Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
A manifestación de Queremos galego ateigou este domingo Compostela

"A forza do noso amor non pode ser inútil"

A marcha -histórica, plural e cun discurso máis positivo e aberto- terá continuidade coa recollida de sinaturas por vilas e cidades para unha iniciativa lexislativa popular. Fortes asubíos para a cobertura da TVG.

Fernando Arrizado / Galería: Isabel G. Couso - 16:30 18/10/2009

"A forza do noso amor non pode ser inútil. Viva Galiza e viva a lingua galega!". Con este desexo, parafraseando o homenaxeado no Día das Letras de 2010, Uxío Novoneyra, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística pechaba o seu discurso ao termo da manifestación a prol do galego deste domingo en Compostela.

Unha marcha histórica, tanto polo número de participantes -maior que na anterior, do 17 de maio, e que os organizadores estiman en 100 mil persoas- como pola súa pluralidade ideolóxica, con representantes de todos os partidos políticos -agás o PP- e sindicatos. Todos con dúas reivindicacións comúns: exixir "o dereito a vivir en galego" e protestar pola política lingüística do Goberno que preside Alberto Núñez Feijoo.

A manifestación partiu pasadas as 12.15 horas desde a Alameda e contra as 13.30 aínda había xente que non comezará a andar. A actriz Isabel Risco, que se encargou de manter o ánimo festeiro na Quintana, ironizou coa posibilidade de "ir tirando tabiques" para coller todos. "Se se pode tirar a lingua, porque non imos tirar tamén os muros da Quintana. Sóbranos patrimonio", dixo con sorna.

De feito, cando se soubo que a marcha non saíra por completo da Alameda, os asistentes que xa ateigaban a praza comezaron a berrar "Obradoiro, Obradoiro", aludindo á posibilidade de trasladar o acto final a esta outra, máis grande e con maior capacidade.

"Cuestións técnicas" e "simbólicas", segundo explicou Fran Rei, impediron que así fose. O vicepresidente da Mesa quixo "pedir desculpas" por ver sobrepasadas todas as previsións. "Unha vez máis os galegos e as galegas demostran que cando nos tocan algo tan básico como a lingua, a nosa esencia, respondemos", dixo, e advertiu que "mentres esteamos aquí dando esta lección de civismo non haberá ningún goberno, veña quen veña, que sexa quen de nos dobregar".

Os maiores aplausos recibiunos Avelino Pousa Antelo -e tamén Mini e Mero, que interpretaron 'O carro'. Moi emocionado, o histórico intelectual fixo un discurso en que citou Castelao -"se os galegos aínda somos galegos é por obra e gracia da nosa lingua"- e Celso Emilio Ferreiro -"falo galego porque me peta". Ademais, arengou a ir "tocarlles a San Caetano , para que non durman tranquilos" e "cantarlles as corenta a eses galegos arrecastados que pensan que poden dispor para si de algo tan sagrado como a liberdade".

A actriz Patricia Vázquez foi a seguinte en falar. Enumerou as diversas medidas do Goberno da Xunta que "atentan contra o galego" -derrogación do decreto no ensino, retirada de subvencións as traducións ao galego ou a eliminación da proba de idioma nas oposicións-, todas elas recibidas con asubíos pola audiencia.

O discurso de Callón, a continuación, comezou con críticas para a TVG. "Esta si é unha verdadeira manifestación provida", sinalou en referencia á marcha contra o aborto deste sábado en Madrid, con ampla cobertura na televisión pública galega.

O presidente da Mesa -unha das organizacións convocantes de Queremos galego- realizou un discurso optimista e aberto a toda a sociedade. Fixo unha mención especial aos que "non usan o galego no día a día" felicitándoos pola súa presenza e recordándolles que "a mellor forma de defender o galego é falándoo".

"A política galegófoba e de racismo lingüístico conseguiu unha caída no número de falantes, mais trabúcanse Feijoo e os seus conselleiros se pensan que representan eses que non o falan pola presión social, pola ausencia de espazos", advertiu, e criticou a actitude "chulesca, arrogante e prepotente" dos dirixentes da Xunta que mesmo "presumen de non saber falar galego".

"Señores conselleiros, señor conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, que se manifestou en contra do galego, terían vostedes algún tipo de cargo se a lingua galega non existise?", preguntouse Callón, que tamén recordou, en referencia á "pseudoconsulta" lingüística aos país e ás subvencións da Deputación de Pontevedra ás Xornadas Bilingües, que "para atacar o galego non hai austeridade".

Asubíos para a TVG e concentración no Toural

Xurxo Souto pechou as intervencións cun tirón de orellas aos que non falan galego por "preguiza". A seguir, interpretouse o Himno, e unha vez rematou chegou a polémica. Cando a xente comezaba a abandonar a Quintana para que puidesen acceder os que aínda quedaban por entrar -uns 200 foron para o Obradoiro- e que case a volveron encher, a TVG fixo a conexión en directo. A reprimenda do público e dos que estaban no palco -especialmente de Pousa Antelo- foi intensa.

Por outra banda, a plataforma Galego Sempre Máis e as organizacións partidarias do reintegracionismo leron dous manifestos na Praza do Toural -o manifesto 'Contra o bilingüismo. Pola hegemonia social do galego' e o dos 'Três Pontos'-, onde remataron a marcha e que tamén estivo ateigada de xente. En xeral, tanto aquí como na Quintana e durante todo o percorrido salientou o ambiente festeiro, acompañado de música de gaitas e bombos, e con relativa abundancia de cativos e xente nova.

Falando de futuro, cómpre salientar que a plataforma Queremos galego comezará en días vindeiros unha recollida de sinaturas por vilas e cidades de todo o país para poder presentar unha iniciativa lexislativa popular e "termos voz propia no Parlamento".


4,94/5 (99 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Houbo referencias abondo á 'galiña azul' / Foto: F.A.
Houbo referencias abondo á 'galiña azul' / Foto: F.A.
Unha das primeiras medidas do novo Goberno foi eliminar as galescolas / Foto: F.A.
Unha das primeiras medidas do novo Goberno foi eliminar as galescolas / Foto: F.A.
Tamén houbo quen cuestionou as subvencións aos medios de comunicación polo uso do galego / Foto: F.A.
Tamén houbo quen cuestionou as subvencións aos medios de comunicación polo uso do galego / Foto: F.A.
A festa non faltou en ningún momento / Foto: F.A.
A festa non faltou en ningún momento / Foto: F.A.
A manifestación tamén foi un éxito polos moitos cativos e xente nova que participou / Foto: F.A.
A manifestación tamén foi un éxito polos moitos cativos e xente nova que participou / Foto: F.A.
A retanca, sempre presente / Foto: F.A.
A retanca, sempre presente / Foto: F.A.