Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Espionaxe gobernamental

Unha empresa europea axuda a que Irán intercepte as comunicacións móbiles

Unha xornalista finlandesa accedeu a un dos manuais da compañía Nokia Siemens Networks, que negara aínda hai pouco a súa relación cos feitos.

Redacción - 11:10 06/03/2010

Unha xornalista finlandesa, Hanna Nikkanen, accedeu a un manual que está a empregar o goberno iraniano para controlar as telecomunicacións. Deste xeito, confirmou o que xa se anunciara hai meses: que a compañía europea Nokia Siemens Networks (NSN) está a fornecer Irán con tecnoloxía que, na práctica, contribúe a limitar as liberdades da cidadanía.

O manual do sistema, denominado "Pasarela de Interceptación Legal de Nokia", fai afirmacións como que "é un proceso que ten lugar nun segundo plano, asegurándose de que o usuario interceptado non é consciente deses feitos" e que "o máximo número de sesións simultáneas de interceptación é de 50 mil".

A xornalista accedeu ao texto en Teherán, e asegura que o sistema permite controlar as comunicacións móbiles, tanto de telefonía como de datos, algo que NSN negara até o momento, mesmo o pasado 20 de febreiro.

Nikkanen describe que no proceso de 'interceptación', que non só se podería aplicar no Irán, participan un auditor, un xuíz e un policía, con cadanseu papel. Así mesmo, detállanse os equipos informáticos que se empregan para controlar as comunicacións. A xornalista lembra que as redes móbiles iranianas xa 'traizoaron' os seus usuarios durante as protestas reprimidas o verán pasado. En Fifi pódese ler o artigo completo.


3.67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: