Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Ánxelo González Vicente

Turquía cada vez máis atractiva

09:30 08/10/2008

Múltiplos son os factores que lastran Turquía á hora de pensar nunha eventual entrada na Unión Europea. Unha poboación moi numerosa e pobre que absorbería boa parte dos fondos comunitarios, deixando outros territorios, como o galego, sen eles; un peso aínda excesivo, por máis que cada vez máis matizado, do aparello militar na política interna e externa da república; un medo ao islamismo maioritario no país mediterráneo, fortemente asociado, no imaxinario occidental, ao terrorismo, etc. No entanto, os últimos tempos déixannos dous elementos que poden facilitar a abertura das portas europeas.

Dun lado, a posición xeoestratéxica comeza a ser vista cada vez como un factor máis crítico, como ponte para o transporte de enerxías fósiles que permitiría a diversificación xeográfica dos recursos enerxéticos de que se nutre o vello continente, e como apoio militar e diplomático fundamental nunha rexión na que convén manter un bo nivel de estabilidade. Téñase en conta, neste último punto, o innegábel poder das forzas armadas da república fundada por Atatürk en 1923 que, aliás, está a reforzarse coa compra de armamentos de última xeración.

Doutro lado, a cada vez máis intensa actividade internacional, que podería reposicionar o país, tradicional aliado occidental no Oriente Próximo, perante os seus veciños, de modo a ser mellor visto e aceptado na rexión e, por tanto, a estar en mellor posición para axudar a estabilizar conflitos tan complexos como o dos palestinianos ou sirios con Israel. Se o seu laicismo e pro-occidentalismo teñen xerado susceptibilidades e desconfianza na zona, cómpre agora levar en conta o seu papel mediador entre Palestina ou Siria e Israel, os seus cada vez máis estreitos lazos con Irán, nomeadamente nos ámbitos enerxético e económico, ou a capacidade para manter unhas boas relacións co Iraque, apesar das incursións turcas no norte iraquiano en persecución de activistas do PKK refuxiados na zona.

Se este reposicionamento turco na zona fose conseguido, a súa imaxe perante os países do Oriente Próximo podería mellorar. Chegados a este punto, unha Turquía inserida na UE podería ser unha magnífica plataforma para a proxección dunha imaxe máis amigábel do continente europeo, dun fundamental poder brando na zona.

2/5 (20 votos)



É licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola USC. Foi coordinador do Observatorio Galego da Lusofonía (IGADI) e director de actividades da Fundación Via Galego, ambas entidades vocacionadas para a promoción dos intercambios entre Galicia e os países de fala galego-portuguesa. Ten publicados diversos traballos científicos na área das relacións internacionais galegas, ben como noutras áreas. Colaborou e colabora con diversas publicacións galegas e internacionais como analista de política internacional. É co-autor do libro Orgullo Galego na Diáspora, dedicado á figura de Higino Martíns Estêvez, ilustre emigrante galego en Buenos Aires. Actualmente é vicedirector do IGADI. »



Anteriores...