Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Diego E. Barros

Tarantino na Casa Branca

12:45 23/03/2010

Para ter unha mínima idea do suposto pola votación do pasado domingo basta con citar dúas anécdotas que aínda que circunstanciais, poden dar unha boa medida do que estamos a falar. A primeira ten que ver con Flaco, marido dunha amiga que reside en Michigan. Hai un par de anos rompeu un brazo xogando ó fútbol (o normal), algo polo que pasaron, por exemplo, case todos os cativos algunha vez. A factura do brazo roto que precisou de paso por quirófano nunha intervención de non máis de media hora foi de 10 mil dólares. Daphne, muller de Flaco, obviou o feito de ter seguro médico e, crente como é, simplemente lle deu grazas a Deus. A segunda anécdota circula estes días polos foros da ultradereita republicana estadounidense. Disque volveu o comunismo e está a campar ás súas anchas por EEUU, tanto que até The Wall Street Journal editorializou sobre o advenimento dun sistema sanitario soviético.

Desde a mentalidade europea podemos tildar os dous contos de esaxeración. No entanto, son simple e pura realidade nun país, un dos máis desenvolvidos da terra, onde unha mínima sutura ou unha análise de sangue custan en torno a 1.500 dólares se non temos un seguro do que tirar. A pantasma do comunismo cheira a broma pero non o é no imaxinario colectivo dun país que ten a liberdade e o individualismo no senso máis darwinista na súa esencia fundacional.

A Lei aprobada o pasado domingo pola Cámara de Representantes -219 votos a favor fronte a 212 en contra-, dista moito de seren perfecta e está moi lonxe da idea orixinal de Obama que propugnaba por unha opción pública. Máis aínda, está lonxe do sistema universal do que gozan a meirande parte dos cidadáns europeos. Porén é historia e marcará un antes e un despois no que resta da presidencia dun Barack Obama que o domingo colleu uns folgos máis que necesarios. "Esta noite -dixo Obama no seu discurso tras a votación-, non é unha vitoria para o partido de cada un, é unha vitoria para eles. É unha vitoria para o pobo estadounidense. É unha vitoria para o sentido común". Abofé que si. O problema é que unha boa parte do pobo estadounidense que pode sair beneficiado desta nova normativa non o ve así, e si máis ben unha nova inxerencia do demoníaco Goberno federal nas súas vidas. Especialmente entre os sectores máis puxantes da sociedade e, aínda que pareza mentira, noutros máis achegados ás clases máis humildes.

Logo das reticencias ideolóxicas, están as económicas nun dos países máis endebedados. A reforma aprobada suporá un custo aproximado de 940.000 millóns de dólares (700.000 millóns de euros) nos próximos dez anos nun sistema que non será nacionalizado, que seguirá en mans privadas e que pretende axudar economicamente, vía subvencións estatais (por parte dos estados e non do Goberno federal) a que as familias que carezan de seguro -uns 43 millóns de persoas-, podan contratar un, ademais de controlar o poder omnipotente das aseguradoras.

A partir de 2014, a Lei obrigará a todo cidadán estadounidense e residente legal a contratar un seguro médico baixo ameaza de multa. As subvencións irán dedicadas ás familias con rentas anuais inferiores a 88.200 dólares ou individuos con ingresos até 29.300 dólares anuais. E aquí un dos puntos en conflito. Familias e cidadáns que superen eses mínimos verán como os seus impostos soben, anatema, a prol dunha solidariedade inexistente nun país que opta pola caridade. Que nin é o mesmo nin se lle parece. En total, o Goberno calcula que poderá haber uns 32 millóns de novo asegurados o cal supón deixar aínda fóra ós 12 millóns de ilegais no país e a colectivos marxinais.

O Goberno de Obama pretende vencer as reticencias dicindo que a normativa aprobada non supón intervención ningunha nun negocio que seguirá sendo privado e no que o Estado só fará de intermediario entre empresa e cliente. Si haberá unha regulación estatal que poñerá coto á ditadura de prezos nas pólizas das aseguradoras que nos últimos anos subiron de xeito dramático. Así, as cotas para os sistemas baseados no pago parcial a cargo do empresario multiplicaron por catro o incremento dos salarios dos empregados, até duplicar o seu custe nos últimos dez. Isto, na práctica, supón un sistema actual ruinoso onde as aseguradoras son as únicas beneficiarias. En 2007, o custe sanitario de EEUU foi de 1,5 billóns de euros, cantidade equivalente ó 16,2% do seu PIB, e que é case o dobre da media dos países da OCDE. A maiores, a normativa aprobada pretende evitar, entre outras cousas, que as compañías rexeiten, como até o momento, a clientes con enfermedades preexistentes ou que os expulsen ó sufriren doenzas de longa duración como o cancro. Un tratamento de cancro en EEUU ten un custe medio de un millón de dólares segundo os últimos estudos. Por non falar dos enfermos de Sida, desasistidos.

Agora todas as empresas deberán proporcionar un seguro ós seus traballadores, algo que non era obrigatorio antes, para o que contarán con axudas. Antes, cando un traballador perdía o traballo quedaba sen seguro se o tiña. Esto non pasará agora pois os desempregados disporán dun fondo ad hoc para poder seguir tendo cobertura sanitaria.

Sendo optimistas o groso da reforma non entrará até 2014. Non é viable economicamente meter de súpeto no sistema a case 32 millóns de persoas. Pero os primeiros beneficios serán inmediatos, como a prohibición de que as aseguradoras se neguen a atender a menores de 19 anos con enfermidades previas ou a autorización a que os fillos permanezan baixo o seguro dos pais até os 26 anos ademais de apontoar o pago de determinados medicamentos para xubilados.

Vistos os compoñentes ideolóxicos e económicos, resta o político. Despois de sete presidentes comezando por F. Delano Roosevelt e rematando por Clinton, o afroamericano é o primeiro en gañar unha batalla nunha guerra que ten moito parecido co bíblico combate entre David e Goliat. Barack Obama deu o primeiro paso, pero aínda ten moito camiño por diante para tombar o Goliat que constitúe a industria aseguradora -cun poder de presión equivalente á armamentística e farmacéutica- e a ultradereita republicana coa súa armada mediática na vangarda. Tras a histórica votación, os avisos non tardaron en chegar. O líder dos republicanos na Cámara de Representantes, John Boehner, advertiu de que a guerra está lonxe de rematar. Por diante, como mínimo quedan anos para desenvolvela -os primeiros subsidios non comezarán a outorgarse até 2014 e entre medias hai dúas eleccións, unha delas presidencial- e máis escaramuzas políticas e legais. O proceso de negociación percorrido até aquí é titánico e unha boa mostra do complexo sistema democrático americano. Ben é certo que os representantes da Cámara e do Senado son obxecto de innumerables presións a cargo de lobbies, moitos deles con espurias intencións. Pero tamén o é que son representantes dun sistema democrático brutal. Que a votación tivera lugar en domingo non é cuestión baladí. É difícil imaxinar a Carreira de San Jerónimo a pleno funcionamento un domingo. O máis semellante a unha democracia total, onde non existen listas pechadas, nin disciplina de partido á hora de votar para contentar a un presidente -de aí a minirevolta dos antiabortistas demócratas-, e si moito do que respostar antes os electores que os levaron a unha cadeira do Capitolio. Un home, un voto, e detrás milleiros de votantes que agora quererán render contas e agardan co coitelo afiado entre os dentes. Basta con botar unha ollada a redes sociais como Facebook para ver o que se está cocendo de cara ás lexislativas de novembro.

Tras o escano perdido de Massachusetts que deixou ós demócratas sen maioría absoluta no Senado (60 de 100), o partido de Obama tivo que mudar sustancialmente a Lei e dividila en pequenos anacos a votar por separado na Cámara de Representantes. Despois deberá voltar a ese Senado en forma de emendas que terá que pronunciarse sobre as mesmas, presumiblemente na próxima semana, votacións nas que valerá a maioría simple. Será Barack Obama o que coa súa firma converta en Lei o aprobado o domingo na Cámara, pero dáse por feito que o presidente agardará ó resultado das votacións no Senado. É aquí onde os republicanos darán a primeira batalla que, case con toda seguridade, rematará nos tribunais.

O fiscal de Florida, Bill McCollum xa anunciou que levarán á Lei ó Tribunal Supremo. Con este hai xa anunciados outros recursos por parte de estados republicanos comezando polo de Virxinia, cuxo Congreso anunciou a pasada semana unha iniciativa semellante. Utah e Oklahoma están na liña e así até unha trintena. O argumento fundamental sería a suposta violación da Décima Emenda da Constitución, que di que os Estados e, en última instancia, o pobo reteñen todos os poderes que a Carta Magna non atribúe especificamente ó Goberno. Isto é, o Goberno non pode obrigar os cidadáns a ter un seguro médico e menos por vía de subvencións que serán estatais. Un argumento pillado con papel de fumar xa que o artigo 6 da mesma Constitución establece claramente que, no caso dun conflito, unha Lei federal (Goberno), prevalece sobre as disposicións estatais. Pero a pelexa está aberta e, sen dúbida, armará rebumbio. A consigna Kill the Bill (asasina o documento) pode acabar coándose nun Supremo, arestora, controlado polos conservadores nun reparto de cinco a catro. E só por que ó actual inquilino da Casa Branca se lle deu por xogar a ser Tarantino.

4/5 (1 votos)



Diego Espiña Barros (Forcarei, 1979) é xornalista. É licenciado en Filoloxía pola USC e en Xornalismo pola Carlos III de Madrid e ten un master en Estudos Culturais hispánicos pola Western Michigan University. Tras o paso por varios medios galegos agora só escribe que, nos tempos que corren, non é pouco. »



Anteriores...