Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Manifestación o pasado venres

Veciños de Silleda saen á rúa contra a "ineficacia" na xestión da Semana Verde

Critican tamén a "indiferenza" da Xunta fronte á "grave" situación da fundación.

Redacción - 11:45 14/06/2008

A cita o pasado venres nas rúas de Silleda chegaba poucos días despois de que un grupo de socios da Asociación Feiral Semana Verde fixeran público un comunicado onde advertían do "estado de desidia, falta de transparencia e abandono ao que está sendo levada a Asociación que representa a través da súa masa social o pobo de Silleda e a súa comarca", xerme do que despois sería a Fundación Semana Verde.

Unha peza máis do conxunto de problemas que manteñen a Semana Verde nunha "crise" para a que semella non verse solución a curto prazo. Diante desta situación, centos de veciños uniron a súa voz este venres nunha marcha que percorreu varias rúas da vila, e onde se escoitaron berros contra a actual xestión do Padroado da Fundación e en particular, contra Xosé Maril, o actual presidente da Fundación Semana Verde. Empregados da entidade, recordaron ao respecto as advertencias sobre a "grave situación" económica e de xestión na que está agora mesmo a Fundación.

Socios da Asociación Feiral Semana Verde piden unha asemblea extraordinaria
A pasada semana comezou unha recollida de sinaturas de socios da Asociación Feiral, co obxectivo de conseguir a convocatoria dunha asemblea xeral extraordinaria. Cara a esa cita, os promotores expoñen algunhas das queixas principais, comezando pola denuncia dos "tres anos sen voz nin voto" e bloqueo ao funcionamento democrático do colectivo.

Os críticos advirten de que no pasado, o "peso" da Asociación no Padroado da Fundación Semana Verde foi "usado con fins particulares e políticos" sen que implicara beneficios reais para a propia Fundación. Por este motivo, chaman a mudar a xestión da entidade para conseguir que sirva para a "potenciación e promoción" da comarca de Silleda e para "elevar o nivel de vida" dos seus veciños.

Ao fío, os sindicatos lembraron as advertencias que veñen realizando desde hai semanas, co agoiro da morte do proxecto da Semana Verde se o Goberno non lle mete man á crise.


4.2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: