Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Ricardo Castro Buerguer

Redes da memoria escarlata

09:20 28/06/2007

Achégase xullo e con el setenta e un anos dende o golpe fascista, achégase e logo virá agosto. E a memoria nos falará de cunetas, de torturas, de fusilados, de paseos en noites furtivas, de castros ultraxados con sangue e cobardía, de penedos, de voltas no mar, de pontes, de Alexandre Bóveda, de Anxel Casal, de Xoan Xesús González... e de nomes non impresos nos libros.

Foron despois trinta e seis anos de ditadura uniforme –e de uniformes-, trinta e seis anos pisando a memoria dos bos e xenerosos, dos nosos irmáns e as nosas irmás. Trinta e seis anos de sangue sobre silenzo (grazas Brais, poeta) nos que as vítimas eran culpábeis de non poder acusar aos asasinos, de non poder deixar rapidamente a terra até que a xustiza ocupara o seu lugar; trinta e seis anos de resistencia nos montes cómplices, nos bares e nos adentros.

1975, morre o espectro do monstro levando a lousa de miles de nomes asasinados, morre e deixa en herdanza a súa última orde perversa: A TRANSICIÓN.Definámola: dise do sistema político inventado para converter aos verdugos en inocentes e as vítimas en inexistentes. Tamén é aquel sistema político que os españois teiman en chamar democracia porque cada catro anos reparten papeliños para o sorteo do goberno entre dous.

Pasaron outros trinta a anos e a memoria silenciada saíu da toba. Saíu exhumando cadáveres, facendo homenaxes na Volta dos Nove, na Ponte do Barco de Pedra, xuntando testemuñas nos libros de historia; saíu a memoria en Verbo Xido, nos Estudos Miñoranos, na Revista Murguía... e saíu para espertar de novo ao monstro que durmía nun sono de tranquilidade. O monstro fora “democrático” mentres non lle pediron contas, mentres os seus asasinados non tiveron nome, pero agora reacciona e logra a complicidade do poder xudicial (nada novo) da súa democracia para encausar a aqueles que din a verdade. O historiador Dionisio Pereira culpábel de dicir a verdade, os asasinados culpábeis de ter sido vítimas, os asasinos protexidos pola fe e a xustiza.

Porén a memoria resiste en nós, e as Redesescarlata teceron en Cerdedo unha malla de memoria dándolle o IV Premio Vidal Bolaño ao historiador Dionisio Pereira e á Asociación Verbo Xido. Patria da memoria, sempre.

4,5/5 (24 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Ricardo Castro

Vigo (1970). Licenciouse en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago. Traballou de profesor no ensino privado e agora é operario industrial. Pertence ao colectivo Redes Escarlata. »



Anteriores...