Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Martiño Noriega

Terapias

15:00 16/08/2008

Unha hemorraxia interna defínese como a ruptura dalgún vaso sanguíneo no interior do corpo. A diferenza dunha externa na cal a visualización exerce de alarma e permite abordar medidas terapéuticas, as hemorraxias internas presentan en moitas ocasións cadros silentes e unha evolución negativa que pode comprometer a vida do doente.

Galiza, como organismo colectivo con entidade propia sofre e ten sufrido ao longo das súa historia multitude de doenzas resoltas con maior ou menor éxito. Dentro delas, a Guerra Civil tivo un efecto devastador que amputou coa morte, o exilio ou a represión interna a unha xeración lúcida e comprometida que reivindicou unha cosmovisión do país que continua vixente a día de hoxe.Víctor Casas, Bóveda, Castelao e moitos outros forman parte dun legado a reivindicar que foi silenciado no verán do 36 nun exercicio de antropofaxia non resolto e do cal aínda estamos a pagar facturas.

Este vindeiro martes 19 de Agosto , como cada ano, na compaña dos bos e xenerosos, renderémoslle no lugar de Montouto en Teo, unha humilde homenaxe a Anxel Casal organizado pola asociación a Oliveira de Teo e a Fundación Castelao coa colaboración do Concello.
Casal, editor senlleiro de verbas comprometidas e derradeiro alcalde republicano de Compostela que en verbas de Castelao “fixo mais polo país que todos nos xuntos”, foi asasinado xunto con Pepe Areosa un 19 de Agosto de fai 72 anos en Teo. Lembrar polo tanto o seu legado non é axustar contas. Lembrar o seu legado é realizar un exercicio memorístico, unha sutura de feridas, un esconxuro contra o mal de aire e unha terapia acaída que permita sandar, no futuro, o diagnóstico de hemorraxia interna que figura, no rexistro municipal do concello, na súa acta de defunción.*

*Documento cedido pola traballadora social Mª Carmen Hermida Otero

4.79/5 (19 votos)



Martiño Noriega é alcalde de Teo. »



Anteriores...