Vieiros

Vieiros de meu Perfil


César Caramés

O “falar político”

18:40 24/08/2007

Non era o obxectivo desta serie de tres artigos que remata aquí (non foi sen tempo) o de simplesmente facer defensa de dous fenómenos considerados dialectais polo standard oral do galego através dun repaso pola historia do seu rexeitamento, que tamén. Como xa foi sinalado na primeira parte, esta era a ponta do iceberg da cuestión principal sobre a que se pretendía facer reflectir o leitor nunha ollada á saúde do propio corpo da lingua galega.

Alí de onde eu son chamábaselle “falar político” a aquela modalidade do noso idioma que lle escoitabamos na radio ou na televisión do país á meirande parte dos detentores ou representantes de calquera caste de poder: mediático, académico, político, económico cando tiñan a ben empregar a lingua de Galiza. Xa de pequenos, na esqueira que se nos debuxaba nos miolos ao ir interiorizando os valores lingüísticos desta sociedade axiña aprendiamos a identificar os seus chanzos. Embaixo de todo estaba o que falabamos nós, que era cordial e igualitarista entre nós propios, mais agrario, rudo e vergoñante para falar co médico, co profesor, co rico ou mesmo con calquera que fora da vila ou da cidade. O chanzo último que se deixaba enxergar nas alturas distantes da escada era por suposto o español rotundo e exquisito das radios, das televisións, do mestre, do crego, do empresario veraneante e mesmo aquel, inzado de galeguismos e con música de noso, que os parentes da vila esbozaban teimudos cos seus fillos ou xa entre eles.

No medio, coma unha transición entre os dous mundos, estaba o “falar político” dos que pasaban pola casa a pedir o voto, o do mestre na hora de galego ou o do fillo do médico que ía para revolucionario. Os que fomos ao instituto na cidade batemos de fociños co valo que só de lonxe deramos avistado na infancia. Só abrir a boca abondaba para carregar co estigma de “tujos” ao lombo e perceber o rexeitamento visceral a aquela lembranza da orixe propia que o aldeán galego emigrado á urbe tan ben soubo transmitir á súa prole. Para se inseriren na microsociedade dun centro de secundaria urbano as almiñas adolescentes dos “tujos” tiñan dous atallos. Por unha banda o cómodo elevador do español que adquiriramos na escola, nos libros e na televisión a bulir silandeiro até o derradeiro chanzo da esqueira. Pola outra, moi minoritaria, quer polo mínimo mantemento da dignidade propia nun ambiente hostil, quer por simples preguiza, a subida manual ao seguinte chanzo. Para un galegofalante natural adoptar a variante socialmente “prestixiada” da súa lingua non supón unha grande traba. Realmente é tan doado como homologar a nosa fonética, a nosa sintaxe e até ás veces a nosa morfoloxía coa do español. A seguir, cómpre erradicar todo o noso léxico e a nosa fraseoloxía “dialectal”,“vulgar” ou “lusista” de toda a vida para a substituir nos máis dos casos por calcos do español ou polas formas que máis se lle semellen.

Semiselvaxes e excéntricos
Finalmente, coa substitución sen dó de “j” por “x” (para nos entendermos) nos españolismos léxicos que o apresenten e coa corrección dos máis comúns aprendidos xa na escola ou no curso de iniciación de un mes, xa dariamos acadado de vez o pasal do “falar político”. Se se quixer un lucir, con recorrer ao emprego ocasional dalgunha palabra ou expresión exótica de moda na TVG xa abonda. Unha vez adoptada a nosa nova identidade pasabamos de ser brutos semiselvaxes a excéntricos e idealistas rebeldes perfeitamente integrábeis naquel ensaio de sociedade futura. Pasado o tempo, ao lembrar aquilo e vendo agora o triunfo asoballante do “falar político” como modelo lingüístico do galego, un dá en matinar que na práctica esa é a forma da nosa lingua que lle parece asumíbel á ideoloxía dominante, quer dicir á da España monarquico-parlamentar, co seu correlato nesta escrita que vira as costas a si propia e á súa proxección internacional. O galego “político” é a excentricidade que se nos outorga após anos de loita a xeito de mal menor que precede a normalización do noso país no proxecto nacional español, ou sexa, a erradicación da nosa identidade. De simbolizar algo cumpridamente, o galego “político” faino co autonomismo, raras veces radicalizado en utópicos federalismos, das contraditorias clases medias rexionalistas. Non por acaso, foi este mesmo segmento da sociedade galega quen valentemente iniciou a recuperación da nosa identidade colectiva. De aí, se cadra, a ansia por distanciar aquel galego culto, recén recriado, do das verduleiras, dos palanquíns e dos farrapentos que malvivían ao pé das súas casonas, para que non só os identificase como galegos mais tamén como clase dirixente autóctone.

Nesta construción da identidade lingüística, face ao español recorreuse como marcadores ao léxico e á morfoloxía, o máis visíbel, nun fincapé exacerbado que nos levou decote a gañar distancias artificiais verbo do portugués, para alén de coa lingua popular, quer por ignorancia de formas vivas e propias quer por simples diferencialismo coa lingua imposta. Pola contra, fronte ao galego popular, foron máis a fonética e a entoación as lideiras dos que querían facer unha lingua culta e refinada, merecente de ser falada por si propios como clase. E como ían facer do noso un idioma culto con aquel sotaque tan pailán, tan estridente, tan esgrévio, tan duro, tan de pobres, tan... noso? Deste xeito, inconscientemente, e polas nosas propias e inevitábeis miserias coloniais, adoptamos como modelo referencial ortofónico o do español igual que foi acontecendo co ortográfico de forma máis clara. Co asentamento da autonomía e o mínimo recoñecemento formal da nosa lingua, o falar “político” foise de vagar pasando a chamar galego “normativo” sen isto significar que esta modalidade lingüística acate os preceitos da gramática oficial (non sendo os que lle conviñer para aumentar distancias a respeito do galego popular).

Os medios de comunicación

É tamén coa aparición dos medios de comunicación autonómicos, axiña consolidados na práctica como máxima autoridade lingüística na oralidade do idioma, coa que se arrufa o recoñecemento do “falar político” como standard real da nosa lingua. Asemade, así que se van asumindo entre os falantes populares as mudanzas do galego “consentido” por España (a tal que a eliminación da gheada e do “seseo”, a redución a un sistema de cinco vogais, ou a adopción da prosodia española), a contraditoria vangarda histórica deste proceso tenta recuperar a distancia perdida e mergúllase máis na xeira de españolización da lingua coa axuda da ofensiva transculturizadora que sobrevén coa revolución tecnolóxico-mediática dos noventa. Destarte, xa non só se cinxen á fonética e á entoación os españolismos do standard oral (que continúan, velaí a desaparición crecente do “n” velar ou a despalatalización non dialectal do “x”) mais tamén á morfoloxía e á sintaxe, eis a conxunción “i” por “e” en todo caso, a colocación á española dos pronomes átonos, o emprego dos tempos compostos españois ou dos seus sucedáneos en base á perífrase ter + participio...

Cando unha lingua minorizada ten proximidade lingüística coa que a desloca posúe unha vantaxe de cara á súa recuperación e normalización na facilidade de aprendizaxe para os falantes da lingua imposta. Pola mesma, esta vantaxe leva aparellada un perigo: ao proceso de substitución lingüística directa mediante o desprazamento total dos seus usos cómprelle sumar o de absorción do código propio polo imposto, quer dicir, a disolución do galego no español como variante rexional. Do mesmo xeito, o léxico é a parte máis móbil dunha lingua, a primeira en se perder mais tamén a máis doada de restaurar. Pola contra, a fonética, a morfoloxía e mais sintaxe son a auténtica espiña dorsal dun idioma, resistente á substitución mais de dificil recuperación de desapareceren: como comunidade lingüística, se perdermos totalmente a capacidade de pronunciar o “n” velar é doado entender o durísima que podería ser a súa restauración de se dar producido. Outramente, aprender que “presupuesto” é orzamento e empregalo cando corresponder non ten unha dificuldade comparábel. Se cadra é hora de repararmos en que un modelo lingüístico verticalista no que é a autoridade dunha institución a que posúe a patente do idioma e marca as mudanzas e as tendencias que ten que seguir (cámbiame esta palabra, invéntame estoutra, esa é moi portuguesa, ponme aquí esta letra) en función das súas crenzas e intereses a semellanza do que acontece no caso español non é axeitado á situación dunha nación dependente cun idioma en risco de desaparición.

Ao mellor é agora cando nos podemos comezar a decatar de que se foron as clases populares as que conservaron este idioma durante cincocentos anos é nelas onde temos que situar por fin o noso referente ortofónico, de que se nos soa ríspido e vergoñante, pailaroco e aldeán, escoitar “aghora sae o orsamento” coas vogais medias, tónicas e átonas, abertas e pechadas segundo lle corresponder, coa entoación decrecente de Currelos e Cimadevila ou coa cantarina de Seixo e Raxó, é pura e simplesmente polo auto-odio que nos engarraron ao caletre coma un carracho e que aí nos segue a todos malia algúns se teren por elite consciente da nación. Quizais é momento de aplicarmos en comunidade o método que un compañeiro empregaba cos seus alumnos de lingua nun exercicio: -Enganchade por banda o galegofalante natural máis próximo que teñades e tentádeo arremedar en cada son e en cada xiro. Canta máis vergoña vos dea a vosa nova forma de falar será que mellor falades o noso idioma. O resto logo se aprende.

4,36/5 (33 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



César Caramés

Naceu en San Martiño de Laxe (Moraña) en 1978. »



Anteriores...