Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Dios

Obama, as guerras xustas e os dereitos humanos

11:14 18/12/2009

Obama, no seu discurso de aceptación do Premio Nobel da Paz, en Oslo, resucitou o vello proverbio latino, atribuído a Flavio, “si bis pacem, para belum”, si queres a paz, prepara a guerra, un dito especialmente perverso, millóns de veces repetido, que cumprimos –inexorablemente- durante séculos. E facemos aquilo para o que estamos preparados. Pero xa vai sendo hora de que fagamos realidade un pensamento alternativo, un obxectivo que reclamamos desde o movemento de Educación para a Paz e que fixo popular Federico Mayor Zaragoza parafraseando o anterior: “Si vis pacem, para pacem”, Si queres a paz, prepara a paz, axuda a construíla cada día, contigo mesmo (autopacificación crítica) e cos demais, reivindicando que a guerra sexa, finalmente, declarada ilegal, como método para abordar os conflitos, porque abolir a guerra debera ser un imperativo ético e moral das persoas decentes do século XXI.

Houbo no pasado Ministerios de Guerra, logo se transformaron en Ministerios de Defensa, e haberá, sen dúbida, Ministerios de Paz. Ó igual que acabaremos creando un organismo internacional de Gobernanza Planetaria, unhas Nacións Unidas -profundamente reformadas-, con lexitimidade, medios e capacidade para intervir, mesmo coa forza si fose necesario, diante de catástrofes humanitarias, xenocidios, enfrontamentos bélicos e situacións que vulneren inequivocamente os Dereitos Humanos. Isto, o sabemos, ten moi pouco que ver coa realidade actual. As actuacións unilaterais dos Estados, chamen como se chamen, por moi poderosos que sexan, a invasión violenta e a ocupación militar dun territorio para impoñer os seus criterios e intereses pola forza, ese concepto de guerra, preventiva, xusta ou santa, da igual como se cualifique, será cada día, menos aceptado pola cidadanía global, e niso confiamos.

    Non descobre nada novo Obama cando resucita o termo de guerra xusta, xa empregado por Tomás de Aquino no s. XIII. Tódalas guerras son consideradas “xustas” polos seus promotores, chámense Bush, Obama ou Bin Laden. Esta é unha evidencia histórica. Mesmo o bombardeo nuclear de Hiroshima e Nagasaki foi aceptado como “útil”. Compre ler o magnífico poema do norteamericano Sam Keen, sobre a creación do inimigo, o “Homo hostilis”. Nos versos finais afirma:

“...cando teñas rematado o retrato do teu inimigo,
poderás matalo e despedazalo
sen sentir vergoña nin culpa algunha.
Porque entón o que destruirás
terase convertido nun inimigo de Deus,
nun obstáculo para a sagrada dialéctica da historia”

    Moi pouco ten que o discurso do mandatario norteamericano en Oslo co pronunciado hai meses no Castelo de Praga, onde se comprometeu a abandeirar o desarmamento nuclear. Ou co que lanzou no Cairo en relación co Islam. Aquelas foron declaracións estratéxicas, como o anuncio do peche de Guantánamo (aínda pendente) ou a retirada de Iraq, un conflito que sabe imposible de ganar. Estes anuncios, o cambio radical na política internacional en relación con Bush, foron os que quixo recompensar en Oslo o Comité Nobel, un camiño para facer entre todos, conxuntamente, sobre a base do multilateralismo, o diálogo e a negociación, alianza fronte a choque de ignorancias (que non de civilizacións), e cos dereitos humanos no horizonte.

    José Antonio Marina explica, na súa magnífica obra filosófica e pedagóxica, que a gran construción humana non é, contra o que podería parecer, a alta tecnoloxía acadada nos últimos séculos (particularmente para a morte), os enormes avances médicos e científicos, ou a grande capacidade humana para escudriñar no espazo exterior, nada diso. A gran construción da Humanidade é a  plasmación e regulamentación, en códigos ético xurídicos, da nosa convivencia pacífica e que ten, precisamente, nos Dereitos Humanos, unha das súas máximas expresións universais.

    Por iso sorprende o grao de descoñecemento, mesmo en ámbitos académicos, da Declaración Universal de 1948, a pesares dos grandes esforzos realizados por entidades da sociedade civil que adicamos tempo e recursos, desde hai anos, á Educación para os Dereitos Humanos. Foi, sen dúbida, como consecuencia dos insistentes chamados a incorporar estas ensinanzas no currículum escolar que, na actualidade, teñamos Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos impartíndose -con total normalidade- nos colexios e institutos, seguindo o exemplo doutros países do noso entorno e aplicando -por fin- as recomendacións da ONU, da UNESCO e do Consello de Europa, con case que dez anos de atraso...

    Con todo, a cidadanía, os intelectuais, as universidades, os medios de comunicación, fan aínda esforzos reducidos por contribuír a visibilizar na sociedade os Dereitos Humanos. Mesmo no seu día, o 10 de Decembro de cada ano (vimos de comprobalo con tristeza unha vez máis), son escasísimas as referencias na opinión publicada, ó texto de 1948 e ó seu significado.

    E compre reler, de cando en vez, o seu Preámbulo e os 30 artigos que conforman ese texto extraordinario, obra de personalidades excepcionais. A introdución non articulada resulta dunha lectura moi saudable, especialmente, en tempos de incerteza e confusión, porque axuda a levantar o ánimo, mellora a nosa autoestima como especie e fainos confiar na enorme capacidade das persoas para facer o ben. Identifica inequivocamente  a liberdade, a xustiza, e a paz, sobre a base da dignidade humana, como dereitos iguais e inalienables para todos e cada un dos seres humanos, con independencia da súa raza ou cor, crenza, sexo, procedencia social ou lugar de nacemento.

    Recoñece que foi o descoñecemento e o menosprezo dos dereitos humanos o que orixinou actos de barbarie ultraxantes para a conciencia da humanidade e declara como aspiración máis elevada das persoas o adveñemento dun mundo no que os seres humanos, liberados do temor e da miseria, gocen de liberdade de palabra e de crenzas.

    E considera obxectivos irrenunciables a plena igualdade de dereitos entre homes e mulleres, o progreso social, elevar o nivel de vida, a cooperación entre os pobos‚Ķ destacando o ensino e a educación como os mellores instrumentos para a súa promoción.

    Ese magnífico texto, tan vulnerado, esixe de todos nós un compromiso diario e permanente por facelo realidade. De non ser así, acabará no Museo do Louvre, ou en calquera outro, como as 282 Leis do Código de Hammurabi en Babilonia e tantos outros que o precederon...

2.94/5 (16 votos)



Manuel Dios

Manuel Dios (Santiago, 1953) está licenciado en Maxisterio e Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago. »



Anteriores...