Vieiros

Vieiros de meu Perfil


25 de abril

20 anos sen o Zeca

Hai 33 anos, a través das ondas de Rádio Renascença, no programa Limite, o xornalista e poeta mozambicano Leite de Vasconcelos pinchou unha canción ás 00.20: a voz de José Afonso entoando 'Grândola Vila Morena' foi o sinal que agardaban os combatentes contra a ditadura para comezar as operacións da revolución máis pacífica da Historia. O Zeca deixounos hai vinte anos, pero a súa memoria aínda segue viva nunha beira do Miño e na outra.

Lara Rozados - 12:07 25/04/2007
O aveirense José Manuel Cerqueira Afonso dos Santos morreu con 58 anos, vítima da esclerose, en Setúbal. Vinte anos despois do seu pasamento, Galiza e Portugal seguen a lembralo como unha figura clave da Historia: viviu o colonialismo feroz en Angola e Mozambique durante a súa infancia, o salazarismo do seu tío Filomeno, con quen viviu en Belmonte na súa adolescencia, e pronto contactou co fado en Coimbra. A miseria dos arrabaldes de Porto, os poemas da resistencia antifascista e a súa propia teima revolucionaria eran fonte de inspiración para compoñer cancións, mentres seguía exercendo como mestre. O seu propio activismo contra o réxime provocou a súa expulsión do ensino, e para sobrevivir aferrouse ao que tiña: a música. Por volta de 1964, sae o disco Baladas e Canções. Comeza entón unha carreira que seguirá con traballos como Cantares de andarilho, Cantigas do maio, Venhan mais cinco, ou, xa despois do 25 de abril do 74, Coro dos tribunais. Así até Galinhas do mato, no 85, cando a súa doenza xa lle impedía cantar boa parte dos temas.

Grândola en Galiza

Antes de que Grândola soase na Rádio Renascença, o 10 de maio de 1972, Zeca realizou a súa primeira xira por Galiza. Un dos concertos foi no Burgo das Nacións compostelán, e alí cantou por primeira vez os versos “Dentro de ti, ó cidade, o povo é quem mais ordena”. O vínculo do cantautor coa nosa terra foi sempre moi fondo: o seu último concerto en Galiza foi en Vigo no 81, e alí, en Castrelos, xuntáronse catro anos despois milleiros de persoas nunha homenaxe, co fin de recadaren cartos para axudalo a loitar contra a súa doenza. O concerto rematou, como non podía ser doutro xeito, con Grândola Vila Morena. Os beneficios foran destinados á Associação José Afonso (AJA). Emilio Cao, Luis Pastor, a coral De Ruada, Maria del Mar Bonet, Milladoiro ou Pi de la Serra fixeron a posteriori varias homenaxes, coordinados en gran parte polo cantante galego Benedicto, compañeiro de escenario en varias ocasións do portugués: a canción “Nosa Senhora da Guía” (podemos escoitala no blog de Benedicto), popular a unha beira e outra do Miño, é resultado da súa colaboración. dende o 74 distanciáronse (só no artístico) e Bibiano foi o novo compañeiro de Benedicto. Vinte anos despois do falecemento do Zeca, aínda é lembrado con cariño polos que foron os seus compañeiros e toda a xente á que lle chegou a súa mensaxe, tanto en Portugal como Galiza.

Novas relacionadas

Cravos

Compostela celebra o 25 de abril con cinema

Estes días contaremos cunha serie de proxeccións que nos achegarán á lusofonía e ao propio 25 de abril: a Gentalha do Pichel presenta un documental e...
Dulce Pontes, Zeca Medeiros e Uxía

A homenaxe a Zeca nas nosas pantallas

A noite do 25 de abril é a propia para gozar da retransmisión da homenaxe ao Zeca Afonso que tivo lugar o pasado venres 13 de abril en Pontevedra. A...


A volta

Nun proxecto inédito de colaboración, a TVG como a RTP emitiron este 25 de abril o concerto homenaxe que tivo lugar hai unhas semanas en Pontevedra. Nel xuntáronse tanto artistas galegos como dos países da lusofonía, do mesmo xeito que no 85 se celebrara un concerto no que participaran mesmo representantes do Timor Leste.

A volta

'As armas e o povo' é título do documental proxectado polo Cineclube de Compostela na Gentalha do Pichel. Na residencia universitaria Monte da Condesa houbo mostra sobre a represión da ditadura no Brasil, o colonialismo en Angola e o máis novo do cinema portugués.

A volta

A Real Filharmonía de Galicia inclúe no seu concerto no Auditorio o xoves 26, as Cancións portuguesas de Halffter e Encruzilhada, do compositor Braga Santos, como homenaxe a este trixésimo terceiro aniversario da Revolución dos Caraveis.

4.56/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: