Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Raúl Asegurado Pérez

A Rebeldía un proceso en proceso: A Rolda

19:35 27/01/2010

A Rolda de Rebeldía (RdR) é un proceso que, como todo proceso sábese cando se enceta mais non sabemos claramente cal será o seu final. Este proceso iníciase por un grupo de xentes do nacionalismo galego que partilla a súa praxe política fóra das organizacións políticas entendidas como tal.

Nestes espazos da esquerda social, un debate que xa leva tempo a darse é a relación entre os movementos sociais e as organizacións políticas; é ben sabido que nos espazos sociais organizados contra o sistema capitalista ultraliberal (nos foros sociais e en toda a cultura altermundialista) as organizacións  políticas foron excluídas de vez.

Eis así, a eiva que se está a dar, que explica recentemente Bernan Cassen:

“O novo contexto internacional imporá, até na concepción destes Foros, a procura de novas formas de articulación entre movementos sociais, forzas políticas e gobernos progresistas. Para caracterizar esta evolución propúxose unha palabra: o post-altermundialismo, que sen substituír ao altermundialismo, constitúe unha continuidade posíbel.

Con ocasión do FSM de Belem, púidose ver un primeiro esbozo desta actividade postaltermundialista no diálogo entre catro presidentes latinoamericanos –Hugo Chávez (Venezuela), Rafael Correa (Ecuador), Fernando Lugo (Paraguai) e Evo Morales (Bolivia)– e os representantes de movementos sociais do subcontinente. Un diálogo que vai afondarse no Foro Social temático de Salvador de Bahía, previsto nesa cidade do 29 ao 31 de xaneiro de 2010 coa crecente participación de xefes de Estado (entre eles do presidente Lula). Participación que debería prolongarse con ocasión do vindeiro FSM que en 2011 terá lugar en Dakar.

Durante unha xuntanza preparatoria organizada na capital senegalesa o pasado novembro, movementos sociais do continente expresaron a súa vontade de facer evolucionar ao FSM. Debatéronse formulacións como a necesidade de crear "un espazo de alianzas críbeis" e non "un mercado da sociedade civil"; de "definir unha relación nova cos actores políticos" en vista a "construír unha alternativa".

É desta xeito como as cuestións que interpelan direitamente ás organizaciósn políticas son levadas e tratadas no seo dunha organización que ten unha especial sensibilidade por estas temáticas pola súa praxe republicana, ao Encontro Irmandiño. Compaxinar entre as dúas esferas da sociedade, a esquerda social e a esquerda política sen interferencias e sen dirixismos foi o primeiro cometido ao que nos adicamos. Quen? Unhas e outras.

Poñendo en práctica o valor republicano da fraternidade estableceuse a creación dunha comisión con total independencia do EI e das organizacións sociais; unha comisión composta por xentes dunha e outra esfera, e tamén claro está, por xentes de dupla militancia.
 
A comisión estableceu tres cuestións e ao modo prerrevolucionario da convocatoria dos Estados Xerais Franceses abriuse un proceso de “cahiers de doleances”, as achegas recibidas polas xentes do común do país.
 
Máis de 40 cahiers (achegas) que abordaban de diferentes ópticas as cuestións plantexadas fixeron posíbel unha xuntanza aberta entre os membros da comisión e os participantes até ese momento; todas e todos os emisarios dos cahiers foron convidadas/os sen excepción a unha sesión de traballo na que se estableceu o contido da xornada de diálogo que teremos o día 30 de xaneiro.

Tres mesas que tratarían os temas expostos con máis de doce participantes de moi diversas sensibilidades foi o que se estableceu para a RdR. Cada unha desas mesas tería que ter un nome, pois a Palabra é un valor que debemos recuperar. Así foi que se adoitou denominalas “Xeiras”, a primeira a da Procura xa que nela tentaremos atopar propostas que nos indiquen que novo suxeito político e social sería o máis acaído para o momento histórico no que nos atopamos; a segunda, a Xeira da Irmandade, encamiñanda a afondar nas relacións entre a esquerda política e a social e suscitando o valor republicano da fraternidade; a terceira a Xeira das Mil Voces, xa que son “todas as voces todas”, as que debemos escoitar, tal vez non haxa unha soa proposta válida, nin unha forma de analizar a situación, senón moitas e moi plurais...

E tamén, xurdiu a cuestión: que opinan disto as organizacións políticas do país? Esta cuestión xurdiu no proceso e se estableceu na xornada de traballo compartida. É por iso a existencia da mesa número catro, mesa aprensentada para o diálogo, a igualdade e a fraternidade. O peso desta mesa recaerá nas achegas (cahiers) anteriores (por iso do nome, a Xeira Partillada), os intervintes terán que referirse  a elo e a cidadanía alí congregada poderá opinar, valorar e contrapoñer o seu pensar. Xa que non cabían todas as organizacións políticas decidimos establecer unha mesa cos persoeiros máis representativos das diversas sensibilidades políticas do país e permitir que as organizacións non representadas foran partícipes nunha rea dianteira; combinando así a posibilidade de participar co tempo e o espazo dispoñíbel.
 
Fica sen tratar moito un principio republicano, a liberdade; en termos republicanos esta ven determinada polas condicións materiais para existir, para poder existir sen o permiso “doutro”. A RdR non conta con financiamento externo, os membros da comisión aportan capital voluntario e na mesma xornada facendo uso da pedagoxía da solidariedade e da autoxestión se pedirá unha aportación económica voluntaria para poder seguir existindo, sen ten que pedir permiso a ninguén.

4.21/5 (33 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Raúl Asegurado Pérez é traballador social e sociólogo. Traballa nun centro de acollida de menores e está redactando a súa tese de doutoramento sobre a participación da sociedade civil na toma de decisións. Presidente de AIS ‘O Peto’ unha asociación galega de economía alternativa no campo do aforro solidario e o financiamento ético. »



Anteriores...