipe V aboliu a constitución e a autonomía catalás.

Renaixença
Durante os séculos XVIII e XIX, a castelanización dos Países Cataláns aumentou, dado que o castelán era a única lingua oficial. Nesta última centuria, coa Renaixença (un movemento similar ao Rexurdimento no noso país), voltou o sentimento catalanista tanto no cultural como no político.

A partir de 1876, coa derrota dos carlistas e o consecuente apoio da Igrexa ao movemento catalanista, o nacionalismo gañou máis forza. Mais este sempre tivo dúas vertentes, a católica conservadora e a liberal.

A segunda gañaría peso coa II República Española, logo da política represiva de Primo de Rivera que en 1925 anulou a autonomía catalá, gañada 12 anos antes. A coalición de esquerda Esquerra Republicana gañou as eleccións municipais de 1931 e dous días despois proclamouse a República Catalá.

Finalmente, as negociacións co Goberno español levaron á proclamación, en setembro de 1932, dun Estatuto de Autonomía, anulado trala vitoria fascista na Guerra Civil (1936-1939). O ditador español Francisco Franco desenvolveu unha política represiva contra o movemento nacionalista.

Durante catro décadas prohibiuse o catalán na administración, no ensino, nos medios de comunicación, nas asociacións e na literatura. O catalán só era tolerado na vida privada. Coa morte do xeneral golpista, Cataluña recuperou certo grao de autonomía, certificado coa creación da Comunidade Autónoma de Cataluña en 1979 (anos máis tarde virían as de Valencia e Baleares, mais separadas da catalá).

En 2006, o pobo catalán aprobou en referendo un novo Estatuto de Autonomía, onde se recoñece Cataluña como nación, e que lle outorga maiores competencias fiscais. Porén, a norma foi recorrida polo Partido Popular no Tribunal Constitucional, que na primavera de 2009 aínda seguía sen se pronunciar sobre a súa 'legalidade'.

Situación actual do catalán
Malia que o recoñecemento legal do que goza é importante, a lingua catalá segue a estar en desvantaxe fronte ao castelán en Cataluña (e en Valencia e Baleares), xa que a diferenza do catalán, a lingua propia de Castela é de coñecemento obrigado, e ademais é oficial fóra do seu dominio lingüístico.

En Andorra, aínda que o catalán é o único idioma oficial do Estado, as condicións sociolingüísticas son semellantes ás de Cataluña. Na Cataluña Norte e na cidade de L'Alguer (Sardeña), incluídas en Estados tradicionalmente contrarios á diversidade lingüística, está en proceso de substitución.

Datos básicos

  • NOME:
    Països Catalans/Catalunya
  • XENTILICIO:
    catalán, catalá
  • SUPERFICIE:
    70.520 km cadrados
  • POBOACIÓN:
    13.712.983
  • REXIÓNS HISTÓRICAS:
    Principat de Andorra, Catalunya Nord, Illes Balears, País Valencià, Principat de Catalunya (incluída a Franja de Ponent)
  • DIVISIÓN ADMINISTRATIVA TRADICIONAL:
    Comarcal (Ver mapa)
  • CAPITAL:
    Barcelona
  • OUTRAS CIDADES:
    Perpinyá, València, Palma, Andorra la Vella

Política e Economía

  • ESTADO AO QUE PERTENCE:
    Reino de España, República de Francia e Principado de Andorra
  • AUTOGOBERNO:
    Andorra (Estado de seu); Cataluña (Estatuto de Nación, recorrido na Xustiza española); Cataluña Norte (Departamento francés da Rexión Llenguadoc-Rosselló); Baleares e Valencia (CC.AA españolas)
  • PRESIDENTE:
    José Montilla (Cataluña, PSC); Francesc Antich (Baleares, PSOE); Francisco Camps (Valencia, PP); Christian Bourquin (Llenguadoc-Rosselló, PSF); Albert Pintat (Andorra, PLA)
  • ALGUNHAS FORMACIÓNS NACIONALISTAS:
    Convergència i Unió: conservadores
    Esquerra: independentista de esquerda
    Bloc per Mallorca (Coalición: PSM, EU-Els Verds, Esquerra)
    Unió Mallorquina: liberais
    Candidatura d'Unitat Popular: independentista, socialista
    Endavant: independentista, socialista
  • INDUSTRIA:
    téxtil, automoción, química, manufactura, cultura, turismo, agrogandeira (viño, froita, porcos)

Entrevistas relacionadas


Ver Países Cataláns nun mapa máis grande

Lingua e Cultura

  • LINGUA:
    catalán, nas Rexións Históricas e en L'Alguer (Sardeña) e en El Carxe (Murcia)
    occitano, no Val de Arán (Catalunya) e en Fenolleda (Catalunya Nord)
    español e francés
  • MEDIOS DE COMUNICACIÓN:
    TV3 (Radio e TV de Cataluña)
    IB3 (Radio e TV das Baleares)
    RTVA (Radio e TV de Andorra)
    RTVV (Radio e TV de Valencia)
    Vilaweb (xornal electrónico, en catalán)
    Avui (íntegramente en catalán)
    Segre (local de Lleida, en catalán)
    Pagina 26: Diari electrònic valencià
    e-Notícies (bilingüe)
    El Periódico (bilingüe)
    La Vanguardia (en español)
    acn: Agència Catalana de Notícies
  • CENTROS E INSTITUCIÓNS CULTURAIS:
    IEC: Institut d'Estudis Catalans
    Filmoteca de Catalunya
    Instituto Ramon Llull: Promoción da Lingua e da Cultura catalás
    padicat: Patrimonio Dixital de Cataluña
    MNAC: Museo Nacional de Arte
    Omnium: Entidade a prol da normalización da lingua e da identidade catalás
    Escola Valenciana: Asociacións comarcais pola normalización
    ACPV: Acció Cultural del País Valencià
    OCB: Obra Cultural Balear
    CVC: Consell Valencià de Cultura
  • BANDEIRA:
    Senyera
  • HIMNO:
    Els Segadors
  • DÍA DA FESTA NACIONAL:
    11 de setembro

Cataláns Célebres


Fotos

Unha rúa de Sitges / Autor: Santi MB Campanario de Esparraguera, na Diada Nacional de 2008 / Autor: ~Oryctes~ Els Cavallets d'Igualada / Autor: bernatff Estació de França (Barceloba) / Autor: kodachrome65 Cartaz da primeira metade do S.XX El Ruc (burro) Catalá

Todas as fotos | RSS


Fontes e máis información:
Citizendium | Enciclopedia Galega Universal | Encyclopædia Britannica | Eurolang | Eurominority | Europeana | Linguamón | Món Divers | Unión Europea | Wikipedia