Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Antonio Reigosa

Quince anos, quince pontes e quince feitizos

09:00 04/06/2009

Os froitos destes quince anos de andaina da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas Ondas!, dedicados integramente a traballar a prol da comunicación intercultural entre os portugueses e os galegos, merecen o noso recoñecemento e louvanza. Quince anos andados, quince pontes virtuais (máis, moitas máis) erguidas, quince feitizos logrados, un esforzo que é semente na terra vizosa das xeracións máis novas.

A primeira ponte erguida, a da lingua común, para combater o mito das feiticeiras engaioladoras que viven no río Miño, entre Arbo e Melgaço,  que intentan seducir a quen quere pasar a nado dun a outro país. Antes, os mozos que tal pretendían tiñan que meter un croio na boca para non verse obrigados a responder  á provocación.

A segunda ponte construida, a do recoñecemento, un antídoto contra o mito da desmemoria que afectaba aos que cruzaban o río Limia, Lima, Letes ou Belión,  coa ameaza de esquecer para sempre o propio nome, de onde viñan e a onde querían  ir.

A terceira ponte, a dos tesouros imaxinarios compartidos coma os que se agochan en cada un dos puntos onde pousa o arco da vella cando apoia en ambas marxes da raia húmida ou da seca.

A cuarta ponte, a da xustiza, se cadra para rememorar as fazañas  do  mítico bandoleiro galego-portugués Xan das Congostras, quen roubaba a quen tiña para aliviar a quen non tiña. Na Pena de Anamán, na raia que nos xungue pola Serra do Leboreiro, hai un epígrafe que di: Os pobres non o ten / e os ricos non o dan /quen quixer asentar praza /veña á Pena de Anamán.

A quinta ponte, a da irmandade, para que nunca nos incomodemos cando os libros que contan as grandes historias da piratería universal non nos saiban distinguir. Tanto ten mais convén deixar claro que Benito de Soto era pirata galego e o primeiro buque co que fixo fortuna era un negreiro portugués nomeado Defensor de Pedro.

A sexta ponte, a da libre circulación de mercadorías, en memoria daquel barco pantasma que procedente de Lisboa remontou o Miño ata Ribadavia; unha nao xigante, coas bodegas cargadas de viño de contrabando procedente das viñas da Inferno para liquidar de vez o prestixio do viño ribeirao. Menos mal que o frade Xan esconxurou aquel monstro e os tripulantes foron caendo mortos en cuberta, un a un, agás o esquelete que seguía erguido, teso, desafiante.
A sétima ponte, a dos camiños de peregrinaxe, os que levan e traen, como lembra o Cruzeiro do Senhor do Galo de Barcelos en memoria daquel peregrino galego, romeiro a Compostela, vítima da acusación de roubo por parte dun taberneiro: É tan certo ―díxolle o galego ao xuíz―, que son inocente coma que ese galo asado que vostede se dispón a comer bote a cantar. O galo, sabédelo, cantou e a forca foi o destino do falso acusador.

A oitava ponte, a das terras libres, como a república independente do Couto Mixto, onde, sen embargo,  dormen o sono eterno xente da realeza, disque unha princesa e a mesma Raíña Loba, fuxitiva de quen sabe que ou quen.

A novena ponte, a da confianza, coma a que lle demostraron uns veciños portugueses a Calote de Casares cando lle contaron dos dous xigantes de ouro que hai no Castro Morgadán, en Carballedo. A décima ponte, a da solidariedade, a dos segredos compartidos, desde cando os nosos veciños nos advertiron  não perdoen ao Meco, porque ele nos cornudou. E a ponete número once, ea doce... e outras moitas polas que transita a nosa poesía medieval, a da música popular, a  da interacción entre os centros educativos e o fomento da rede de escolas promotoras de Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués na procura do recoñecemento deste patrimonio por parte da UNESCO, a da oralidade como forma de comunicación e de transmisión de saberes, a do recoñecemento dos tesouros humanos vivos...

Mil pontes en construcción  que conflúen na do futuro compartido, xa que se fomos quen, uns e outros, de albiscar no océano a esperanza en figura de illa de San Borondón, ou Brandán, a illa de Santo Amaro, a illa Balea, a do Sal ou a dos Benaventurados, Florida ou Brasil... as terras do Paraíso das que xa gozaron Ero de Armenteira ou Trecenzonio; se fomos quen diso, digo, tamén seremos quen de construír xuntos un futuro.

E se alguén se extravíase nalgunha encrucillada desa travesía das ondas hercianas, alí onde se perda haberá un sinal da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas Ondas! para guialo por camiño certo e seguro.

5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Escritor, investigador e divulgador da literatura e da mitoloxía popular tradicional. Autor ou coautor de varios títulos de divulgación e de libros de creación no campo da literatura infanto-xuvenil.Creador e coordinador de contidos da web Galicia Encantada. »