Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
XOSÉ GÓNZÁLEZ, PRESIDENTE DO FORO PEINADOR

"É posíbel e necesario desactivar prexuízos lingüísticos no ámbito empresarial"

Dez compañías punteiras do país comprométense a introducir de xeito gradual o galego na súa actividade.

Redacción - 19:35 24/06/2009

Son Itelsis e Egatel (grandes empresas galegas do sector das telecomunicacións);Tuconsa (construción); Travibus Noroeste (agrupación provincial de transporte público); Progando (subministro de pensos); Vulcano (estaleiros de construción naval); Fegatur (entidade que reúne aos negocios de turismo rural); Celtic Estores (empresa que fabrica seis milleiros de estores diarios); Pórtico Audiovisuais (produtora); e Academia Postal (encargada da formación dos futuros funcionarios da administración pública).

Estas dez empresas aceptaron este ano a invitación do Foro Peinador para sumárense a un proxecto que contempla a introdución gradual do galego na súa actividade empresarial. O acto formal foi a sinatura dun convenio de colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, un acordo que contempla a promoción da nosa lingua nas súas relacións internas e externas. Na documentación, nas páxinas web, na sinalización, na documentación administrativa, nos actos sociais da entidade ou en actuacións formativas: o galego comezará a ser unha lingua máis de referencia nos seus actos comunicativos.

No seu conxunto, segundo explica o presidente do Foro Peinador, Xosé González, estas dez compañías suman unha cifra nada desprezábel de máis de sete mil traballadores. De aí a importancia da iniciativa, xa que, ademais, contempla a promoción do galego entre o cadro de persoal. "Celebraranse actos específicos para facer copartícipes aos traballadores", explica González, "como por exemplo parar a produción durante unha ou dúas horas para explicar cal é o significado de galeguizar".

O galego: activo empresarial
Mais, unha das grandes conquistas deste proxecto, que o Foro Peinador leva reeditando dende hai tres anos, é a conversión da lingua en activo empresarial, nun elemento de interese para o sector económico. En tempos nos que o galego se está a converter nun elemento de discordia, preguntámoslle a González pola disposición empresarial a sumárense a iniciativas coma esta. "É evidente que no empresariado aínda perduran moitos prexuízos ideolóxicos e lingüísticos", explica ao tempo que recorda que aínda hoxe é un gran problema que a nosa lingua se cinxa case exclusivamente aos círculos literarios e estritamente culturais.

A fórmula que ofrece Xosé González, cunha ampla traxectoria no traballo da normalización ás súas costas, é "fuxir da crispación" na que actualmente se enmarca toda a información e o debate vencellado co galego. "Nun contexto de conflito, un sector tan afastado da lingua e da cultura como é o empresarial é lóxico que o pense varias veces antes de sumarse a iniciativas a prol do galego", explica, "a receptividade que nos atopamos, con todo, nin é milagreira nin pésima". Para González, a clave está nas formas: "nós actuamos como interlocutores para desactivar os prexuízos lingüísticos neste ámbito empresarial; é unha tarefa que non pode vir da man das administracións, nin de entidades políticas ou ideoloxizadas, senón de colectivos coma o noso". Así, o Foro Peinador sumou nos últimos anos, aos poucos, unha rede empresarial de compañías dispostas a actuar en defensa do galego.


Ligazóns

4.78/5 (32 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: