Vieiros

Vieiros de meu Perfil


PROGRAMA

Xuventude Galiza Net 2008 arranca cunha morea de actividades

Obradoiros sobre robótica, tradución de programas, software libre e xogos encherán as tres xornadas do encontro informático.

Redacción - 17:35 13/03/2008

Este venres 14 arranca no Palacio de Congresos e Exposicións de Compostela a novena edición do encontro informático Xuventude Galiza Net. As portas do recinto abrirán ás dez da mañá, para que os 1.500 participantes poidan acceder á Intranet e instalar os seus equipos. Pero as xornadas en si non comezarán oficialmente até o mediodía, cun relatorio de presentación da party.

Despois do xantar, ás catro da tarde, darán comezo os torneos de xogos, unha das actividades favoritas dos participantes en Xuventude Galiza Net. A esa mesma hora terá lugar un novo relatorio sobre a mesma temática: o novo concepto de xogo WAM-UP que incorpora o 'resucitado' Navy Moves. Ás cinco e media será o momento de falar de realidade virtual e de prototipado rápido nas ferramentas avanzadas de deseño en automoción.

Ás seis da tarde, Goretoxo, responsábel de Blogaliza, impartirá un obradoiro sobre este sistema galego de creación de blogs. Unha hora despois, o último relatorio da xornada analizará o despregamento da TDT en Galiza. Ás oito comezará a competición de debuxo rápido Fast 2D, que terá como límite de entrega as dez da noite. Á medianoite terá lugar o acendido oficial.

Durante o sábado 15 continuarán as competicións de xogos, coas segundas eliminatorias a partir das dez da mañá. Desenvolverase un obradoiro de robótica a cargo da Asociación de Usuarios de Linux da USC, de once a doce e a partir das seis da tarde, e outro de tradución de software co Grupo de Usuarios de Linux de Galicia e o proxecto Trasno, ás catro.

Os relatorios do sábado serán sobre o presente e o futuro das aplicacións da robótica móbil, ás once; sobre experiencias de emprendedores galegos arredor do software libre, ás 12:30; sobre a versión 6 do protocolo de internet, ás catro, e sobre mundos virtuais, ás cinco e media.

Durante a xornada sucederanse concursos, como unha competición de Case-Mod (algo así como 'tuning' de computadores), a partir das 16:30; o popular lanzamento de disco, ás seis e media, e a Real Time Battle, a partir da medianoite. Tamén será o límite de entrega dos certames de animación, páxina web, gráficos 2D e 3D, e o comezo das semifinais dos xogos.

O encontro rematará o domingo. Pola mañá terán lugar as finais dos xogos. Ás doce desenvolverase un relatorio sobre reciclaxe informática e proxectaranse os vídeos da competición de Case-Mod. Á unha da tarde continuará o obradoiro de robótica e ás dúas rematará o prazo para entregar os traballos de vídeo XNG e Descubre Santiago. A clausura e a entrega de premios será ás seis da tarde.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: