Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Loli Rodríguez

Da monarquía

11:22 08/10/2007

Asistimos nas últimas semanas a unha suposta polémica, alimentada por moitos medios de comunicación, no que se refire á monarquía e ó papel que xogou e xoga na democracia española. E digo suposta polémica, porque me temo que este tema non está na axenda das cidadás e cidadáns españois. Terán na súa axenda a vivenda, o emprego, a economía…pero dubido moito que estean pensando en cambiar de xefe de Estado, ou en que o sistema que temos de xefatura de Estado hereditaria non é o máis democrático do mundo.

E dígoo eu, que me considero republicana, que pretenzo a unha organización que se define como tal*, e que xa me gustaría que este tema fose obxecto de debate no conxunto de España.

O que me alucina é que cando catro rapaces queiman unha foto do rei, os medios de comunicación se alporicen desa maneira. E digoo porque todas as mañáns hai un telepredicador que di auténticas barbaridades sobre a monarquía española e sobre a figura do rei e nunca ninguén o denunciou por nada. Non está acusado por inxurias ó rei, non se enfronta a unha petición de pena de algúns anos….non. Son este tipo de cousas as que ás veces fan dubidar de que a xustiza sexa igual para todos.

Fálase moito de que é un delito queimar unha foto do Xefe do Estado, pero se en lugar de ser a foto do rei fose a do Xefe do Goberno, elixido, por certo, democraticamente por todos os españois, tamén sería delito? Pois non sería tamén unha inxuria, si seguimos esta suposta teoría que lle aplican ós que chamuscaron a foto do rei, contra unha institución do Estado? Eu penso que seguro que non tería pasado nada, porque xa se ten producido este feito e non vin que ningún fiscal ni ningún xuíz fixera nada.

Éche o mesmo que coa portada de El Jueves, cantas veces non teñen saído Aznar e a Botella ridiculizados e non ten pasado nada? Por qué cando saen os Príncipes se monta tal rebumbio?

Medo da sociedade
Ó mellor a monarquía ten máis medo da valoración que a sociedade pode facer dela, que a consideración que a propia sociedade ten do que fan os da Casa Real. E digoo non só polas viñetas, senón tamén polas propias palabras do Rei o outro día en Oviedo, autoxustificando a súa existencia: “La monarquía constitucional ha propiciado el período más largo e estabilidad y prosperidad en democracia vividos por España”.

Ben, eu non o comparto, e creo que isto nin siquiera ten que ver co feito de que eu sexa republicana. O que propiciou a estabilidade, ó meu xuízo, foi, principalmente, que as forzas políticas da transición fosen capaces de deixar atrás un período de odio, de sentarse ó redor dunha mesa e redactar unhas normas básicas de convivencia, a Constitución de 1978. E, sobre todo, a madurez da sociedade española, que demostrou que, non só estaba preparada para vivir en democracia senón que, desexaba vivir en democracia.

E para min o rei tivo e ten un papel asignado constitucionalmente, que é o que ten que cumprir. Nin máis nin menos. Outra cousa é que se magnifique que por primeira vez en España un Rei Borbón non tivera que sair por pernas como teñen feito outros da súa caste. Ahh, se se trata de comparar e non de medir daquela sobran comentarios.

Non entrarei xa a valorar ese papel que lle outorga moita xente de salvador da democracia aquel 23-F, porque teño moitas dúbidas sobre o particular. Espero que dubidar disto non sexa motivo suficiente para que me acusen de inxurias á Coroa. Porque nese caso non tería máis remedio que declararme culpable, culpable de dubidar dese suposto papel do rei ese nefasto día, culpable de non crer nunha institución tan anacrónica como é a Monarquía, e culpable de ser republicana. Iso sí, culpable pero moi orgullosa.

*XSG é unha organización que se define como socialista e galeguista. Así, os valores fundamentais nos que asenta a súa ideoloxía son: a liberdade, a igualdade e a solidariedade, o galeguismo, a tolerancia, a participación, o desenvolvemento sostible, o pacifismo, a república e o federalismo.

2,65/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Loli Rodríguez

Loli Rodríguez Amoroso naceu en Lugo en 1978. Meteuse de cheo no mundo asociativo na súa etapa universitaria, cando estudiaba Dereito na Universidade da Coruña, chegando a ser representante de estudantes na súa Facultade, no Claustro Universitario e no Consello de Goberno. Secretaria Xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia dende o 2005, accedeu á Presidencia do Consello da Xuventude de Galicia en 2004. Tamén podes ler o seu blog. »



Anteriores...