Vieiros

Vieiros de meu Perfil


David Rodríguez

Etoloxía do "wasp" autóctono

12:38 13/10/2009

Lía hai uns días unha crónica no diario Público que alertaba do aumento de ataques da extrema dereita norteamericana ao presidente Obama. No artigo mencionábase a un creador de opinador da Fox News, moi coñecido nos EEUU, convertido, segundo relataba o periódico, no «principal dedo acusador» desta campaña. O xornalista, que xa utilizara a nova dunha agresión por parte duns rapaces negros a un rapaz branco como proba irrefutable de que desde o acceso de Obama á Casa branca os EEUU estaban a se converter nun «país para negros», empregou, máis recentemente, o argumento de que co presidente mulato no goberno utilizábanse as escolas para adoutrinar aos rapaces.

Non nos soan aos galegos este tipo de argumentos? Acaso non contamos tamén entre nós con xente empeñada en destruír cada institución que non controla? Non nos resulta excesivamente familiar todo este show onde da excepción se fai norma, onde a manipulación substitúe a información e onde a linguaxe se retorce ata quedar irrecoñecible?

Que os grandes marxinados historicamente nos EEUU son os cidadáns de raza negra é algo máis que sabido. Que os wasp sempre combinaron o medo ao estranxeiro co medo ao negro como cortina de fume para desviar a atención doutras cuestión máis importantes que contribuísen a desaloxalos do poder, tamén. A novidade agora é que quen goberna non pertence –non polo menos bioloxicamente– á minoría wasp tradicionalmente hexemónica. De aí que os destronados bufen.
 
Levantouse por fin o segredo sobre o sumario da chamada trama Gürtel. Do mesmo despréndese que non habería practicamente ningún alto cargo do PP español que non estivese salpicado pola corrupción. Tamén se colixe que o PP galego podería estar enzoufado en merda ata as orellas. Pero o día inmediatamente despois a que todo isto fose feito público, Roberto Blanco Valdés, o creador de opinión estrela na Voz de Galicia, lonxe de dedicar a súa columna a tratar a fondo o latrocinio instalado na dereita española e galega, preferiu dedicala a proclamar a racionalidade de reoficializar os mesmos topónimos que no seu tempo deturpara o franquismo e a reclamar a derrogación da Lei de Normalización Lingüística aprobada por consenso. E isto non pode ser casual. Entre outros, este individuo e o xornal que o publica, foron os encargados de amplificar a vaga antigaleguista que conseguiu acabar co bipartito. Unha ofensiva desestabilizadora practicamente copiada das estratexias que a extrema dereita ianqui ven utilizando para tensar á sociedade desde os anos oitenta ata o presente.

Os herdeiros da vella extrema dereita española abandonaron hai tempo o seu antiamericanismo noventaeoitesco. Hoxe, os nosos wasps autóctonos, camuflados como demócratas ilustrados, pretenden convencernos, empregando a mesma hilaridade que os seus mestres ianquis, de que a senrazón é a razón, de que a reacción é o progreso e de que o privilexio é o dereito.

Espantados ante a perspectiva de dilapidar o capital de credibilidade que en teoría ten a dereita no que ao manexo dos cartos públicos se refire e temerosos de que os seus propios votantes actúen como aqueles seareiros de Pinochet que perdoaban todas as barbaridades do ditador excepto que roubase, seguirán á procura de calquera cousa que os axude (e pouco lles importa se polo medio hai que dinamitar todo o estado autonómico) a manter ao electorado distraído ata as próximas municipais.

Velaquí o tipo de irresponsables que andan a xogar ca nosa lingua e o cotroso das súas razóns.

4,36/5 (25 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



David Rodríguez Rodríguez naceu en Vigo en 1975. Forma parte do Consello Dinamizador do I Foro Social Galego e é autor do blog O Funambulista Coxo. »



Anteriores...