Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xoán Carlos Garrido

Que ler?

09:48 26/12/2007

Chegando estas datas, nas que un busca como matar o tempo cun libro, escusados das obrigadas lecturas profesionais, mais sen caer nas de lecer e evasión, pois a nosa conciencia non quedaría tranquila con tanto partido contra a malaria, tarxetas de UNICEF e recollida de xoguetes para os nenos sen recursos. Coa sensibilidade social a flor de pel polas retransmisións cos soldados en “misión humanitaria”, lanzámonos ás librarías na procura dun texto que nos ilumine sobre os males dun mundo que nos amosan, entre copa de cava e tallada de turrón para lembrarnos, o privilexiados que somos e o conformistas que debéramos ser.

Moito se ten escrito –quizais inutilmente– sobre este asunto. Inutilmente, porque non parece que se lle fixera moito caso, mais iso non persuadiu aos reformadores a publicar unha oferta ampla e variada sobre o asunto. De aí que nos preguntemos “que ler?”, parafraseando unha obra clásica desta temática: o “Que facer?”.

Non sobraría empezar por ese libro que -como todos os clásicos- verte elementos que continúan vixentes. Mais compre lembrar que algunhas das súas teses xa foron expostas con anterioridade por outros autores como Platón (comunismo) ou Tomé de Aquino (crítica da dobre verdade), isto é, argumentos intelixentes son sostén da supervivencia das máis variadas obras de pensadores que mesmo están situados nas antípodas. En calquer caso non son as súas conclusións o único nin o máis importante do “Que facer?”, sobre todo se cremos que poden reproducirse sen máis como receitas para atallar os problemas actuais. Iso sería unha “imitación simiesca” en termos do seu autor por moi leninista que se crea quen isto fai. O que máis chama a atención dese texto é que, para confeccionalo, este revolucionario tivo que ler con detemento toda a obra dos seus adversarios co fin de refutalos. Iso si é leninismo. Non chega con desempoar catro consignas, do que se trata é de analizar e poñer en evidencia a incoherencia dos discursos dominantes que pretenden lexitimar unha realidade inxusta.

Esta chamada a ler ao inimigo non é unha apoloxía do masoquismo senón a constatación de que o pensamento se move por contradicións. Tampouco hai que esaxerar e tragar parvadas de antagonistas só por ser hostís. Mesmo hai lecturas “neutras” que poden ser útiles para ambos bandos polo sentido común que empregan e que tamén deberan figurar na gabeta das indispensables. “Identidades asasinas” de Amin Maalouf pode ser usada tanto por un antinacionalista como por un nacionalista; o primeiro collerá algunha frase solta como esa de “Un nacionalista non busca solucións, busca culpábeis” para espetala sen máis; un nacionalista pode servirse deste documento para entender como o imperialismo fomentou o fundamentalismo relixioso para frear o nacionalismo no mundo árabe, e as dificultades e fracasos imputados ao propio nacionalismo por non saber dar resposta aos problemas sociais e a complexidade identitaria dos seus países.

Praga emocional
“Vostede non sabe o que é unha biblioteca!” Dicíalle Wilhem Reich ao fiscal que o acusaba de troskista por atopar dous libros deste escritor na súa casa. Reich enumeráballe moitas outras obras que figuraban no seu andel entre as que se topaba o “Mein Kampf” de Hitler para soster que para investigar a “praga emocional” que supuxo o fascismo debía coñecer o que escribían e iso non quería dicir que el fora fascista. Porén, Reich morreu na cadea hai 50 anos e ninguén conmemorou o seu aniversario porque resulta un intelectual incómodo. Mais, quen se sinta retratado na súa viaxe ao pais dos ananos en “Escoita, homiño!” debería exercitar a defensa propia en vez de resolver pechar os ollos e tapar os oídos, pensando que así desaparecen as cuestións que alí propón, todas discutibles mais fundamentais, duras, mesmo sangrantes. Imos por iso a prescindir, coa escusa das discrepancias que puideramos ter con el nalgunha cuestión, de tratados seus como “Psicoloxía de masas do fascismo” que son fundamentais para comprender como a estrutura emocional e a represión sexual inflúen nos conflitos sociais. Que silenciamento tan sospeitoso deste autor, nun momento onde os temas que el introduciu no debate político (sex-pol) son hoxe centrais (aborto, maos tratos, loita contra o acoso, homofobia….) e que inxusto esquecelo así.

Si, hai que ler aos contrarios, aos neutrais e aos propios disidentes. Se, con todo, un non ten tempo de sacar as súas propias conclusións de tan variado repertorio e busca ler un autor “amigo” que lle aforre este traballo, que fale do mundo de hoxe en termos nos que se poida sentir reflectido un excluído do “políticamente correcto” , ese escritor é Slavoj Žižek. Esta é unha recomendación egoista –como todas- para potencialo como tema de conversación, mais non unha declaración de adhesión as súas teses. O certo é que Lenin fustigaba na devandita obra aos “economistas” porque pensaban que os marxistas debían limitarse ás conquistas económicas, fronte a iso, el sostiña a necesidade das “denuncias omnímodas”, camiño polo que se colou o propio Reich para poñer sobre a mesa as súas temáticas; hoxe, pola contra, a política (a post política) é todo menos economía. Por iso pode resultar pertinente algún texto do autor esloveno que nos aclare como aconteceu isto, así como o feito de que a caridade se convertera nun elemento central do sistema. Véxase a este respecto por exemplo “os comunistas liberais de Porto Davos”, ou a entrevista “Capitalismo, estúpidos, capitalismo”.

Xa sabemos que non se trata tanto de interpretar a realidade como de transformala, mais como saber que o que facemos serve para mellorar o mundo realmente ou só para enganarnos a nós mesmos? Žižek, cando menos, acláranos algo máis isto con categorías como “interpasividade” (hiperactividade para ocultar que non se fai nada) ou a “teoría da conspiración” (inventarnos unha realidade detrás da realidade para evitar enfrontarse coa auténtica, isto é, co baleiro que deixa unha realidade visíbel máis incompleta e inconsistente) de tal xeito que coa súa axuda poidamos comprometernos máis firmemente en que os bos desexos de paz e prosperidade para o vindeiro ano non queden soamente nun brinde ao sol.

4,62/5 (26 votos)



X.C. Garrido

Xoán Carlos Garrido Couceiro (A Estrada, 1965). É Profesor de Filosofía e membro da Fundación Bautista Álvarez na que é Director do "Terra e Tempo". Autor de "O pensamento de Castelao" e "M. García Barros, loitando sempre". Traballa na recuperación da memoria histórica na Estrada. En 2009 publicou o volume Piñeiro contra Castelao, Castelao contra Piñeiro. »



Anteriores...