Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Nova etapa

Nace a Escola Livre da Música Popular Galega

O centro de formación en música tradicional e folk de aCentral Folque reorganízase logo de perder o apoio da Agadic.

Redacción - 13:00 29/10/2009

Primeiro foi Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín. Logo mudou para Santiago para medrar e converterse como Escola Folque no centro de referencia da formación en música tradicional en Galiza. Agora o proxecto de aCentral Folque inicia unha nova etapa como Escola Livre da Música Popular Galega, logo de que a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) non renovase o convenio que mantiña para esta actividade.

O convenio permitía que a escola se situase no edificio da Escola de Altos Estudos Musicais e financiaba parcialmente a matrícula do alumnado, chegado de toda Galiza, Asturias e Norte de Portugal. Os responsábeis de aCentral explican que ao perder este apoio “o proxecto curricular único na Península para este xénero musical” ten que pasar a integrarse dentro da estrutura de aCentral Folque.

O centro abre así as súas portas para o curso 2009-2010 como Escola Livre da Música Popular Galega, apoiado pola Concellería de Cultura de Santiago e con aulas repartidas en catro centros socioculturais da cidade. A escola aposta de novo pola educación personalizada con músicos profesionais de prestixio no eido da música tradicional e folk. Ás aulas de gaita, canto, percusión, zanfona, violín, acordeón diatónico e frautas e requinta, a escola incorpora este ano dúas novas especialidades: regueifa e introdución á teoría musical e ao arranxo folk.


4.4/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: