Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manoel Santos

Pescanova non é un modelo, é un desastre

09:30 26/06/2009

A empresa transnacional Pescanova, de orixe galega, está acusada en medio mundo de sobreexplotar bancos pesqueiros, de contaminar as costas, de esnaquizar a biodiversidade mariña e de contratar en condicións laborais abusivas, até negando dereitos sindicais.

Dende Galiza para o mundo. A chantaxe
Pescanova acaba de inaugurar o día 21 de xuño en Mira (Portugal) unha planta de cría de rodaballos, unha fábrica de peixe para ser máis exactos, que pasa por ser a maior do mundo, como cada unha que crea o poderoso grupo. A devandita planta comezouse a construír cando, en 2007, o goberno galego entón compartido polo PSOE e o BNG, decidiu non permitir á empresa crear unha nova planta no cabo Touriñán, un espazo protexido da Rede Natura 2000. O plan sectorial de acuicultura que deixara aprobado o PP –en plena campaña electoral e logo retomado polo bipartito– creaba decenas de plantas de fabricación de rodaballo en espazos desta rede, a maioría na costa oceánica en estado completamente virxe. A reacción do Grupo pesqueiro que dende Vigo preside Manuel Fernández de Sousa foi inmediata: “Marchamos a Portugal”, que na Galiza sempre representa, neste contexto, o Terceiro Mundo de Europa, pois é a mesma ameaza que moitos empresarios do sector do metal regurxitan en plena folga dos traballadores polos seus dereitos.

Deslocalización no ventre do dragón capitalista

Como ben informa a organización ecoloxista galega Adega, para a planta de Mira o Estado portugués entregou a Pescanova –que se saiba– 45 millóns de euros en subvencións públicas directas –sen contar coas subvencións indirectas para melloras tecnolóxicas, infraestruturas de distribución, vantaxes fiscais…–, dos 140 millóns de euros do total do proxecto. Todo para criar, segundo a empresa, uns 200 postos de traballo –comezaron ofertando máis de mil–, aínda que en toda a costa galega pódese constatar que este tipo de plantas non adoitan empregar a máis de 50 persoas. Malia isto, facendo un rápido cálculo, resulta que cada emprego custou ás arcas públicas portuguesas nada menos que 225.000 euros, ou o que é o mesmo, Portugal pagará con cartos públicos o xornal completo dos traballadores e traballadoras de Pescanova –estimando 15.000 euros ao ano– durante 15 anos. Así calquera pon un negocio! (1)
Co cambio de goberno en Galicia, o PP volve ao poder e de novo, azuzados e envexosos pola inauguración portuguesa, á que ata acudiu o presidente José Sócrates, e que cubriron moitos diarios galegos a catro columnas en portada, ofreceu de novo a Pescanova violar o espazo virxe de Touriñán. Para que volvan á súa terra. Pescanova non o ve mal. Ao cabo, son dúas polo prezo dunha.

Para os ambientalistas galegos, que por miles levan dous anos saíndo á rúa para evitar o desenvolvemento deste tipo de plans na pouca costa virxe que lles queda, a patronal dos peixes planos –a acuicultura en Galicia é case exclusivamente destas especies e nunca para consumo local na súa maioría– é a que está dando conta da política conservacionista galega. Fronte aos postos de traballo, sempre sobredimensionados en número e calidade pola empresa e os medios de comunicación que domina, todos, a destrución ambiental dun dos grandes valores de Galiza parece un mal menor. É polo tanto obrigado informar de que prácticas vai Pescanova emprendendo polo mundo, para ver se a opinión pública é quen de rexeitar dunha vez por todas esas chantaxes.

Hai que pedirlle ao pobo dos galegos e das galegas que se informe de quen estamos a falar. Os postos de traballo de Pescanova, sempre menos dos que din e en condicións ben precarias, non só ameazan a nosa natureza e a nosa biodiversidade, esnaquizan os dereitos ambientais e sociais das poboacións máis vulnerábeis do planeta.

Arrasando cos mares do mundo. As prácticas
Pescanova nin é unha empresa modelo, nin o modelo de empresa que o mundo precisa. Pescanova é unha depredadora, un paradigma da globalización e unha experta da deslocalización. Para moitos galegos e galegas é unha vergoña e unha ofensa que esta transnacional leve o nome de Galiza no seu ADN fiscal, pois o fisco parece ser o único que importa aquí. Ben o di o director de Veterinarios sen Fronteiras, Gustavo Duch, referíndose a Pescanova: “Moitos son os premios que se outorgan hoxe en día, pero, que eu coñeza, non existe ningún especializado en laurear ás empresas e corporacións que mellor saben sacar rendemento aos principios neoliberais que rexen no mundo, a saber: maximizar por riba de todo os beneficios, competir sen límites nin protección, universalización do intercambio comercial e liquidación das culturas autóctonas. Pescanova, con todas as dificultades que supón abrirse camiño dende unha economía fóra do G8, é dicir, fóra da liga dos galácticos, empregou as mellores tácticas para merecerse o premio en cuestión e porse á altura de cracks como Nestlé, Monsanto ou Exxon, nun sector tan pouco punteiro como é a pesca. Dobre mérito.” (2)
A multinacional galega, cuxa estratexia é desde hai anos a de establecer empresas mixtas en terceiros países con regulamentacións ambientais, fiscais e laborais moi febles –ou inexistentes–, como Namibia (onde é o primeiro investidor estranxeiro), Mozambique, Chile, Honduras ou Guatemala (sen mencionar a vergoña de Portugal), contribuíu como ningunha outra a esnaquizar os caladoiros do mundo. Isto é o que denuncia Kiko Ortiz, do Observatorio da Débeda e a Globalización: “O modelo de empresas mixtas e venda de dereitos de pesca –aos que en moitas ocasións acódese para poder obter recursos e facer fronte así ao pagamento da débeda externa–, postas en marcha maioritariamente en África, saca á luz problemas de grande envergadura. En Senegal, por exemplo, este modelo eliminou en 15 anos a pesca local, e con ela o principal medio de obtención de proteínas nesta rexión de África. Acabouse co equilibrio sociocultural da rexión e co medio de vida de 47.000 pescadores artesanais en Senegal. E estes son procesos irreversíbeis que as empresas que os xeran non poden solucionar”. Convén sinalar, asemade, que os aproximadamente 5000 ou 6000 postos de traballo que Pescanova ten no mundo, non poden, por pura lóxica, absorber o emprego destruído por estas prácticas, e moito menos a autonomía e soberanía alimentar destas poboacións. (3)

Criando peixes de plástico. O despropósito
Ademais, Pescanova non só destrúe caladoiros, nin moito menos. A súa estratexia dende hai moitos anos vai tamén orientada á acuicultura, que pretenden que represente nos próximos anos a metade da súa produción e que hoxe xa anda polo 30 por cento. Os impactos do seu modelo acuícola, sempre con plantas que son “as maiores do mundo”, ten efectos devastadores no medio ambiente e nas poboacións locais. Deste xeito, obscenos anuncios da empresa, como o da planta de lagostinos que hai uns meses inaugurou en Nicaragua, polo visto tamén a maior do mundo, ocultan por exemplo que a produción acuícola desta especie, que se fai no 99 por cento en países empobrecidos, acabou en 20 anos co 25% das mangleiras do mundo (datos de Greenpeace). Mangleiras que proporcionan pesca, leña, evitan a erosión da costa e garanten a biodiversidade de boa parte das rexións ecuatoriais do planeta. (4)

O mesmo acontece co peixe de moda, o panga que Pescanova acaba de anunciar que producirá en Mozambique antes de final de ano. Sempre no sur. Como é o terceiro mundo non importa. "O mundo pide panga e Pescanova vaillo a dar", dicía de forma fachendosa Manuel Fernández de Sousa ante os medios de (des)información galegos. (5)

O verán pasado a Cooperativa de Armadores de Vigo e outras asociacións denunciaban a presenza de panga nos menús dos nosos colexios, hospitais e residencias xeriátricas. O motivo? Primeiro que viña de fóra –o que podemos chamar nacionalismo económico por interese–, de criadoiros abominábeis no Delta do Mekong de Vietnam, pero tamén que en análises de laboratorio, 6 de 8 mostras adquiridas en supermercados galegos contiñan Listeria monocytogenes, bacilo causante da listeriose, e nunha delas a bacteria portadora do cólera (Vibrio cholerae). Daquela, o líder da oposición galega e agora presidente, Alberto Núñez Feijóo, si que montou en cólera. Comería panga? Reproducimos na lingua oficial: “Sirviendo panga en los comedores de los colegios, hospitales y residencias geriátrias gallegas, se quejaba el presidente del PPdeG, no ayudamos al sector pesquero gallego a superar la crisis”. Foi o que lle dixo á tristemente célebre Carmen Gallego, ex conselleira de pesca da Galiza, unha das impulsoras dos macroproxectos acuícolas na costa galega exterior e agora sorprendentemente encargada da área ambiental do PSOE galego xa na oposición.
Pero as cousas cambian. Agora o presidente de Galiza está orgulloso de que a multinacional galega se vaia a expandir tanto en Mozambique –o que podemos volver chamar nacionalismo económico por interese, pero desta vez con certa desmemoria. Gustavo Duch define tamén o peixiño do que falamos: “o panga é o peixe de moda nos menús de bares e restaurantes, nas comidas escolares e en moitos hoteis, porque é branquiño, carnoso, gustoso e, sobre todo, barato. Primeiro foron os lagostinos criados no Ecuador ou na India, logo o salmón en balsas ao sur de Chile, a perca (que a venden como mero) de rexións esfameadas do Lago Vitoria e agora o panga que chega de China ou de Vietnam. Engórdanse asardiñados en gaiolas flotantes alimentándoos con pensos de fariña de peixe que chegan desde Perú e soia. É un peixe pois de acuicultura pero, coma os salmóns, o panga é unha especie que soamente se reproduce onde naceu. Para conseguir que desove ao noso antollo trátano con hormonas)”. (6)

Non hai por onde collelas. Os impactos
Os problemas ambientais xerados polas explotacións acuícolas de Pescarroba (http://www.pescarroba.net) son incontábeis: contaminación xenética de poboacións silvestres de peixes, verteduras de antibióticos e deterxentes, introdución de novos parásitos e virus nas poboacións autóctonas, descartes de pesca abraiantes para alimentar os seus peixes de plástico –para producir un quilo de salmón en Chile empregan 5 quilos de xurelo, e o mesmo acontece co rodaballo de Galiza, pois tamén é unha especie carnívora–, contaminación extrema por producir toneladas de refugallos que en moitas ocasións non se tratan, etc.

Hai un ano, varias ONG coordinadas pola Cátedra Unesco da Univ. Politécnica de Cataluña, presentaban o Informe Pescanova (7), no que acusan á filial de Pescanova –PescaChile– de sobreexplotar a pesca, de non xestionar os refugallos da acuicultura e de facer contratacións en "semi-maquila” (traballadores sen seguro, a miúdo sen sindicatos e co posto dependente só da produción que haxa, entre outras aberracións de carácter feudocolonial). (8)

Paremos a Pescanova. A reacción necesaria
Esta irmanciña da caridade que é Pescanova quere retomar agora o proxecto Touriñán en Galicia, pero sendo sinceros, poida que iso sexa o de menos. Non estamos aquí en condicións de protestar polo que permitimos, polo que levamos anos, séculos, permitindo que fagan noutros países e a poboacións moito máis vulnerábeis. Pero cando menos, se pode servir de exemplo para espertar as nosas conciencias, rexeitar as prácticas destas empresas castigándoas na nosa cesta da compra e saír á rúa, que ao cabo é nosa, benvida sexa a chantaxe institucional. Porque amigos, o capitán Pescanova resulta que é un Xeneralísimo global con todas as da lei.

NOTAS:
(1) Adega. A cara "B" das piscifatorías: sumidoiro de subvencións e destrución de emprego.
(2) Gustavo Duch. And the winner is: Pescanova.
(3) Kiko Ortiz. Pescanova.
(4) Greenpeace. ¿Quién paga el precio del langostino?
(5) La Voz de Galicia. Pescanova anuncia otra gran planta para cultivar panga en Mozambique
(6) Gustavo Duch. El panga Boom.
(7) Informe Pescanova en Chile.
(8) La lucha de las poblaciones locales contra Pescanova se puede consultar en Ecoceanos.cl

Más información en Altermundo

4,88/5 (33 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manoel Santos

Biólogo, escritor e produtor editorial. Militante altermundista. Colabora co xornal Galicia Hoxe en temas altermundistas e medioambientais. Director do suplemento horizontal mensual Altermundo, tamén en Galicia Hoxe. Tamén é responsábel de altermundo.org e colaborador do Igadi. »



Anteriores...