Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Afonso Vázquez-Monxardín

De galegos e xudeus

11:59 26/03/2007

Non sei por que na Lisboa de hai séculos galegos e xudeus compartían o odio dos cidadáns do común ata o punto de a paremioloxía lusitana recoller un acusatorio “De galegos e judeus, dos melhores livra-nos Deus”.

Supoño que sería por seren sentidas ambas comunidades como alleas a ese “común” lusitano e exerceren ou teren exercido funcións marxinais -no senso de non habituais- dentro do sistema social do sur. En calquera caso os prexuízos van mudando ou esquecéndose conforme pasa e cambian os tempos. Pouco e pouco. E tivo que ser así, pois os prexuízos, por operaren no nivel máis fondo e irracional das conciencias non son facilmente combatibles con argumentos da razón e da lóxica. Trate vostede de explicarlla a un “celtarra” ou a un “riazorblú, de que foi xusta a vitoria do outro equipo porque xogou mellor ca o seu. Imposible. Explíquelle a alguén que é máis seguro o cemiterio que o centro cidade, ou menos perigoso viaxar en avión que en coche... Non. Os prexuízos mantéñense firmes na súa irracionalidade fronte á lóxica. De igual xeito, o pregoar desta negatividade acada sempre un eco inmediato e amplificado nas máis baixas paixóns progresiva e perigosamente cada vez máis lonxe do pensamento racional... Lembren as posturas da opinión pública española sobre o incidente de Perejil ou mesmo sobre a excarcelación de De Juana, por pormos dous exemplos que nos advirten da necesidade do control preciso para e paixón irracional no mundo político. E as paixóns sobre Israel están aí.

Debe ser misión dos políticos sensatos -que de todo hai- tratar de ilustrar aos seus seguidores coa razón e o libre pensar máis alá de vetustos prexuízos. Sen dúbida, o respecto á democracia e o estado das autonomías, os dereitos dos homosexuais, a igualdade da muller, o traballo compartido, son algunhas das moitas cousas que se viron fomentadas por esta pedagoxía positiva dos políticos, ás que ten contribuído, claro, o BNG.

E creo que no caso Pedro Gómez Valadés, os promotores dese auto de fé polo que tratan de expulsalo do BNG, equivócanse de forma radical. E tratarei o tema desde fóra, -non son do BNG- pero tamén afectado por ser amigo de Israel. Falo desde a liberdade do meu criterio, desde a independencia, pero nunca desde a indiferenza.

O que está en cuestión non é, obviamente, o conflito árabe-israelí. Iso non o imos solucionar aquí, aínda que as paixóns que ergue dan mostra do difícil que será avanzar alá. Lembremos que cando falou en Compostela un israelí partidario do arranxo e o acordo, un home de ideas, palabras e informacións, -Shlomo Ben Ami- foi máis berrado que escoitado, pero ese tema, arestora non toca.

O que está en cuestión é se existe dentro do BNG a liberdade suficiente para que os seus militantes poidan reflexionar criticamente sobre algo tan confuso e necesario de reflexión como as relacións entre nós, occidente, e o mundo musulmán; pensar sobre o chamado “choque” de civilizacións ou de “culturas”; pensar sobre a vixencia universal ou non dos dereitos humanos na súa concepción occidental, ou da relación ambivalente entre as identidades e soberanías do individuo ou do colectivo; esculcar nas implicacións dos conflitos armados neste momento no oriente medio, as vías de solución posibles para o abandono rápido de Iraq sen que se produza un caos aínda maior; reflexionar sobre as causas de orixe e os medios éticos para atallar as ameazas terroristas que masacraron Madrid, Londres, Nova York e Bali, nunha nova internacionalización do terror. E por suposto sobre o imperialismo americano, a nova postura rusa no panorama mundial e o que se queira. E para toda esta reflexión, é preciso darlle a voz tamén a aqueles que non a teñen. Porque non me negarán que desde hai décadas, desde inicios dos setenta, todo o que sae de Israel é ollado con fonda desconfianza polos medios progresistas europeos que só vían, ata hai pouco, polo ollo palestino. Israel era un demo sen cara –por iso das eleccións democráticas os líderes cambiaban- e Arafat era un icone-deus permanente dos palestinos e da esquerda europea. Pero desde hai uns anos, desde digamos as Torres Xemelgas e desde os intentos de formación de dous estados e a negativa de Hamas a recoñecer a Israel, hai moitos que tratan de ter novas aproximacións a un conflito sumamente complexo. ¿E se as cousas non fosen tan simples como pensabamos con palestinos bos e xudeus malos? ¿Será certo que na organización máis grande e plural do nacionalismo galego non existe a posibilidade de promover unha reflexión libre e alternativa sobre un dos grandes conflitos xeopolíticos do mundo, sobre todo nestes tempos tan confusos? ¿Logo para ser membro do BNG, hai que ver Israel simple e intrinsecamente como o malo e os palestinos –Hamas incluído- e Irán, simple e intrinsecamente como bos? ¿Non terán, a estas alturas da historia, que mover ficha todos en favor da paz? ¿Poden tratar de explicarlles algo disto aos seus compañeiros do Bloque os membros da Asociación de amigos de Israel que o son desde grupo nacionalista? ¿Podemos escoitar que Shlomo Ben Ami, socialista e promotor e partidario de acordos, non é o mesmo que Sharon? ¿Podemos falar e aprender algo do tema? ¿Permitirá Quin que non se respecte a posibilidade de reflexión e expresión ou recorrerá á postura do avestruz, inhibíndose de algo tan esencialmente importante como a pura liberdade dun seu militante, que é, como se fose a liberdade de todos? Non o pode facer. Debe demostrarnos que está da parte da liberdade e da pluralidade. Como ten a responsabilidade máxima no BNG, debe exercela. Sen ataduras.

Ninguén quere –supoño que, de momento non é ese o debate- que o BNG modifique as súas posturas sobre política internacional. Esas mesmas das que non lembro condena ao congreso da negación do holocausto en Irán nin ás súas amezas de varrer do mapa a Israel. Non. Do que se trata, de momento, é de deixar a liberdade de palabra aos amigos de Israel. Que pensar en voz alta sexa unha liberdade ao alcance de todos.

Cando alá por 1985-86 o BNG cambiou dun radical discurso antiautonomista e antiinstitucionalista –Estatuto nunca máis, bases constitucionais- ese cambio foi froito da liberdade de reflexión de que gozaban os dirixentes da UPG. Despois a dirixencia nacionalista fixo unha dura e difícil pedagoxía pola que tivo que explicar ao seus militantes que o mundo cambiara e que había que cambiar con el o discurso e a praxe política. Cumpría arar cos bois que había e aceptar o marco e sistema político vixente. Dese acerto veu a súa conversión na terceira forza política de Galicia e a que os que seguían ancorados no inmobilismo, a escisión da UPG, camiñasen irreversiblemente á marxinalidade.

Hoxe o BNG medrou moito e é moito máis plural. A maioría dos seus votantes –nin sequera os militantes- coñecen estas vellas orixes esvaecidas no esquecemento, involuntario ou voluntario, interesado ou desinteresado, da memoria histórica próxima.

Hoxe o BNG coa responsabilidade de ser a única forza política nacionalista con peso, non debe coutar a liberdade dalgúns dos seus militantes para pensar e proclamar que Israel ten dereito a existir. Igual que o Estado Palestino. E debe defenderse esta liberdade pois cómpren voces de varios rexistros para a que a reflexión sobre o mundo contemporáneo non se reduza á repetición mántrica de vellas consignas.

Este debate non ten ningún interese nin importancia para Israel... pero si para nós, para os galegos. Para explorar as marxes de liberdade de pensamento e reflexión que se permiten hoxe no nacionalismo galego que representa o BNG. É moi importante sabelo.

3.7/5 (44 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Monxardín

Ourense 1960), móvese entre o mundo da historia, a lingua, a investigación e a opinión. Cursou as especialidades de Prehistoria e Arqueoloxía, Arquivística e Biblioteconomía e Xeografía e Historia e Arte de Galicia e tivo experiencias arqueolóxicas de campo en Galicia, Portugal e Italia. No mundo da lingua é catedrático de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galegas e un afervoado defensor das posibilidades multilingües de Galiza. No da investigación, ten artigos sobre historia literaria e elaborou materiais expositivos e didácticos sobre varios autores (Sarmiento, Otero Pedrayo, Avilés, Xoaquín Lorenzo, Manuel Lugrís, Lorenzo Varela) en relación coas letras galegas e os centros de ensino »