Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRISE NO SINDICALISMO AGRARIO NACIONALISTA

O sector crítico do SLG acusa a Executiva de acabar coa democracia interna

Os partidarios de Xurxo Álvarez coidan que o Sindicato Labrego perde iniciativa ao converterse en "comparsa" doutras organizacións agrarias.

Redacción - 20:00 12/05/2008

Os enfrontamentos internos que arrastra o Sindicato Labrego Galego dende o último Congreso, que se celebrou en novembro do ano pasado, proseguen. Este mesmo martes, membros do sector que lideran Xurxo Ávarez e Manuel da Cal, convocaron á prensa para acusar á Executiva do sindicato de "usurpar" as funcións da Dirección Nacional. A corrente crítica considera que o SLG centraliza na Executiva (na que os partidarios de Álvarez non teñen representantes) todas as decisións políticas e de organización interna deixando sen función ningunha ao resto dos órganos.

Xurxo Álvarez sinalou que vén de xuntar un terzo de sinaturas dos membros da Dirección Nacional para forzar a convocatoria dunha reunión extraordinaria deste órgano. Segundo Álvarez, a decisión tomouse logo de que a Secretaria Xeral (Carme Freire) e a de Organización (Lidia Senra) se negasen a dar as explicacións requeridas.

Diferenzas políticas e de funcionamento interno

Os críticos piden que na reunión extraordinaria se traten asuntos que afectan ao sector leiteiro e o vitícola. O grupo que encabeza Xurxo Álvarez considera que o SLG está a ser "unha comparsa" doutros sindicatos. Como exemplo sinala a participación na última manifestación polos prezos do leite que se celebrou en Compostela: "Non se pode convocar unha protesta dende o local central do SLG cando antes se debatían estas decisións en asembleas comarcais".

Mais este sector tamén exixe que a Executiva dea explicacións da situación laboral e retributiva dos traballadores do SLG, que se fale das últimas rescisións de contratos e de traslados. Os críticos acusan ao máximo órgano do sindicato de estar tomando represalias contra empregados que non apoiaron á candidatura oficial no último Congreso, algo que dende o SLG negan rotundamente.

Unha pugna ideolóxica
A crise interna é tamén consecuencia dunha pugna ideolóxica que leva máis dun ano activa no sindicalismo agrario nacionalista, que sempre destacou pola unidade interna e pola forte peso da Unión do Povo Galego(UPG). Destacados dirixentes do sector oficial como é o caso de Lidia Senra, Carme Freire ou Xosé Ramón Cendán militaron activamente na UPG. Porén, nos últimos tempos a súa relación con esta organización política é practicamente inexistente e apostan por unha liña política independente do BNG. Os principais cadros deste partido están agora na oposición interna.


2.85/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: