Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Ricardo Castro Buerguer

George Bush, Florentino e Redondela

12:22 05/11/2007

Os argumentos para a privatización dos servizos públicos tiñan que ver cunha suposta mellor xestión, aforro de cartos, prestacións máis efectivas para os/as cidadáns... e moitas outras razóns que remataban dicindo que a “empresa” pública non era quen de levar a cabo.

Logo de vintecinco anos de privatizacións do público (e tamén de “privatización do privado” dende que non somos máis que consumidores da vida que nos venden) non coñezo exemplos de servizos antes públicos que deran a razón aos gurús do “capitalismo democrático” , e si sobran exemplos de precariedade laboral, mal servizo e enriquecemento privado con cartos públicos. A situación é xa tan cotiá que este parece ser o único sistema de xestión posíbel. Kafkiano.

Estes días estase a dar un novo exemplo no Concello de Redondela, onde a xestión do lixo está nas mans de URBASER S.A., do ínclito Florentino Pérez. É nesta vila onde os traballadores levan en folga dende o pasado día 28 de outubro sen recibir ningunha chamada por parte da empresa para retomar as negociacións do convenio, orixe desta folga. O pasado día 2 do novembro foron chamados para unha reunión na que se lles comunicou o despido de nove traballadores dos que secundan a folga, supoñemos que este sistema de negociación está inspirado no estilo de George Bush para impor a democracia en Iraq, por poñer un exemplo.

Mentres tanto o Concello mira para o ceo azul que agora temos nas Rías Baixas (haberá que preguntarlle a Al Gore ou ao primo de Rajoy. Por certo o cuñado deste último, si, si, o da Cidade da Cultura, está na mesa negociadora representando a URBASER), e mira o Concello ao ceo sen tomar partido ante a arbitrariedade manifesta que implican os actos da empresa. Como é posíbel manterse imparcial ante a violación do dereito a folga? Como é posíbel non defender os intereses, non só dos traballadores, senón dos cidadadáns de Redondela que pagan por un servizo que non teñen por culpa desta empresa? Como é posíbel terlle tan pouco respecto a aqueles e aquelas que din representar?

Estas son as beizóns das privatizacións do público, e do público privatizado.

4,53/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Ricardo Castro

Vigo (1970). Licenciouse en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago. Traballou de profesor no ensino privado e agora é operario industrial. Pertence ao colectivo Redes Escarlata. »



Anteriores...