Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

O rural, a solución: quen o ía dicir!

09:15 11/05/2009

O peche anunciado da factoría de Pascual en Outeiro de Rei contén un dobre paradoxo: a empresa concentrará a súa produción en Cataluña, co cal se está a beice-lo dumping practicado dende Francia coa anuencia da Unión Europea, ó tempo que presenta como xustificación a caída do consumo interior cando a demanda global de leite está a medrar de maneira significativa. Aínda evidencia un terceiro paradoxo que se desenvolve a seguir.

O abandono do rural non é un fenómeno exclusivo de Galicia, aínda que no noso País se teña padecido con especial virulencia, senón do mundo occidental en xeral, desas economías que asumiron que os animais e a terra eran cousa de pobres e que nós, países ricos, habiámonos dedicar ós microchips e á enxeñería inmobiliaria. E como somos (ou eramos) ricos, dedicabámonos ó consumo desenfreado mentres deslocalizabamos a industria e nos concentrabamos en urbes cada día máis iguais e uniformantes. E así nos foi…

Xa o comentamos nalgunha outra ocasión: unha das raíces básicas desta crise planetaria vén sendo o exceso de produción que require dunha capacidade de consumo en crecemento continuo. Chega un momento no que o ritmo desa demanda sen control reséntese por dous factores: o alto nivel de endebedamento medio do consumidor, por unha banda, e a elevada cobertura das súas necesidades, pola outra. Desta maneira, o mundo desenvolvido non pode seguir medrando ás taxas dos últimos anos co cal a produción haberá contraerse igualmente. Esta circunstancia vai provoca-la redución da renda media do cidadán por mor do desemprego así como dos baixos salarios que xa viñan cobrando os novos traballadores.

Segundo o razoamento anterior, a consecuencia desta recesión será o empobrecemento relativo das economías desenvolvidas. E sen embargo, queda algunha fenda por onde filtrar políticas positivas que lle dean a volta á situación. A cuestión é atopa-las vías que compensen a redución da produción interior. E isto tense que facer a partir da corrección do déficit comercial. A balanza comercial, como sabemos, é o resultado da comparación entre exportacións e importacións. Tanto as  economías galega como española, presentan un agudo desequilibrio entre estas dúas variables que debe ser corrixido para empezar a pensar nunha solución duradeira desta etapa recesiva.

Para aumenta-las exportacións, precísanse políticas de competitividade de longo prazo que atinxen moitos ámbitos de actuación: dimensión, tecnoloxía, valor engadido, produtividade, distribución, etc. Porén, reduci-las importacións, sen pretender minora-las súas dificultades, resulta un obxectivo máis alcanzable. Mesmo nalgúns sectores podería ser factible a curto – medio prazo. Ei-lo sector agroalimentario.

Galicia, diciámolo ó principio, sufriu cunha especial virulencia o abandono do rural, e así os datos de redución da produción, contración da renda agraria e perda demográfica dende 1990 son brutalmente máis acusados ca en España. Así mesmo, a balanza comercial do sector agroalimentario galego presenta un déficit salientable, tanto considerando o comercio internacional coma o que se deriva das transaccións co resto de comunidades autónomas. E todo isto malia contar cunhas condicións meteorolóxicas e edáficas privilexiadas e unha secular tradición agraria e gandeira.

Vexamos algún dato: agás a carne de vacún e de ave, que amosan crecementos sostidos relevantes entre 1985 e 2007, o resto da produción agrogandeira presenta unha situación de devalo continuo: estancamento do sector lácteo dende 1995, forte perda no peso do porco respecto ó total español, drástico retroceso da pataca, das hortalizas e das froitas, crecemento nulo dos cereais e do millo forraxeiro, etc. Así mesmo, a agricultura ecolóxica presenta unha cota de mercado inapreciable moi por debaixo da media española.

Reduci-las importacións no sector agroalimentario debería ser unha das claves para a recuperación do crecemento da economía galega. Hai algúns meses, nesta mesma sección dábamos algunhas orientacións para consegui-la reactivación decidida do rural galego (SOS rural galego). Pero ademais estaríamos atacando outro dos efectos da gran crise: as baixas rendas dos traballadores novos. Precisamente o rural ofrece unhas condicións de vida máis accesibles có medio urbano, co cal a recuperación do agro non só axudaría á reactivación económica senón tamén á incorporación dos mozos á vida laboral en mellores condicións.

Se cadra, o principal destinatario das reflexións anteriores habería se-lo goberno galego. Tamén é o goberno galego o principal responsable da resolución do grave problema derivado da factoría de Pascual en Outeiro de Rei. No éxito desa xestión estase xogando boa parte da súa credibilidade como titor da economía galega.

4,36/5 (28 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións