Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Que é Vieiros?

Vieiros, pioneiro da internet galega

Vieiros viu a luz un 24 de febreiro de 1996, data que coincidía co aniversario do nacemento de Rosalía de Castro e da primeira emisión da Radio Galega. O traballo de deseño e elaboración comezara contra a primavera de 1995, cando a internet galega se reducía aos primeiros experimentos da Universidade de Santiago e a media ducia de webs persoais.

O novo espacio, que tomou o nome da desaparecida revista do Padroado da Cultura Galega en México, concibiuse nun primeiro momento coma un índice de recursos de interese para Galicia, inspirándose nos proxectos que se estaban a desenvolver nos Estados Unidos (só uns meses antes nacera o Yahoo!). Nacía así o primeiro directorio da rede galega, que axiña ampliaría os seus horizontes coa elaboración de contidos propios.

Daquela época son o Especial sobre as Eleccións Lexislativas de 1996, o primeiro en liña realizado en Galicia, e o espacio 'Mil primaveras máis para a lingua galega', publicado con motivo do Día das Letras. Outra das iniciativas pioneiras de Vieiros foi a organización dunha charla en liña entre os navegantes e unha persoaxe convidada, neste caso Isaac Díaz Pardo, fórmula que se repetiría con éxito ao longo de todos estes anos.

Ao mesmo tempo, Vieiros participaba nas primeiras avaliacións e estudios sobre a incipiente rede no noso país. O I Encontro sobre a Internet en Galicia, celebrado en Silleda en 1996, foi difundido a través de Vieiros, que tamén publicou na rede o documento-base que se ía debater. Vieiros estivo tamén na fundación do Capítulo Galego da Internet Society e na constitución de Eganet, a asociación de empresas galegas do sector.

En 1997, Vieiros estrea novo deseño e comeza a actualizar os seus contidos a diario. O directorio de rexistros deu o salto a Buscador (o primeiro buscador galego) e publícanse dous novos especiais: o das Letras, e o das Eleccións autonómicas. O labor desenvolvido neses dous anos foi galardoado co Premio da Crítica de Galicia a Iniciativas Culturais de 1997.

O 98 supuxo a consolidación e a madurez para Vieiros. Destacan desta etapa a web do sector lácteo galego, A Leiteira, e o primeiro congreso en liña de Galicia, o Lingua das Cantigas.

Por entón, o Discoverer Enterprise batía contra a ferrolá ponte das Pías e había que cubrir a actualidade a pé de campo para os departamentais espallados polo mundo. Nacía así a primeira edición local. Tres anos despois, Vieiros contaba con máis de trinta correspondentes en diferentes vilas galegas e no exterior: Ferrol, Santiago, Vigo, A Coruña, Ourense, Pontevedra, O Salnés, O Bierzo, Barcelona, Madrid, Bos Aires, Bruxelas, Venezuela, Nova York, Gotemburgo, A Habana, O Porto... nun proceso que non deixou de medrar.

Animado pola experiencia, Vieiros tamén quixo darlle espacio a colectivos e publicacións temáticas que tiñan difícil o seu acceso á rede. Xurdían así os canais, coma o Canal Mundo, xestionado polo Instituto Galego de Documentación Internacional, o Canal Lusofonía, en colaboración coa axencia portuguesa PNN, o Canal Tempos Novos, o Canal Irimia, o Canal Ciencia, o Canal Verde, Canal Universitaria, o Canal Galego.org, ou, máis recentemente, Fwwwrando, un espacio para a reflexión sobre a sociedade da información.

En 1999, Vieiros volve adiantarse na rede galega coa primeira experiencia de creación literaria a través de internet, en colaboración co escritor Camilo Franco. Era Por conto alleo, relatos feitos a diario con dúas palabras enviadas polos lectores e lectoras de Vieiros.

O espírito informativo de Vieiros non se desvencellou nunca da súa vontade de artellar o país, recoñecida no ano 2000 co Premio Galeguidade no Mundo, concedido pola Enxebre Orde da Vieira, unha das asociacións máis importantes da emigración que agrupa a colectivos galegos en Madrid.

No novo milenio, os traballos de Vieiros concentráronse en mellorar os servicios prestados aos seus internautas, coa presentación dun novo Buscador (con dez milleiros de rexistros, o máis completo e actualizado de Galiza), dunha tenda e da primeira axenda electrónica galega, desenvolvida co apoio da Secretaría Xeral de I+D e do CESGA.

E a finais de 2002, o tratamento do desastre do Prestige supuxo un despegue espectacular de Vieiros, que triplicou o seu número de lectores diarios, e que se consolidou como referencia informativa na internet galega. Meses máis tarde, a xornalista Rocío Castro, directora do medio durante catro anos, deixáballe paso a Anxo Quintela, que levou o temón até decembro de 2005. O ano do décimo aniversario, María Yáñez collía o relevo. A finais de outubro de 2006, Ramón Vilar asume a dirección de Vieiros.

De onde vén Vieiros
Vieiros tomou o nome da revista editada dende 1959 a 1968 polo Padroado da Cultura Galega de México. A publicación, que só tivo catro números, recolleu o mellor da cultura galega da época, do interior e da emigración, e trazou unha ponte viva entre a xeración fanada pola guerra e a xente da resistencia antifranquista.

Os seus responsables, Luis Soto, Carlos Velo, Florencio Delgado Gurriarán, Arturo Souto ou Elixio Rodríguez, tiñan unha forma de entender Galiza que nos gusta, dende a radio, o cinema, a arte... Unha Galiza moderna, aberta a Portugal, feita dende o exilio e a emigración para unha comunidade única de galegos no mundo.