Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Pablo García Martínez

"Malos tiempos para la lírica"

15:00 23/01/2010

O sábado pasado, no enésimo xesto de autoengano, baixei a un bar tomar unha infusión e levei comigo os libros que debía estudar durante toda a tarde, para que o peteiro da conciencia non me molestase mentres escoitaba a música con saxofóns e trompetas que poñían naquel local tan cool. Tan cómodo me sentía xogando a intelectual que, como estaban debullando todos os xornais noutras mesas, saquei os libros e o caderno e púxenme a estudar. E carallo se estudei! Ía como un disparo mesturando as citas que había incluír no meu traballo con pareceres propios, o outros que lle ía furtando ás teorías deses señores tan espelidos para despois adobalas no meu maxín. A menta axudou a que me pasase a dor de barriga que deixara unha comida copiosa, e despois pedín unha auga do tempo. “En botella de cristal, por favor”, díxenlle á moza que me veu atender. “E logo non a merecía?”, pensei botando por fóra.

Así seguín durante unha boa miga, ata que chegou un grupo de cinco persoas que ben podían ser un matrimonio e as súas tres fillas adolescentes. Xuntaron dúas mesas ao meu carón e comezaron a latricar divertidos, esvaendo o limbo cerimonial dende o que eu, o meu maxín e o ego deixaramos xa ben atrás os xogos preliminares. Escapábame o mirar a través da cristaleira cara a praza de Cervantes e, de súpeto, pasaron dous furgóns que poñían Policía Nacional ao lado de tres raias coas cores que poñen na bandeira de España. Mirei outra vez para o libro, pero xa non me esperaba á man, así que cando volvín escapar do bar subido no fitar vin unha boa grea de señores vestidos de policía na praza. Na mesa do lado andaban botando un pique acústico. Paguei e marchei. Pasaba pola praza e ao ver que a xente ía falar coa Lei animeime e, amigo como son de preguntar, fun eu tamén a ver que dicían. Achegueime a un señor duns trinta anos con pelo negro, como negro era tamén o da perilla que lle contornaba a boca.

-E por que hai hoxe aquí tanta policía? -pregunteille poñendo cara de non saber.

-Y por que no la va a haber? -respondeu el dándolle a razón aos que nos acusan aos galegos de virar respostas e preguntas según nos preste. Porque aquel señor quería dicir en castelán, pero a alma faláballe en galego disfrazada no sotaque. Daquela achegouse unha señora que ía moi ben abrigada contra o frío, cun vestido deses que levaba Cruela Devil.

-Es que yo vivo por aí arriba... -dixo a señora.

-No pasa nada. Es porque hai una asamblea o una manifestación.

A vella sorriu e marchou. Eu camiñei ao redor do señor policía, para escaparlle ás costas anchas que chantara diante de min para contestarlle á señora do chaquetón abrigoso.

-Pero logo hai unha manifestación? -volvín preguntar.

-Por si la hai.. -dixo encollendo os ombreiros. A min escapoume a risa pola comisura. A el non.

É certo que dende o cinsento primeiro de marzo a cita que máis utilizo é aquela que titula unha canción dos Golpes Bajos dicindo Malos tiempos para la lírica. Iso pensaba, pero remoendo o sabor do entroido ao que foi convidado o ritual da deconstrución polo Goberno fun parar á esperanzadora idea do conto. A idea de todos nós como fillos do conto, entendido coa liturxia que rodea ao dicir asosegado dos recordos que imos arquivando perto do sentir. Nesa liturxia houbo sempre un compoñente fundamental como é a paciencia.

A paciencia que tivemos durante séculos para falar dende o corazón, até que lle volveron permitir ao corazón ir ás clases de ortografía. A mesma que tivemos durante o século pasado para aguantar corenta anos escoitando mentiras e levando vareadas na man ata que nos deixaron abrila, e ensinar que non roubaramos nada. Esa mesma que, naquel mesmo tempo, tiveron outros homes e mulleres para ir polas feiras de fóra ensinándolles que non tiñan nada na man. E algúns veciños seus, que andaban por aló tamén pola mesma leria, dicían “oh!” e aínda os había que se atrevían a facer metáforas sobre o caso.

Nunca noutra se viu Feijoo, cando o convidamos a tomar unha en Monte Pío. Mirou para Rueda, que sempre ten cara de ir dicir pero, por sorte, poucas veces fala; e díxolle, amigo como é el do inglés: “All in!”. Esa xogada de póquer que consiste en apostar todas as fichas dun golpe... e que chova. E a fe que está chovendo. Están chovendo, principalmente, ostias redentoras que non agardan polo delito. Porque na confusión, na tensión, pensa Feijoo que a razón conta menos. E pensa ben. Pero eu sigo encerellando no ideal de que a razón é como os alemáns xogando ao fútbol: sempre acaba gañando.

Galicia ten mellores cartas que Feijoo na man, agora todo dependerá das que levante o crupier. A nós tócanos ter paciencia para escoitar, porque aínda lle quedan máis de tres anos de dicir, pero non nos temos que esquecer de falar ben alto cando eles paren para tomar alento, porque o chiste dos contos está en cambiar uns por outros. Non será tan aburrido como para querer falar el sempre, digo eu, por moitos señores vestidos con roupa desa que pon Policía Nacional coas colores de España e teñen cara de querer dicir “chssst!” poñendo un dedo no fuciño.

Eu confío na paciencia activa, moi diferente á submisión. Esa que gardou a pedra vella de Compostela da auga no último día das letras galegas, con milleiros de paraugas murmurándolles uns aos outros que sabían un conto e non llelo deixaban dicir, e a mesma que este xoves vai erguer o índice, pedindo permiso para volver falar dun dito que aos de Monte Pío lles contaron mal. Ansío que esa paciencia activa (no feito máis que na forma) me leve dentro dun lustro a xogar ao intelectual nun bar de cristaleiras grandes e cadeiras de madeira. Xa me vexo tomando unha bebida destas que che poñen cara de saber moito, como o viño do Porto, sentado ao carón dunha moza que ten a mirada afiada. Mentres escribo isto, devezo por coñecela, ten cara de chamarse Elena...

-Xa case non se fala de Feijoo e Patxi López.

-Foron malos tempos para a lírica.

-Déixaos ir.

*Nota: O sábado celebrouse unha manifestación contra o peche do edificio abandonado no número 17 da rúa do Pino, ocupado dende hai tempo polo centro social autoxestionado A Casa Encantada, en Compostela. Hai pendurados na rede vídeos onde se pode ver que a proporción entre manifestantes e policía debía andar roldando a pistola para cada tres ou catro persoas, así a ollo. Simplemente engado isto para non deixar sen explicar mellor o feito que dou orixe á reflexión que aquí se partillou.

4.77/5 (31 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Pablo García Martínez (Arzúa, 1985). É xornalista e na actualidade cursa un máster na Faculdade de Filoloxía de Compostela. Traballou como redactor en Vieiros. Gañador da V edición do Premio Biblos-Pazos de Galicia está a piques de publicar a súa primeira novela. »



Anteriores...