Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

Monólogo dende o desgoberno

09:50 05/01/2010

 " A lingua constitúe un elemento básico de identidade cultural e representa un valor fundamental de cohesión dunha comunidade": "Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia"

E por iso, pola súa importancia social, EU, Goberno da Xunta, decido que decidan as "familias" en que lingua desexan que sexan educados os seus fillos/as... Bo, non exactamente así, pois é imposible que satisfaga tanto afán de liberdade individualmente, pero, ben, que o decidan en cada centro educativo, segundo o principio da maioría.

Ben e, que pasa coa minoría?. Poderían pedir cambiar de centro e elixir un no que prevaleza o ensino da lingua que desexa. ¡ Uf!, iso crearíanos un problema. Mellor que, por esta vez, se aguanten; ademais, pode ser, ao cabo duns anos, en teoría, que sexa exactamente o contrario, quizais os seus fillos aínda permanezan no centro educativo e, por fin, poidan aprender na súa soñada e amada lingua.

Mentres, que sexan respectuosos coas decisións democráticas. Ademais, o máis probable é que sexa contínua a lingua de aprendizaxe porque vai depender bastante da extracción social das familias e da situación xeográfica do centro segundo barrio e /ou lugar.¡ Que aprendan a discutir e resolvan eles¡. Aínda que tampouco é a miña intención provocar conflitos familiares, discusións entre o pai e a nai e menos cos fillos que farán o que os pais diten, en último caso, se o pai non goza da autoridade que lle corresponde, que o arranxen democraticamente. Os pais e nais que decidan en que lingua queren o ensino dos seus fillos/as, que estes xa van ter a liberdade de dirixirse aos mestres/as e profesores/as na lingua que queiran.

Liberade para todos, polo menos unha pouca, tampouco imos caer na libertinaxe. Os mestres/as que fagan o que lles manden, para iso son funcionarios, como os militares e a Garda Civil, se queren os mesmos dereitos que os demais que elixan outra profesión, amolaría, como se eles fosen resolver algo. Que se ocupen de aprender inglés ben, xa verán, como chegue a presidente do goberno de España, o primeiro que fago é unha reforma da Constitución, o punto 1 e declaro linguas oficiais do Estado, o castelán e o inglés. Seica non lles fago un favor?. Moitos van ter que emigrar, xa non pode ser a Arxentina, Venezuela, México e outros países de fala hispana, será a moitos outros países que falan linguas estrañas e minoritarias, pero aí poderán entenderse entre eles co inglés, que todos coñecen o MacDonald e a Coca Cola, ata os chineses, os hindús e os brasileiros. Quizais, empece reformando o estatuto de autonomía e incluír o inglés como lingua oficial de Galicia e demostrar ao resto de España que somos os máis avanzados. Debo apurar, non sexa que me adianten en Valencia.

Canto máis penso nesta idea máis brillante me parece, haberá que considerar se aplicala a outros ámbitos, aos nosos impostos, así dámoslle unha lección a todos eses “rojos y nacionalistas”, a ver quen é máis democrático. Podían decidir por comunidade de veciños cantos impostos pagar, si, si, poderiamos poñelo no programa das próximas eleccións municipais. Hai que pensalo un pouco máis. Facer unha consulta aos cidadáns/ás a ver cantos impostos están dispostos a pagar, non vaia ser...

Terei que esperar, tamén, a ver como reacciona o Director Xeral de Política Lingüística, non sexa que entenda que prescindimos del, que os seus servizos xa non son necesarios. Debo falar con el e tranquilizalo neste sentido e convencelo de que segue sendo moi necesario. Deben tranquilizarse todos, empezando pola Conselleira de Facenda e o de Medioambiente, Territorio e Infraestruturas. Xa verei... Claro, que se o levo moi ao extremo, algúns interesados, ata dirán - demagóxicamente- que para que fai falta un goberno, que podería aforrar todo ese diñeiro ou gastalo en Comisións Electorais e un Centro de Enquisas. ¡ No fondo é puro envexa¡. Son un gobernante, xa sei, podería prescindir do goberno, pero non o farei, non lle darei a ninguén ese gusto. En realidade son un poeta, como Nerón, e se a cidade remata ardendo comporei fermosas cancións coa miña lira e despois acabarei cos cristiáns culpables do incendio.

4,96/5 (28 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións