Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Loli Rodríguez

Orgullosa de ser galega

18:50 06/07/2007

Orgullosos e orgullosas. Creo que así deberiamos sentirnos todos os galegos e galegas logo da aprobación do Decreto de Normalización Lingüística do Sistema Educativo.

Temos a sorte de ter dúas linguas, o galego e o castelán. Unha, o galego, discriminada historicamente a favor do castelán. Non entrarei nos motivos de tal discriminación, quedarei simplemente en que é obvio que existiu. Eu, por exemplo, non tiven a posibilidade de estudar en galego. Os meus pais e avós, influídos polos prexuízos dominantes hai varios anos, aínda que entre eles falaban e falan en galego, educáronme en castelán porque pensaban que así non me ían discriminar na escola e que sería mellor para o meu futuro.

Coma min, case toda a miña xeración e as que veñen detrás están educadas en castelán, non só na escola, a familia (polo xeral), os medios de comunicación, os amigos… a nosa vida desenvólvese en castelán, obviando que temos outra lingua, o galego, que esmorece por falta de coñecemento e, polo tanto, de uso.

Son española, e galega, e creo que a nosa lingua me constitúe como galega, forma parte do meu ser galega, pero tamén do meu ser española. Non entendería que nun estado plurinacional e plurilingüístico como o noso deixásemos esmorecer unha parte fundamental do que nos constitúe como membros dun país, unha parte fundamental da nosa cultura como é a lingua. Creo que sendo galega, que falando galego son tan española como un manchego falando castelán. Porque Galicia e o galego tamén forman parte da esencia de ser español.

É obriga das administracións públicas facer que a nosa lingua se manteña viva e promovela ata que acade a igualdade co castelán. Por iso paréceme tremendamente positivo introducir o galego na escola non de forma simbólica senón como unha lingua normal de expresión, unha lingua na que se poidan estudar as matemáticas, as ciencias da natureza ou a historia.

Escaso
Aínda que a min, persoalmente, paréceme que o decreto “queda curto”. Tendo en conta a situación do galego nestes momentos, con estudos que indican que pode desaparecer a medio prazo se non se toman medidas, parecería máis adecuado que o ensino fose integramente en galego. Isto non impediría acadar competencias lingüísticas en castelán, pois o resto da nosa vida desenvólvese nesa lingua. É simplemente, un medio para acadar a igualdade entre as dúas linguas, non un fin en si mesmo.

Por iso me parece lamentable a posición do Partido Popular. Despois do Decreto do 83, que nunca se cumpriu, os dous partidos do Goberno, o PSdeG-PSOE e o BNG puxeron todo da súa parte para que o PP se sumase ao consenso en materia lingüística. Parecía que o Partido Popular, por unha vez, esquecía os Acebes e Zaplanas e pensaba en clave de país… pero… unha vez máis, os intereses de Génova puxéronse por riba dos intereses dos galegos e o PP... donde dije digo, digo Diego. Non pode cualificarse máis que de vergoñento semellante espectáculo.

Para aqueles que, como o PP, digan que mellor nos sería aprender inglés, quero dicirlles que concordo con eles. Que por min, as horas das clases se poderían repartir para que os rapaces e rapazas acadasen competencias lingüísticas tamén en inglés ou en calquera outra lingua. O que non admito é que traten de vender que por estudar galego non vaiamos aprender inglés, pois moitos anos levamos estudando só en castelán e non lle escoitei propoñer ao PP (que, non o esquezamos, estivo gobernando 16 anos en Galicia) restarlle horas ao castelán para darllas ao inglés. Hipocrisías as xustas, por favor, que a Galicia tamén chegou o cambio niso de que “mexan por nós e dicimos que chove”.

2,67/5 (49 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Loli Rodríguez

Loli Rodríguez Amoroso naceu en Lugo en 1978. Meteuse de cheo no mundo asociativo na súa etapa universitaria, cando estudiaba Dereito na Universidade da Coruña, chegando a ser representante de estudantes na súa Facultade, no Claustro Universitario e no Consello de Goberno. Secretaria Xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia dende o 2005, accedeu á Presidencia do Consello da Xuventude de Galicia en 2004. Tamén podes ler o seu blog. »



Anteriores...